A Marea Atlántica imponse por catro votos ao PP, que se aferra ás impugnacións

Xulio Ferreiro, ao chegar á sede da Marea Atlántica CC-BY-SA Marea Atlántica

"Xulio chega en maio". Con este xogo de palabras, a Marea Atlántica anunciaba na última semana o asalto á alcaldía da Coruña. Era unha mensaxe electoral máis dunha plataforma que vía crecer os seus apoios a cada día de campaña, pero que nin nas súas mellores expectativas esperaba o tal resultado. Gañou as eleccións. É a lista máis votada. 

Co 100% escrutado, a Marea Atlántica supera o PP por 4 votos aínda que os populares aseguraban que os seus datos os situaban diante

Confiaba en poder ser alternativa de goberno, pero agora podería gobernar mesmo en solitario. Co 100% escrutado, a Marea Atlántica supera en 4 votos ao PP do actual alcalde, Carlos Negreira, que aseguraba o domingo de madrugada que os datos dos seus interventores e apoderados lle daban a vitoria por 54 papeletas. Os populares paralizaron o reconto coas súas impugnacións en 15 mesas por diferentes "incidencias definitivas", tal e como explicou a Delegación do Goberno, e o vindeiro mércores a Xunta Electoral podería decidir sobre elas. O Ministerio do Interior, non obstante, xa publicou uns resultados definitivos que lle dan 36.842 votos á plataforma cidadá e 36.838 ao PP

Sería unha diferenza importante pero que non parece que vaia ter consecuencias prácticas. Un novo golpe de efecto da Marea no caso de que se confirme o que os datos oficiais xa asumen. "A xente votou cambio e estamos en disposición de liderar un goberno", aclarou Xulio Ferreiro. Sexa como for, a plataforma iguala a dereita con 10 concelleiros, supera o 30% dos votos, lidera con amplitude o espazo da esquerda e da alternativa e contará co apoio -acordo de goberno ou facilitación da investidura mediante- de PSdeG e BNG. Aínda así, Negreira mantén a esperanza de gobernar e aférrase á alcaldía, lanzando un órdago que parece imposible aos socialistas. 

A plataforma supera o 30% dos votos e coa confluencia superou en case 8.000 á suma de PSdeG e BNG

"Hai dous partidos con 10 concelleiros [Marea e PP] e outro partido que pode votarse a si mesmo [o PSOE de Mar Barcón, con 6 edís], co que automaticamente goberna a lista máis votada... Ou facer outro movemento, votar a un ou a outro", reflexionou o aínda alcalde Negreira, que atribúe a perda duns 15.000 votos e máis de dez puntos a "factores externos" e que presume de que os números do PP coruñés están "por riba da media dos resultados electorais" dos seus compañeiros no Estado. 

No outro lado, a unidade popular conseguida pola Marea superou en case 8.000 votos aos obtidos polo PSdeG e polo BNG xuntos. Esa foi a gran forza da Marea. "É o maior espazo de confluencia do Estado", adoitan dicir os seus impulsores. Liderada por persoas sen militancia en partido ningún -o tres primeiros da lista non pertencen a ningunha formación-, a plataforma conta co apoio de EU, Anova, Podemos, Espazo Ecosocialista, CxG ou Equo, pero logrou o agromar dunha marca propia. Un punto azul que aparece aínda pegado nalgunhas xanelas da cidade e cuxas chapas locen con orgullo moitos coruñeses. Hai partidos, pero non é un partido. Ou non polo menos como se adoita concibir.

Negreira lanza un órdago imposible ao PSOE para que apoie a súa investidura 

Tampouco o seu cabeza de lista se considera un político típico. Elixido por consenso e ratificado polas primarias máis participadas da Coruña, este profesor de Dereito de 40 anos deixou a súa praza de maxistrado suplente na Audiencia Provincial de Lugo para embarcarse neste proxecto político. Antes, como estudante universitario, estivo vinculado aos CAF e posteriormente ao sindicato CIG, chegando mesmo a ser presidente do comité de empresa do profesorado laboral da Universidade coruñesa. Tamén foi militante do BNG, pero apostou pola chamada "nova política", convencido de que os partidos tradicionais non eran dabondo para o cambio.

