Galicia estrea os seus novos Concellos

Nun xesto simbólico o novo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, entrégalle á xente o bastón de mando Dominio Público Marea Atlántica

Os Concellos galegos contan dende esta mañá con novas corporacións municipais, completados os actos de toma de posesión e investidura que nalgúns lugares, como A Coruña, Compostela ou Ferrol, adquiriron a consideración de históricos, coa chegada aos gobernos locais das mareas e candidaturas de unidade popular, e a designación como alcaldes de Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez. Significativa foi a cerimonia en Lugo, coa investidura da socialista Lara Méndez como alcaldesa (primeira muller que ostenta o cargo na cidade), despois de 16 anos de goberno de Xosé López Orozco. E había interese, igualmente, por confirmar o resultado en Ourense, onde -como se prevía- o popular Jesús Vázquez se converteu en alcalde, ao votar polos seus propios candidatos DO e PSdeG-PSOE. En Vigo e Pontevedra as amplas maiorías de Abel Caballero e Miguel Anxo Fernández Lores (absoluta no caso da cidade olívica) non deron lugar a sorpresas, sendo estes dous rexedores os únicos que repetirán mandato nas sete cidades galegas.

No resto do país foron celebrándose as distintas sesións de investidura, comezando pola de Sober, ás doce da noite, que volveu ser o primeiro concello constituído en toda España. Había algunhas localidades nas que ata o último momento se mantiva a dúbida sobre a identidade e cor política do seu novo alcalde ou alcaldesa, ao non ter chegado a un acordo as distintas forzas políticas. Finalmente, Sarria terá alcaldesa socialista, despois de que CxG decidise apoiar a súa investidura (xunto co BNG), unha posibilidade que este venres aínda non estaba confirmada. Tamén Oia terá unha socialista á fronte do concello, co voto de Converxencia Galega. De igual xeito, o PSdeG-PSOE gobernará no Porriño, grazas ao apoio no último momento dun grupo independente.

En Ourol, a pesar de que se anunciara un acordo entre PP e CxG, a número 2 dos populares optou por apoiar o candidato do PSdeG, que se converte en alcalde. Tamén houbo sorpresa en Cambados, onde a pesar de que xa se daba por seguro un goberno do PP, ao fracasar as negociacións entre PSdeG-PSOE, Somos, BNG e Pode, finalmente a socialista Fátima Abal se converteu en rexedora, poñendo fin a 28 anos de alcaldías populares. Ninguén esperaba tampouco o sucedido en Miño, onde os seis concelleiros do PP apoiaron a Ricardo Sánchez (CxG), que o 24M só obtivo un edil, para evitar a alcaldía do PSdeG-PSOE, forza máis votada. Compromiso afirma que non ten ningún tipo de acordo co PP e di que "tendeu sempre e tende a man ao PSOE para reconducir a situación"

E houbo igualmente sorpresa en Muros, onde María Xosé Alfonso (CxG) é a nova alcaldesa, grazas aos votos do PSdeG-PSOE, e a pesar de que nas últimas semanas estas formacións non conseguiran chegar a un acordo; o PP obtivo 4 edís, os mesmos que os socialistas que preferiron apoiar a candidata de Compromiso (3 concelleiros) para evitar un goberno popular.

Distinto foi o desenlace en Foz, onde o PP manterá alcaldía a pesar de que Jorge Castiñeira obtivo o 24M só 5 dos 13 edís en xogo; a falta de entendemento entre PSdeG-PSOE, BNG e Foz Plataforma de Futuro foi determinante. En Mugardos, como xa se anunciara, o PP accede á alcaldía, ao decidir Iniciativa Cidadá de Mugardos non apoiar a candidata de EU, a máis votada das forzas de esquerda, tralo resultado dunha polémica consulta aberta na que simpatizantes conservadores puideron decidir o resultado final en contra do acordo; o PP gobernará con 4 concelleiros, fronte aos 3 de EU, 3 de ICM, 2 de BNG e 1 de PSdeG-PSOE.

En Padrón gobernará o PP en minoría, con 5 dos 13 concelleiros. E en Coristanco, o rexedor será de Terra Galega, co apoio do PSdeG. En Baños de Molgas o BNG accederá á alcaldía grazas ao voto do PSdeG, despois de 30 anos de gobernos do PP. O mesmo sucederá en Santiso, onde o BNG mantén a alcaldía grazas ao apoio socialista. Pola contra, o dominio conservador continuará en Ramirás, onde o Bloque votou polo seu candidato, impedindo a chegada á alcaldía da candidata socialista, que fora vetada pola formación nacionalista.

Noutros concellos o resultado das investiduras era coñecido dende había días e non se agardaban sorpresas. Porén, os actos deste sábado adquiriron unha enorme imnportancia, ao consumar cambios de goberno, nalgúns casos despois de máis dunha década de alcaldías do Partido Popular. Tui, por exemplo, terá o seu primeiro alcalde socialista, nun pleno moi fragmentado no que están representadas 8 forzas políticas; a pesar de que só acadou 3 concelleiros o 24M, Enrique Cabaleiro obtivo 11 votos na investidura, con seis abstencións. Hai cambio tamén en Moaña, onde o BNG recupera a alcaldía, ocupada polo PP nos últimos catro anos. En Sada, Benito Portela (Sadamaioría) é o novo alcalde, co apoio de BNG e PSdeG-PSOE.

Houbo cambio tamén en Verín, onde Gerardo Seoane (PSdeG-PSOE) se converteu en novo alcalde co apoio do BNG. E tamén en Ponteareas, onde Xosé Represas (BNG) chega ao poder en substitución do popular Salvador González Solla. En Ponteceso, Xosé Lois García Carballido (PSdeG-PSOE) desaloxou da alcaldía ao PP, que gobernanra nos últimos 22 anos. E na Pobra do Caramiñal Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra) converteuse no novo alcalde, co apoio de PSdeG-PSOE e BNG. De igual xeito, en Ortigueira Juan Penabad Muras é o primeiro alcalde socialista nunha vila na que o PP (ou AP) obtivo maiorías absolutas dende 1979.

O PP tamén perde outras importantes alcaldías coma Ames (en favor do PSdeG-PSOE de José Miñones), Nigrán (que pasa tamén a mans socialistas, con Juan González como rexedor), Sanxenxo (que pasa a Gonzalo Pita, de Sanxenxo Agrupación Liberal), Fene (que será gobernado por Juventino Trigo, do BNG) ou Cangas (gobernado agora por Xosé Manuel Pazos, de Alternativa Canguesa de Esquerdas). Tamén hai cambio de goberno en Arzúa, liderada agora por Xosé Lois García, de Alternativa por Arzúa.

Ordes e Tordoia (A Coruña), Caldas de Reis (Pontevedra) e Lobios (Ourense) serán os únicos concellos galegos nos que non se constitúa este sábado a nova corporación muncipal, ao estar pendentes de resolución senllos recursos presentados, e que impiden confirmar oficialmente o resultado do 24M.

 

Toma de posesión en Compostela Dominio Público Concello de Santiago
Toma de posesión na Coruña Dominio Público Marea Atlántica
Toma de posesión de Lara Méndez en Lugo © Concello de Lugo
A sala habilitada no Concello de Ferrol para seguir a sesión de investidura encheuse minutos antes do inicio do acto Dominio Público Praza Pública
Un bo número de persoas reuníronse na praza de María Pita para seguir a investidura do novo goberno Dominio Público Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.