As urnas premian a xestión do BNG en Vimianzo e Carnota e castigan o PP en Sarria

Castelo de Vimianzo © Turgalicia

Os e as votantes premiaron a xestión dos alcaldes de Vimianzo (Manuel Antelo, BNG) e Carnota (Ramón Noceda, BNG) e, pola contra, castigaron a do rexedor de Sarria (José Antonio García López, PP). Tres localidades que viviron sucesivos conflitos (de moi distinto tipo) ao longo dos últimos catro anos.

En Vimianzo, Manuel Antelo viviu unha boa parte da lexislatura imputado en causas iniciadas por algúns dos grupos da oposición, sectores que durante anos ocuparan o poder municipal na localidade. Por fin en febreiro deste mesmo ano éralle retirada esta imputación, por posibles delitos de prevaricación e vulneración de dereitos, orixinados na frustrada moción de censura que en 2013 quixeron presentar un grupo de edís, entre eles dous concelleiros tránsfugas, expulsados do PSdeG-PSOE por estes feitos. No seu auto, ademais, o fiscal criticaba o uso da vía penal polos operadores políticos "como instrumento para dilucidar as súas contendas partidarias, movidos moitas veces por intereses electoralistas ou por conseguir maiores cotas de poder".

Despois de anos moi duros, como el mesmo recoñeceu nalgunha entrevista, Antelo subliñaba que con estas acusacións e outras manobras "tentaron desestabilizar o Goberno municipal" e provocar "tensión, confrontación política e desasosego social xunto cunha mala imaxe para o concello de Vimianzo”. Porén, destacaba, "a xente estivo aí, estivo apoiándonos". E, á vista dos resultados electorais deste domingo, semella que Antelo estaba no certo. En Vimianzo o BNG obtén unha contundende maioría absoluta, con 8 de 13 edís e un 53% dos votos, duplicando o resultado acadado en 2011. Independentes por Vimianzo (a formación que impulsara a moción de censura), PSdeG-PSOE e PP, que hai catro anos obtiveran tres representantes cada un, quedaron nesta ocasión con 2, 1 e 1, respectivamente.

Para Antelo os resultados, que cualifica de "revolución social" significan "a consolidación dun cambio que iniciamos hai catro anos"

Para Antelo os resultados, que cualifica de "revolución social" significan "a consolidación dun cambio que iniciamos hai catro anos". "Foi unha aposta por un proxecto diferente, por situar a Vimianzo na vangarda dos concellos que van transformar conxuntamente a realidade do país", dixo. "Esta maioría permítenos desenlver unha serie de políticas que temos que construír en diálogo coa cidadanía. O noso é un proxecto baseado no interese público. Temos que continuar este camiño con firmeza, construíndo ese Vimianzo que contribúa a facer unha Galicia distinta, onde se superen as políticas do Partido Popular", engadiu.

Entre as prioridades para os vindeiros catro anos, Antelo sitúa a aposta por "mellorar a calidade de vida no medio rural", con políticas de vivenda que permitan fixar poboación "a través da rehabilitación e da mellora de servizos". Outro dos eixos serán as políticas destinadas a favorecer as iniciativas emprededoras e o dinamismo social, facilitando o asociacionismo en todos os ámbitos, e farase fincapé nas políticas de "transparencia" e apostando pola mocidade, "a grande esquecida".

Antelo: "Se somos capaces de gañar maiorías sociais para gobernar determinadas localidades, tamén temos que ser capaces para gañar maiorías sociais para gañar o país para o nacionalismo"

En canto á valoración xeral dos resultados do BNG, moi positivos nalgúns concellos e moi negativos en determinadas cidades e vilas, Antelo considera que "se somos capaces de gañar maiorías sociais para gobernar determinadas localidades, tamén temos que ser capaces para gañar maiorías sociais para gañar o país para o nacionalismo". "Nestas eleccións demostrouse que o noso país ten unha sociedade moi viva, que non é unha sociedade conservadora, que hai un amplo camiño para un cambio político urxente para erradicar as políticas de atraso do PP" -di- "O BNG ten que fixarse nos novos escenarios que se abriron e tentar que os alcaldes nacionalistas teñan referentes no ámbito de Galicia antes que noutros ámbitos".

 

Carnota:

O BNG acadou a maioría absoluta en Carnota, crecendo dous edís (de 4 a 6) e 228 votos con respecto a 2011. O gran derrotado da xornada foi o Partido Popular do imputado ex alcalde José Oreiro, acusado dun presunto delito de prevaricación xunto coa número 3 da súa candidatura, a deputada Marisol Piñeiro. O PP quedou con tres edís, dous menos que hai catro anos, e perdendo máis de 500 votos. O PSdeG-PSOE, pola súa banda, mantivo os seus dous representantes, pero tamén perdeu 150 votos.

