Baltar colleu o seu mapa. Pasaran pouco máis de vinte e catro horas das eleccións municipais cando o presidente do PP de Ourense, José Manuel Baltar, se presentou ante a prensa para avaliar os comicios. Como noutras ocasións o barón amosou o mapa da provincia ourensá, tinguido de azul agás nunha vintena de municipios. A súa baronía perdeu votos para o PP, si, pero fíxoo en moita menor medida que o PP no conxunto de Galicia e do Estado. E, sobre todo, o seu poder institucional apenas se vai ver resentido mentres practicamente todas as apostas e sosténs municipais e provinciais de Alberto Núñez Feijóo sofren un notable devalo. O baltarismo, unha vez máis, volve gañar.
O PP perdeu apoio en toda Galicia e Ourense non foi unha excepción, aínda que o descenso foi moito menos acusado. Os conservadores ourensáns recolleitaron o 24-M un 20% menos de sufraxios que en 2011. Mentres, os seus compañeiros de Lugo descenderon máis dun 22%, na Coruña deixaron polo camiño unha cuarta parte e en Pontevedra a caída foi superior ao 30%. "O apoio rexistrado ao PP en Ourense foi moito máis importante que as medias estatais e autonómicas", o que "converte a Ourense na terceira provincia" do Estado en apoio ao PP, destacan.
Baltar saca peito poñendo o acento tamén noutro dato. O seu 43,94% de votos é inferior ao 49,5% que logrou hai catro anos, pero é, con diferenza o maior apoio nas provincias galegas e tamén a menor caída, toda vez que Lugo quedou no 39% (hai catro anos chegou case ao 47%), A Coruña no 34% (41% en 2011) e Pontevedra, en algo menos do 33% (nas anteriores chegou ao 45%).
Todos estes números tradúcense nun intanxible fundamental: o poder institucional e, por extensión, no poder partidario. O barón provincial que Baltar ten ao norte, José Manuel Barreiro, perdeu alcaldías senlleiras e non logrou o seu cobizado obxectivo, a Deputación de Lugo. Na Coruña os populares perderon a Deputación que lograran en 2011 e ademais o presidente provincial, Carlos Negreira, saltou aos titulares por perder a alcaldía a mans da Marea Atlántica. Asemade, o PP de Santiago sucumbiu ante Compostela Aberta e a condición de forza máis votada non servirá para gobernar en Ferrol. En Pontevedra a aposta persoal de Feijóo en Vigo serviu para alargar o triunfo de Abel Caballero e para ratificar a perda da Deputación provincial cun Louzán en retirada.
Os dous principais bastóns de mando do PP van estar en Ourense, onde Baltar lembra que "se as do domingo fosen eleccións autonómicas", o partido mantería o seus escanos
Así está o "panorama xeral" que inspira unha "reflexión" de Baltar. "Ter o 42% das alcaldías de Galicia, ter a única Deputación provincial de Galicia, obter a maioría de concelleiros da capital e ser a única cidade de Galicia na que o PP poder optar a gobernar son boas noticias para os populares ourensáns". Traducido: os dous principais bastóns de mando do PP van estar en Ourense, aínda que un deles vaia ser ostentado por un enviado de Feijóo que estará seguido de cerca por Democracia Ourensana. Ademais, unha das escasas perdas de poder na provincia ourensá produciuse en Verín, onde Juan Manuel Jiménez Morán, con quen Feijóo tentou derrubar o baltarismo en 2010, perdeu a maioría absoluta e deixará de ser alcalde.
Así as cousas, José Manuel Baltar ultima xa o seu equipo para volver gobernar a deputación que comezou a comandar cando a herdou politicamente do seu pai, pero na que agora se ve referendado polo resultado municipal. Polo camiño deixa un aviso a navegantes: "se as do domingo fosen eleccións autonómicas" o PP "obtería os mesmos escanos que ten actualmente". Nas outras o PP caería en escanos, tanto como para perder a maioría absoluta e, polo tanto, a Xunta.