"Gustaríame unha marea galega de nacionalistas e non nacionalistas de cara ás xerais"

Rafael Cuiña, nun acto da campaña electoral Dominio Público @Compromiso_xGal

Rafael Cuiña será o novo alcalde de Lalín. A perda da maioría absoluta do PP de José Crespo deulle a posibilidade de formar goberno ao candidato de Compromiso por Galicia, que irrompeu con máis do 25% dos votos e 6 concelleiros como segunda forza no consistorio. Acordada xa a súa investidura, o fillo do ex conselleiro negocia agora a conformación dun "goberno progresista" xunto a PSdeG, APAC e BNG. A capital do Deza únese así a unha importante lista de vilas medias nas que a dereita perdeu o poder que ostentaba desde hai anos. Entre alertas pola retirada masiva de ordenadores no Concello, o que será novo rexedor anuncia unha auditoría malia "non ter sospeita ningunha" de nada. Ademais, analiza a situación de CxG, ao que cre que hai que "darlle unha volta", e da política galega. "O agromar das mareas apunta ao comezo dun cambio; PP, PSOE e BNG están nun momento electoral moi complicado", di. 

Agardaba estes resultados ou foron unha sorpresa?

Para ser sincero, esperaba o número de concelleiros que sacamos e sabía que as enquisas erraban. Sabía do apoio da nosa candidatura pero hei de recoñecer que pensaba que o PP andaba no limiar da perda da maioría absoluta pero que non a ía perder como así foi finalmente. Eles contaban con pasar de 14 a 16 concelleiros nuns termos prepotentes que non se correspondían coa realidade. 

"Agardaba o número de concelleiros que sacamos, pero non que o PP perdese a maioría absoluta"

Ten asegurada a alcaldía e un goberno estable?

Está acordada a investidura e xa falamos co PSdeG para o futuro goberno, pero as outras dúas forzas teñen os seus tempos e eu teño que respectalos. Estamos empezando a artellar o futuro goberno local, pero antes de sentar co resto de forzas políticas non me pode pronunciar. Si teño claro o que estou disposto a negociar e o que non como forza máis representativa da alternativa. 

Prometeu unha auditoría nada máis chegar, espera atopar algunha sorpresa?

Nin espero nin deixo de esperar. Creo que calquera goberno novo que entre a xestionar algo que antes fixeron outros ten que presentar á cidadanía a situación exacta do Concello, pero non é cuestión de vinganzas nin de sospeitas. Creo que todo o mundo ten dereito a saber a situación do seu municipio, onde se invisten os cartos e se hai algunha situación irregular. Todo o debe saber a cidadanía, pero non teño ningún tipo de sospeita. 

"Fago a política que aprendín na miña casa; mirando aos ollos da xente para saber os seus problemas de primeira man"

Facer campaña na súa vila, sendo fillo de Xosé Cuíña... É algo especial?

É o tipo de política que aprendín na miña casa e onde me atopo cómodo. Ir parroquia por parroquia e lugar por lugar, mirándolle aos ollos á xente para saber os seus problemas de primeira man. Axiña volverei de novo a cada unha das parroquias, en canto sexa a investidura, porque o rural de Lalín é moi importante, ten unha potencialidade de desenvolvemento enorme e está desatendido como hai tempo que non o estaba. 

Afronta Lalín unha problemática social e de precariedade coma a doutros concellos?

Estamos falando dunha contorna económica que tiña pleno emprego e agora ten entre 1.600 e 1.800 desempregados. E que sofre como poucas zonas a enorme crise do sector lácteo. A comarca de Lalín é a que máis cabezas de gando ten en Galicia despois da da Pastoriza. Por todo isto, a situación e realmente preocupante e hai sectores estratéxicos que temos que abordar e tratar duramente para intentar que haxa un novo futuro. 

Foi máis recoñecido polo seu traballo ou por ser fillo de Xosé Cuíña?

As dúas cousas inflúen. Loxicamente non estamos falando de calquera persoa. Xosé Cuíña é un referente aquí, pero houbo un recoñecemento ao traballo da nosa candidatura durante moitísimo tempo, máis que nada porque creo que moita xente nos estaba agardando mentres o PP se dedicaba a dicir que eu era un neno bonito que non ía facer nada e que só pretendía valerme do meu apelido. Fixemos un duro traballo en todos os lugares, durante horas e horas, como me ensinaron na casa. 