 

Un movemento de menos dun ano de vida

Así, xunto a outras moitas persoas do movemento social, sindical e veciñal da cidade impulsou hai case un ano un manifesto que contou co apoio de ilustres como o escritor e xornalista Manuel Rivas. A Marea Atlántica aparecía no Estado case ao mesmo tempo que Guanyem Barcelona e foi referencia en Galicia de entre os espazos de confluencia partidaria e cidadá. Sumou miles de sinaturas, creou mareas de barrio e sectoriais, percorreu a cidade e foi sumando apoios, tamén os de Ada Colau. Conseguiu en poucos días 12.000 euros para a campaña a través dunha colecta por internet e destapou o asociacionismo e activismo coruñés tantas veces agochado ou censurado. E todos os partidos que sumaron o seu apoio implicáronse na vitoria, tamén -e activamente- Podemos, a pesar de que nas primarias os seus candidatos quedaron relegados a postos testemuñais da lista. A visita de Pablo Iglesias á Coruña deu o impulso definitivo.

A Marea rachou cos tópicos dunha cidade envolta na nebulosa creada polo localismo de Francisco Vázquez

A Marea rachou tópicos sobre unha cidade envolta desde hai décadas na nebulosa creada polo peculiar cantonalismo localista de Francisco Vázquez e os poderes fácticos. "Eses que teñen secuestrada a cidade e o seu poder simbólico, que a queren facer pasar por cidade provinciana, gobernada por unhas elites e onde a cidadanía non ten nada que dicir", dixo Xulio Ferreiro consciente das dificultades e das pedras que lle porían no camiño. E lanzouse a por un goberno municipal que durante os últimos catro anos en mans do PP  estivo salpicado de corrupción, Pokémon e Pikachus ou de polémicas e millonarias obras que chegaban á vez que crueis desafiuzamentos que saltaron a todas as portadas.

"É practicamente o único profesor co que podías fumar un cigarro e falar fóra da facultade", dixo tras coñecer a súa vitoria un antigo alumno de Ferreiro. "Teremos que seguir sendo xente normal", advertiu o futuro alcalde ante a posibilidade de que accedese ao poder. "Isto farémolo entre todos e todas", asegurou despois de coñecer os resultados electorais. En galego, claro, nunha cidade onde o idioma propio tamén foi arrinconado e invisibilizado durante anos. Este fiel seguidor do Deportivo xa advertiu que seguirá acudindo a ver os partidos á bancada de General, o fondo máis popular e populoso do estadio de Riazor.

"Aínda non somos conscientes do que acabamos de lograr", escoitouse pola sede da Marea en plena celebración

Hai catro anos, o PP logrou a maioría absoluta e por primeira vez situou o seu candidato na alcaldía da Coruña. Un día antes, o Deportivo descendera a Segunda División despois de máis de 20 anos ininterrompidos na elite. "Esta vez será todo ao revés, non me cabe ningunha dúbida", dixo a dous días de finalizar a campaña. Pareceu unha arroutada. O equipo salvouse o sábado e a Marea gañou o domingo. Aínda non se sabe cal das dúas cousas parecía máis improbable. "Aínda non somos conscientes do que acabamos de lograr", escoitouse de madrugada nunha sede onde se alongou a festa marcada pola buguina que fixo soar Manuel Rivas. A que indicaba que a marea era pleamar. 

Manuel Rivas, durante a noite electoral na sede da Marea Atlántica CC-BY-SA Marea Atlántica
Xulio Ferreiro celebra a vitoria na seda da Marea Atlántica CC-BY-SA Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.