O alcalde dirixirá Lingua e Participación Veciñal no novo goberno de Santiago

Primeira xuntanza do novo goberno compostelán © Concello de Santiago

Rematadas as celebracións, comeza o traballo. O novo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, dirixiu este luns primeira Xunta de Goberno do mandato municipal, na que se estruturou o goberno local e se definiron as competencias de cada un dos dez edís de Compostela Aberta. Ademais das áreas propias do presidente da corporación Noriega asume persoalmente a que foi unha das áreas máis convulsas do consistorio os últimos catro anos, a de Réxime Interno -que inclúe persoal e contratación- e xestionará directamente as competencias en materia de Lingua, e mais Participación e Relacións Veciñais.

O propio Noriega será tamén o voceiro dunha Xunta de Goberno e o responsable das Relacións Institucionais dun gabinete que contará con nove concellarías máis. Unha das competencias da Alcaldía, a de Lingua, estará especialmente relacionada coa área de Acción Cultural, que terá á súa fronte a Branca Novoneyra e da que dependerán equipamentos como a Rede de Centros Socioculturais, o Auditorio de Galicia e o Teatro Principal, así como a área de Festas.

Noriega será o voceiro do goberno e encargarase das relacións institucionais

A coordinación económica do novo equipo dependerá da Concellería de Economía e Facenda, cuxa titular será María Rozas, responsable de xestionar a planificación económica e financeira, da xestión tributaria e orzamentaria e mais da política fiscal do Concello. O ámbito da economía vaino tocar tamén a Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, que dirixirá Marta Lois, responsable das política de igualdade entre mulleres e homes, da promoción económica e dos ámbitos de emprego, mercados e comercio. A outra gran área social terá á súa fronte a Concha Fernández, que como edil de Políticas Sociais e Diversidades se ocupará da economía social, da Unidade Municipal de Atención ás Drogodependencias, da unidade de migracións e da cooperación.

Igualdade inclúese na Concellaría de Desenvolvemento Económico e a Policía Local é competencia do edil de Medio Ambiente e Convivencia

O matiz social inclúese tamén noutra das concellarías con máis competencias, a de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade. O arquitecto Jorge Duarte será o encargado de xestionar unha área que terá baixo o seu ámbito a cidade histórica compostelá, o planeamento urbanístico, o dereito á vivenda, a mobilidade e mais a rehabilitación. Esta concellaría conta con competencias que, en certo xeito, son colindantes con outras dúas. Unha é a de Medio Ambiente e Convivencia, dirixida por Xan Duro e con competencias en materia de sustentabilidade ambiental, parques e xardíns e convivencia -responsable da policía, os bombeiros e Protección Civil-. A outra, a de Medio Rural e Equilibrio Territorial, dirixida por Rafael Peña, quen tamén será responsable da brigada de obras.

O organigrama do novo goberno da capital galega -que, resalta Noriega, aínda podería variar en función dos posibles pactos co resto de forzas se a asemblea de Compostela Aberta así o decide este luns- complétase co dous departamentos máis: Mocidade, Deporte e Benestar Animal será dirixida por Noa Morales e Educación e Cidadanía terá como titular a Manuel Dios. O concelleiro de Educación será, ademais, quen represente a Compostela Aberta na Deputación Provincial.

Noriega e os edís presentan o organigrama en rolda de prensa © Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.