"O proxecto de CxG vale perfectamente para Lalín, pero tamén para unha gran cantidade de concellos do país"

Lalín foi unha desas vilas medias onde o poder que parecía hexemónico do PP caeu. É Compromiso por Galicia (CxG) clave para un cambio máis amplo no futuro ou nas municipais non é tan importante o partido?

En Lalín creo que pesaron outro tipo de factores respecto de Compromiso por Galicia noutros lugares, se cadra polo nivel de coñecemento do seu candidato. Foi diferente, pero eu creo que as políticas galeguistas e de progreso que proclama a miña formación nos seus documentos políticos valen perfectamente para Lalín pero tamén para unha inxente cantidade de concellos no país. 

Que lle parecen os resultados de Compromiso nas eleccións municipais?

Son uns resultados correctos e defendibles, pero creo que o proxecto necesita que se lle dea unha volta porque teño a sensación de que a xente, aínda hoxe, non sabe exactamente onde está Compromiso e o que quere Compromiso. Sabémolo os que estamos dentro, os que traballan nel... Pero creo que hai que darlle unha voltiña para que a xente saiba que este é un proxecto galeguista e progresista sen ningún tipo de rodeos. 

"O proxecto de CxG necesita que se lle dea unha volta; a xente non sabe exactamente onde está e o que quere"

CxG confluíu na Marea Atlántica, intentouno na de Ourense e rexeitouno en Compostela, son estes diferentes criterios os que poden provocar esa indefinición que percibe a xente?

Este tipo de cuestións, sobre todo en lugares como Ourense, onde creo que desde o primeiro momento se debeu presentar unha lista propia, deron lugar á confusión e a que moita xente non saiba o que é Compromiso a día de hoxe. É unha mágoa porque creo que somos un partido que polas súas características debería ter un peso político relevante na política galega dos vindeiros anos. Se lle damos esa pequena volta e ese matiz, estou convencido de que o podemos conseguir. 

Dixo tamén que agardaba que Lalín fose o quilómetro cero do rexurdimento do galeguismo...

É unha intención, pero non quero parecer prepotente. 

"O agromar das mareas apunta ao comezo dun cambio; PP, PSOE e BNG están nun momento electoral moi complicado"

En todo caso, cre que o agromar das mareas e o cambio político en moitas cidades é o comezo dun cambio en Galicia?

En principio, apunta que si. Tanto o PP como o PSOE e o BNG están nun momento electoral moi complicado. Non creo moito na italianización da política galega e non creo que vaian permanecer por moito tempo demasiadas forzas, aínda que a min me parece ben para a democracia. A sociedade galega tende máis a unha sensación de estabilidade. Hai demasiada fragmentación que creo que se vai ir recompoñendo, pero isto non é un desexo, é unha opinión como humilde analista político. 

Esa recomposición basearase nunha maior amplitude e unidade arredor das chamadas Mareas?

Creo que si. De feito, de cara ás xerais gustaríame un movemento -chamémoslle Marea ou como se queira- que una nacionalistas e non nacionalistas para representar con forza a Galicia no Parlamento español. Hai que tender a isto. Creo moito na circunstancia cambiante porque non todas as eleccións son iguais e, se cadra, para unhas eleccións estatais si que se debe facer isto, aínda que para unhas eleccións galegas non o teño tan claro. 

"De cara ás xerais gustaríame un movemento, chamémoslle Marea ou non, que una nacionalistas e non nacionalistas para representar a Galicia"

Dixo que só estaría oito anos na política. Segue pensando o mesmo?

Claro, Faltaría máis. É un concepto que teño da política pero que non é exclusivo meu. Faino moita xente nos EUA, en Francia ou en Alemaña e mesmo Aznar, con todo o que me separa del, cumpriuno. Na política ninguén é imprescindible, creo na rexeneración e en que constantemente debe haber novas persoas e frescura. Saír da túa profesión, servir en política e volver á túa profesión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.