"O grande reto dos artistas é materializar algún soño; agardo que a política nos sirva para iso"

Xosé Luís Rivas, Mini, nunha actuación d'A Quenlla CC-BY-SA ENDL A Xunqueira

Xosé Luís Rivas é, posiblemente, unha das facianas máis recoñecibles da música e a a arte en Galicia. Os seus versos combativos, recitados ou cantados, e a súa profundísima voz son sinónimos de relato de país e de compromiso político e social, primeiro dende Fuxan os Ventos e despois, dende A Quenlla, ao carón do seu inseparable Mero. Dende hai máis dunha década o mestre a quen infinitas persoas coñecen como Mini representa o BNG en Boimorto e, dende o pasado sábado, é o alcalde deste concello rural de pouco máis de 2.000 habitantes. Persoa de contundencia nas ideas pero non político de trincheira, Mini explica que o Bloque de Boimorto reclamou a alcaldía para si malia ter 2 dos 11 edís da corporación porque desexa virar o rumbo de pouco "entendemento" dos últimos anos cara a un goberno "transparente" e "xeneroso". E o PSdeG local, con 4 concelleiros, aceptou. Agora toca pechar o acordo para gobernar un Concello que, di, se enfronta a "unha pelexa de vida ou morte", a loita contra o despoboamento. E nese ámbito, "no fondo, todos estamos polo mesmo", asegura.

O pasado sábado falouse de vostede como "alcalde por sorpresa", agardábao?
A última negociación que tivemos foi o venres á noite e quedara todo moi en suspenso, porque tiñamos a condición de ter a alcaldía. O PSdeG tivo despois outra xuntanza, estiveron debatendo ata moi tarde e ata 40 minutos antes da investidura non soubemos nada.

Inicia agora negociacións cos edís socialistas, que espera destas conversas?
Agora queda chegar a un acordo en condicións, eu agardo que haxa un entendemento bo e que fagamos un acordo serio. Se o asunto non fose así, a miña promesa é que a alcaldía volverá ao pleno. A grande resistencia do PSOE era entregar a alcaldía e con base seria, porque teñen máis concelleiros. Pero para nós era unha cuestión vital; nós apoiámolos durante practicamente doce anos e neste último período non houbo bo entendemento. Nós non estamos dispostos a queimar esforzos no Concello se non é por unha acción transparente, amable e xenerosa. E esas condicións parece que se van dar, porque a xente que está aí agora pode facelo.

Fala dunha traxectoria longa porque vostede é novo na alcaldía, pero ten unha longa traxectoria na política local...

"Ou o municipalismo rural se chanta e esixe a posibilidade de vivir dignamente ou estamos abocados á morte"

Si, e na participación. Porque o Concello que temos hoxe foi un deseño de tres grupos: dos Independentes de Boimorto, do PSOE e do BNG. Nos primeiros catro anos deseñouse un concello con moitos servizos públicos, que xestiona practicamente todos os servizos que ofrece... E ese é o concello que recibimos agora, cunha morea de servizos e traballadores e cunha problemática moi especial á que hai que darlle unha volta grande. Estamos inmersos nun tremendo problema de vida ou morte, que é a perda de poboación. O rural váisenos tal e como o coñecemos porque está sendo atacado por todas partes pola política da UE; agora tocoulle ao leite. Ou fixamos poboación e nos rexeneramos ou estamos condenados á morte. Por iso a primeira proposta que facía o BNG era un goberno de concentración dos tres grupos políticos; non puido ser, pero para nós era a solución. Nestes momentos o BNG de Boimorto cre que o municipalismo rural ou se chanta e esixe a posibilidade de vivir decente e dignamente cos nosos propios medios ou estamos abocados á morte, a un trasvase de poboación cara á costa. E nós non estamos dispostos; temos un país de herba e mel e cremos e queremos fixar poboación para vivir dignamente.

Procuran ese pacto e esas accións mentres moitas voces din que non ten sentido a existencia de boa parte dos pequenos concellos rurais...
A gran política non pensa nos veciños, pero os concellos son os únicos que achegan a Administración aos cidadáns. Outra cousa é que teñamos que mancomunar servizos e compartir por boa administración e aforro. Pero claro que temos sentido, somos a base territorial deste país. Antes de teorías políticas temos un concepto de cidadán e de veciñanza. E iso debe primar.

Ten unha traxectoria longa na loita política e non menos na música e na palabra. Que pode achegar o seu labor artístico ao traballo político?

"Cando un canta e fai poesía canta soños ou esperanzas, nunca canta derrotas; ter a posibilidade de comunicar algún deses soños en especie á veciñanza é un bo final para unha vida laboriosa"

Eu veño da da canción, da poesía e da música tradicional. E todo iso mesturado dá un cóctel explosivo [ri], que é soñar. Cando un canta e fai poesía, xa sexa tradicional ou de autor, canta soños ou esperanzas. Nunca cantas derrotas. Se ao final da túa carreira ou da túa vida artística tes a posibilidade de mesturar algún deses soños ou comunicarllos en especie á túa veciñanza, estás conseguindo un bo final dunha vida laboriosa. Para min a política tamén é iso, materializar soños. Senón non participaría por unha cuestión material, pecuniaria ou para solucionarme a vida. O grande reto dos artistas é materializar algún soño e a min a política penso que me vai servir para iso, agardo que me sirva, que nos sirva para iso. Ás veces personalízase, porque o alcalde ten demasiado poder e a Administración local precisa ser moito máis democratizada. Eu son o portavoz dunha asemblea de xente do BNG, afiliados ou non, que comparten unhas inquedanzas de país, pero agora xa non só iso. Agora son portavoz de todos os veciños do Concello.

Este sábado lembrábase nas redes sociais ese seu famoso Bando do alcalde, d'A Quenlla... Haberá que facer unha nova versión? Porque as pombas non terán que pedir licenza para voar en Boimorto...
Por suposto que non [ri]. Pero parte dunha situación: Boimorto é un concello normalizado. Falamos a nosa lingua con despreocupación e normalidade porque nos consideramos normais e vivimos este país en galego, o que non quere dicir que non entendamos o universo. Pero vivimos desinhibidamente. Non é necsariao ningún bando nin lle imos prohibir a ninguén voar, saltar nin brincar. Os dereitos e a liberdade son algo sagrado.

Xosé Luís Rivas, Mini, nunha actuación d'A Quenlla CC-BY-SA ENDL A Xunqueira

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.