- As ANPAS volven pedir axudas para material escolar e Educación "négase rotundamente
- AGE alerta dun "recorte encuberto" e esixe volver ao préstamo universal
Foi unha das grandes controversias provocadas polo PP tras o seu retorno á Xunta e agora, seis anos máis tarde, transita polo terreo da rectificación parcial. No ano 2009 o presidente da Xunta e o daquela novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, defenderon con vehemencia a supresión do préstamo de libros de texto a toda a comunidade escolar do ensino público. Segundo Feijóo e Vázquez aquel "café para todos" provocaba un "moi elevado gasto" que inzaba de "carga burocrática" as direccións dos centros e, aínda por riba, impedía a creación do que daban en chamar "bibliotecas familiares" mediante a acumulación de manuais en cada fogar. Por todo aquilo implantaron a denominada "gratuidade solidaria", un modelo de axudas parciais que agora vai convivir cun novo sistema de préstamo semellante ao noutrora deostado dende a Consellería de Educación.
O Diario Oficial de Galicia publica as dúas ordes nas que se baseará o novo modelo. Unha delas é a convocatoria das axudas parciais, agora restrinxidas aos cursos primeiro, segundo, cuarto e sexto de Primaria e a primeiro e terceiro de Secundaria, límite que lle permite a Educación rebaixar a dotación económica dos subsidios un 23%, ata os 11,5 millóns. Os cursos que non entran no ámbito das axudas, terceiro e quinto de Primaria e segundo e cuarto de Secundaria, están afectados por outra orde, a que crea e regula o denominado "fondo solidario de libros de texto", denominación coa que a Xunta imita a dos bancos solidarios de libros de texto creados polas asociacións de nais e pais e por algúns concellos nos últimos anos para, precisamente, paliar os recortes implantados dende o Goberno galego.
A Xunta cargou durante anos contra o modelo de préstamo e substituíno por axudas parciais
Tras varios cursos desdeñando abertamente o préstamo a Xunta completa así un camiño iniciado en maio de 2014, cando o PP sacaba adiante en solitario unha iniciativa parlamentaria na que instaba a Xunta a "facilitar o acceso das familias galegas aos libros de texto, facendo compatibles as axudas (...) coa solidariedade e coa cooperación na extensión de iniciativas de bancos de libros". Nesta liña, a propia Consellería refírese na orde ao "importante labor desenvolvido polas ANPAS nos últimos anos" para xustificar o novo modelo, segundo o cal "todos os centros docentes sostidos con fondos públicos deberán dispoñer dun fondo solidario de libros de texto" que, nesta primeira edición, estará integrado por "todos os libros" mercados coas axudas do curso 2014-2015 e con "libros e material didáctico vixente e útil voluntariamente cedido ao fondo".
As ANPAS reiteran a esixencia de volver ao préstamo universal
Aínda que a nova normativa fai recaer o peso da xestión dos préstamos nos equipos directivos dos centros mediante unha nova aplicación informática a Xunta tamén prevé que cada colexio poida "solicitar a colaboración da ANPA para realizar as funcións de recollida dos libros, inventario, clasificación e entrega". Este precepto e a propia implantación dun sistema a medio camiño entre o préstamo e as axudas parciais sume na estupefacción as dúas principais organizacións que representan as asociacións de nais e pais en Galicia, que coinciden en reclamar a volta ao sistema de préstamo universal que implantara o bipartito.
"Quen son eles para falar de banco solidario, se foron os primeiros insolidarios?"
"Quen son eles para falar de banco solidario, se foron os primeiros insolidarios?", pregúntase a presidenta de CONFAPA Galicia, Helena Gómez Vecino, que en declaracións a Praza Pública lembra que os bancos solidarios orixinais, os das ANPAS, foron creados precisamente "para paliar o desastre que eles provocaron". "Agora van de bos", di Gómez Vecino, pero impulsan un sistema que queda "a medio camiño para a gratuidade", que vai provocar que "diminúan os libros de texto" para ser prestados e que, ademais "contan" co traballo das ANPAS pero "sen que lles désemos pé" a facelo.
"Van converter o caos actual nun caos infinitamente maior"
Dende a Confederación de ANPAS Galegas o seu voceiro, Fernando Lacaci, augura que estas dúas ordes lograrán "converter o caos actual nun caos infinitamente maior", un "camiño ridículo" no que ademais conviven libros adaptados á Lei Wert con outros adaptados á anterior lexislación educativa. "Se a LOMCE vai abaixo, que hai moitas posibildiades de que ocorra, que facemos cos libros acabados de mercar?", pregúntase Lacaci, que alerta ademais de que o alumnado "cunha discapacidade por baixo do 65%" segue sen axudas específicas. Asemade, nunha liña semellante á expresada dende CONFAPA, Lacaci destaca que "non é normal" que a Consellería poña en marcha un novo sistema contando co traballo das ANPAS, que "batería coa protección de datos: nin podemos nin queremos saber quen pide axuda da Xunta para libros". "Ao final -anticipa- quen pagarán serán as nenas e nenos".