Noia e Lousame son dous dos escasísimos concellos nos que houbo algún espectáculo taurino na última década. No caso de Lousame está rexistrado un destes eventos e en 2011 e en Noia, que derrubou a súa praza de touros para construír un instituto a finais dos 80, a retirada do apoio ás touradas derivou na súa fin a partir de 2007. O ex alcalde de Lousame polo PP, Santiago Freire, foi o candidato do PP noiés o pasado domingo e, como alcaldable da lista máis votada, aspira a formar goberno, aínda que cabe a posibilidade dun goberno de coalición liderado polo PSdeG. Na súa condición de membro do Parlamento Freire foi este martes o encargado de poñerlle voz ao veto do PP a unha proposición de lei que pretendía prohibir de vez as touradas no país.
Despois de que en xuño de 2013 Freire xa representase o seu partido no rexeitamento dunha proposta moi semellante, formulada daquela polo BNG, desta volta reciclou boa parte dos argumentos empregados daquela para facer o propio cunha iniciativa de AGE. O grupo de Alternativa, representado por Eva Solla, propuña eliminar as excepcións que perviven na lei de protección dos animais para vetar así en territorio galego tanto os espectáculos taurinos como o tiro ao pombiño. Pero Freire advertiu de que a bancada da dereita non o ía permitir, entre outras cousas, por tratarse dunha suposta tradición.
Freire, alcaldable do PP en Noia, argumentou afirmando que "mal que lles pese a algúns, Galicia forma parte do Estado español"
O aspirante a dirixir o Concello de Noia "recórdalles" aos grupos da oposición que, "mal que lles pese a algúns, Galicia forma parte do Estado español" e, polo tanto, "determinadas tradicions do ámbito estatal tamén afectan á nosa comunidade autónoma". Aínda admitindo que "calquera práctica" que implique o "sacrificio" dun animal "produce un certo nivel de sufrimento", Freire insta a comezar por determinar que está "libre de pecado" neste ámbito para que "tire a primeira pedra". Nesta liña, como noutras ocasións, bota man do apoio ás touradas por parte do "señor Paco Vázquez, promotor de espectáculos taurinos na Coruña" ou aférrase á celebración da Festa do Boi en Allariz.
Eva Solla (AGE): "Se non hai público e os animais sofren, cal é o interese de seguir protexendo o lobby taurino?"
Neste contexto, e "dado que os espectáculos taurinos son residuais" en Galicia, Freire indica que o PP non considera "oportuno abordar a curto prazo e unilateralmente a modificación da lei". "Previamente", afirma, cumpriría "pulsar o sentir e a participación real dos cidadáns neste tema" e facelo baseándose en "datos contrastados", indica, para retrucar os pobres datos de asistencia aos que aludira a autora proposta, tirados do Ministerio de Cultura.
"Parece que os datos do Ministerio de Cultura non son contrastados, poderíallo dicir sobre a reválida e a lei Wert", ironizou Solla na súa resposta. "Se non hai público, se os animais sofren, se é unha excepción" e se "practicamente non hai xente que queiran ir" e a maioría da poboación galega se declara "fundamentalmente antitaurina" a deputada de AGE pregúntase "cal é o interese de seguir protexendo o lobby taurino".
Na mesma liña, Ana Pontón, do BNG, lembra que "os estudos demoscópicos nos din que máis dun 90%" das persoas "están en contra das touradas" e só "unha ultra minoría considera que deben seguir sendo financiadas" polas administracións". Asemade, a socialista Patricia Vilán lamenta que os populares opten por manter na lei esta "excepción deshonrosa" que non debería pervivir "nunha sociedade civilizada". Finalmente, a maioría absoluta dos populares permitiu que todo fique como estaba.