O resultado do BNG en Carnota permitirá manter o goberno "mais esta vez sen estar sometido a outra atadura que a obediencia veciñal"

O Bloque "os apoios veciñais que nos levaron en tromba a esta vitoria que non hai demasiado tempo parecía impensábel" e, en xeral, a todas as persoas que ao longo da lexislatura "nos acompañou, transmitíndonos o seu ánimo, propostas, tamén queixas". O equipo liderado por Ramón Noceda salienta que a vitoria acadada "consolida o proxecto nacionalista, honesto, xusto e participativo que o BNG lle propuxo a toda a veciñanza no 2011, e que catro anos despois volve a ser refrendado con máis forza aínda" e que permitirá manter o goberno "mais esta vez sen estar sometido a outra atadura que a obediencia veciñal".

E é que non foi unha lexislatura doada para Noceda e os seus, comezando polas terribles consecuencias do incendio que arrasou o Monte Pindo e que puxo en perigo esta marabilla natural, ademais de aos propios veciños e veciñas e ás súas vivendas. E, ademais, pola situación aberta a nivel xudicial polos presuntos delitos cometidos polo anterior rexedor nunha contratación fraudulenta realizada en 2007. Neste caso, ademais, no pleno municipal celebrado o pasado 10 de abril PP e PSdeG-PSOE sumaron os seus votos para impedir que o Concello de Carnota puidese exercer a acusación particular.

A este respecto o BNG criticou que "a dirección municipal do PSOE, en lugar de defender aos veciños de Carnota e perseguir un presunto delito de prevaricación, preferiu mirar para outro lado, coa vista posta nun posible pacto nas vindeiras eleccións municipais". "En Carnota todos saben que desde o día seguinte das eleccións de 2011 comezaron os contactos entre PP e PSOE para un goberno conxunto. O verdadeiro escándalo é que se hai un pacto esté a fraguarse de espaldas á veciñanza e con nocturnidade e alevosía", sinalaba o BNG nun comunicado. O resultado electoral permítelle ao Bloque gobernar en solitario, e evita que se teña que comprobar a veracidade desas sospeitas.

 

Sarria: cerca de ser "un pobo de Venezuela ou Grecia"

En Sarria o último ano e medio de lexislatura estivo marcado polo conflito iniciado polo proxecto de encanamento do río que atravesa a vila, impulsado polo Concello, o Goberno central e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e moi contestada por unha parte importante da veciñanza da localidade e a maior parte das forzas da oposición. As urnas debían servir para xulgar a xestión do alcalde José Antonio García López (PP) e, moi concretamente, un proxecto que modificaba substancialmente a faciana do Paseo do Malecón, unha actuación no que, ademais, as forzas da oposición acusaban o Partido Popular de falta de diálogo.

A medida que o conflito avanzaba, a distancia que separaba a José Antonio García López e a unha parte importante da sociedade sarriana fíxose máis grande, incrementándose igualmente as actitudes autoritarias pola súa banda. A Plataforma Sarriana polo Río denunciou que en marzo o rexedor ordeara "persoalmente" a retirada de dúas faixas nas que nunha rúa da localidade se podía ler "Grazas, Sarria" e "Sen medo ós gobernantes, sen medo ó caciquismo, sen medoá represión". En resposta, a entidade sinalou que "coas súas actitudes o señor García só está conseguindo manchar reiteradamente o cargo institucional que na actualidade ostenta e que debería respetar en todo momento".

O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, elevou o nivel de confrontación durante a campaña, cando nun mitin celebrado na localidade pediu o voto para o PP "se queredes que Sarria siga sendo Sarria, un pobo da provincia de Lugo e un pobo galego, e non queredes que Sarria se converta nun pobo de Venezuela ou nun pobo de Grecia".

Núñez Feijoo pediu o voto para o PP "se queredes que Sarria siga sendo Sarria, un pobo da provincia de Lugo e un pobo galego, e non queredes que Sarria se converta nun pobo de Venezuela ou nun pobo de Grecia"

Pois parece que Sarria terá agora como capital a Caracas ou Atenas, pois o PP perdeu a maioría absoluta que acadara en 2011. Dos 9 concelleiros e 3.800 votos de hai catro anos (44,59%), pasou a 7 edís, caendo 800 votos e sete puntos. Gobernará, presumiblemente, o PSdeG-PSOE de Pilar López, a pesar de obter un concelleiro e 700 votos menos que en 2011. Baixa tamén Independentes de Galicia, que perde un edil e non será determinante en posibles pactos. Si o será Compromiso por Galicia, a gran sorpresa do domingo en Sarria, onde obtivo tres concelleiros e un 16% dos votos. O BNG tamén creceu, pasando de 1 a 2 representantes. O apoio de CxG e BNG será imprescindible para levar á socialista Pilar López á alcaldía.

Manuel Antelo, alcalde de Vimianzo © BNG
Manifestación en Sarria contra as obras na ribeira do río CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río
Concello de Carnota © ayuntamientos.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.