Podemos abre a porta á Marea Galega polo "particular ecosistema político" do país

Acto da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica

Lanzou o reto Yolanda Díaz, vicevoceira de AGE, no ateigado mitin da Marea Atlántica que xuntou na Coruña hai dúas semanas a Pablo Iglesias, Antón Sánchez ou Rosa Martínez ao carón de Xulio Ferreiro. Chamou a "constituír a Marea Galega" ao xeito da plataforma agora triunfante na cidade ou ao das que tamén alcanzaron a alcaldía en Compostela e Ferrol. "Porque somos quen e somos máis. Ou acaso non somos capaces de facer un programa de mínimos, priorizar rescatar as persoas ou poñer no centro de actuación o traballo digno?", dixo no acto no que se clamou pola "unidade popular" que alí representaban EU, Anova, Podemos e Equo e outras forzas.  

A aposta parece clara por parte das forzas que xa fundaron Alternativa Galega de Esquerda. Yolanda Díaz insistiu na necesidade da unión dos compoñentes nacionalistas, galeguistas, comunistas ou ecoloxistas para chegar á Xunta. E Xosé Manuel Beiras volve reclamar unha "fronte ampla". Mesmo Jorge Suárez, futuro alcalde por Ferrol en Común, cre xa que "sería un erro histórico" que non se chegase a confirmar esa Marea Galega que cre que "gobernaría Galicia". 

Yolanda Díaz pediu "construír a Marea Galega" e Beiras insiste nunha "fronte ampla"

A pelota está no tellado de Podemos, que no seu congreso de Vista Alegre deixou claro o que este mesmo xoves expresou o seu líder, Pablo Iglesias, en rolda de prensa. Insiste en que a formación, "coas súas siglas e co seu nome", debe ser "o paraugas que sirva como referencia do cambio a sectores moi diversos". Pretende que, "teñan carné ou non" do novo partido, aqueles "activistas ou persoas que aposten polo cambio", mesmo desde outros espazos, se unan a Podemos, que se presentará co seu nome ás eleccións xerais. 

Pero tamén deixou claro que pode haber excepcións. E citou expresamente a Cataluña e Galicia, dous "ecosistemas políticos" con "matices e particularidades". O compoñente nacionalista, a experiencia persoal de Iglesias no agromar de AGE pero, sobre todo, o éxito das mareas cidadás con maior confluencia malia non estar nin moito menos lideradas por Podemos poderían inclinar a balanza a favor dunha unidade na que a formación morada só sexa unha máis. Unha parte desa Marea Galega da que falou Yolanda Díaz. Porque Podemos non pode só ou iso é, cando menos, o que pareceron deixar claro os últimos comicios. 

Pablo Iglesias aposta por Podemos como "paraugas" para unir os "sectores polo cambio" pero recoñece as "particularidades" de Galicia e Cataluña

Pablo Iglesias, preguntado pola proposta de Díaz, gabou o seu propósito porque "ela sabe moito mellor que outros dirixentes de IU que ás veces hai que deixar as siglas de lado". "Xa o fixo con moita intelixencia con AGE", insistiu, tras lembrar a súa participación e logo de recoñecer que, "sen aquelas experiencias probablemente Podemos non existiría". "Demostrou a diferenza entre o novo e o vello e entre os espazos de confluencia e os espazos demasiado identitarios", insistiu quen destacou o "moi interesante proceso" que está vivindo Galicia. "Podemos poderá ser un instrumento en mans de moitos actores e a experiencia das mareas reforza iso; tenderemos a man alí", chegou a dicir.

"Podemos pode ser un instrumento en mans de moitos actores e as mareas reforzan iso; tenderemos a man en Galicia" 

Ademais, destacou que "o ecosistema político galego ten as súas particularidades". "Será o noso secretario xeral, Breogán Riobóo, o encargado de definir os matices da nosa participación alí, pero a nosa man estará tendida con todos os actores cos que confluímos nas mareas para entender que Podemos é a referencia estatal do cambio e quizais tamén poida selo no marco dunhas autonómicas en Galicia", insistiu con ambigüidade. 

Breogán Riobóo xa aclarou que AGE "valeu para iniciar esa nova ilusión por participar politicamente", pero que "non son os partidos, nin as organizacións, nin Yolanda, nin Beiras nin Breogán os que teñen que facer un chamamento a unha marea galega". Apelou ao protagonismo cidadá fronte á "coalición de siglas", algo no que tamén insistiu Iglesias, que cre que o éxito da "unidade popular" en lugares como A Coruña ou Compostela débese a que se parece "moito máis ao espírito cidadá queu ás coalicións de partidos". "Ninguén pode dicir que estas candidaturas fosen coalicións aínda que moitos dos seus membros tivesen carné; a nosa metodoloxía e estilo facilitan o encontro e é moi importante non caer na identidade autoreferencial e que asumamos que isto se fai con moitos", insistiu. 

Iglesias deixa nas mans de Podemos-Galicia a "definición dos matices da participación" no país

Iso si, preguntado polo líder de IU, Alberto Garzón, e as súas apelacións á unidade, volveu deixar clara a visión diferente segundo o proceso sexa estatal ou autonómico e local. "A aposta polo cambio e pola unidade popular non ten nada que ver con acordos entre partidos e moito menos con balsas de salvamento para ninguén; quen pense que o futuro do país é unha coalición de partidos para salvar outros, que non conte con nós", dixo. Pero o discurso cambia tamén para Cataluña, onde non descarta mesmo un acordo coa independentista CUP á maneira de Barcelona en Comú pero integrando tamén a formación de David Fernández, que decidiu quedar fóra a última hora. 

De feito, deixou en mans da dirección catalá da súa formación a decisión sobre a forma de confluencia de cara ás autonómicas de setembro. "O ecosistema político catalán é complexo e cheo de matices que non existen en España; o fundamental é un cambio político fundamental na defensa dos dereitos sociais. Cos que entendan que hai que levar a cabo un debate sen cuartel contra a corrupción e en defensa dos dereitos sociais, poderémonos entender", asegurou. 

O líder de Podemos tampouco descarta unha confluencia á maneira de Barcelona en Comú de cara ás autonómicas catalás

Xosé Manuel Beiras, desde Galicia, tamén lle advertiu que as forzas políticas deben ser "motores auxiliares" pero "non os protagonistas" da confluencia electoral a favor da sociedade civil. O líder de Anova animou a pensar no éxito multiplicador da unión de formacións nacionalistas, de esquerdas e de ruptura e lembrou a Podemos que, malia ser "forza decisiva", en solitario terao difícil. Os éxitos da Marea Atlántica ou de Compostela Aberta e os esperanzadores inicios de AGE son os argumentos a favor desa Marea Galega. Que as eleccións autonómicas galegas non coincidan con ningún outro proceso electoral estatal, tamén. 

Breogán Riobóo CC-BY-SA Claro que Podemos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.