Os sindicatos con representación na Administración Autonómica denuncian as "manobras" do Goberno galego nos procesos de promoción interna para "intentar blindar os postos máis altos do persoal funcionario, con xente da súa confianza, ante un hipotético cambio de Goberno". Así o aseguran nun comunicado conxunto CIG, CCOO, UGT e CSIF, que sitúa destras das devanditas "manobras" a Asociación de Funcionarios do Corpo Superior (Agrupa), que cualifican de "lobby que naceu para defender os intereses dos seus membros e que conta cunha importante capacidade de influencia sobre Función Pública".
CIG, CCOO, UGT e CSIF denuncian as "manobras" da Xunta a través do "lobby Agrupa" para "blindar" os altos funcionarios
"Lonxe de dedicarse só á defensa dos temas que lle competen como asociación, intenta suplantar, mediante contactos ou alegacións non oficiais, a representación lexítima dos sindicatos, condicionando un novo modelo de Promoción Interna en prexuízo dos dereitos á carreira administrativa dos funcionarios", aseguran os sindicatos, que cualifican a actuación de "especialmente grave" por teren "sospeitas fundadas de que integran ete colectivo xefes de servizo e subdirectores da Dirección Xeral de Función Pública con capacidade de decisión en materia de provisión ou selección de postos de traballo". Isto, segundo explican, "compromete a imparcialidade e a independencia de actuación que debe caracterizar os funcionarios públicos, así como a boa fe negocial".
"Función Pública comete unha ilegalidade ao manter negociacións cunha asociación profesional e non cos representantes dos traballadores"
"Función Pública pode estar incorrendo deste xeito nunha ilegalidade ao manter negociacións cunha asociación profesional e non coa lexítima representación dos traballadores da Xunta de Galicia", o que suporía unha "vulneración do dereito á negociación colectiva". Os sindicatos din "ter constancia, confirmada polo Director Xeral de Función Pública" de que Agrupa xa presenou oficialmente alegacións á normativa en materia de función pública (Lei de Emprego Público de Galicia), e de xeito oficioso agora aos procesos de promoción interna, así como aos de acceso libre.
"Parece que a súa axuda está sendo inestimable para que Función Pública blinde os postos de xefatura de servizo, agora provistos polo novo sistema de 'concurso específico', unha LD encuberta, e demais postos directivos". Para as organizacións sindicais, "xa non ha dúbidas da existencia de intereses políticos para que no proceso de Promoción Interna queden vacantes moitas prazas, sobre todo as dos subgrupos A1 e A2, para dificultar ou limitar o acceso do persoal en igualdade de condicións".
O obxectivo, segundo os sindicatos, é "reducir en moito os potenciais candidatos" para os altos cargos
"O obxectivo é reducir considerablemente os potenciais candidatos para as xefaturas de servizo, subdireccións xerais e postos de persoal directivo", din, tras aclarar que para poder deixar desertas estas prazas, Función Pública, á marxe dos sindicatos, "optou por aumentar os exercicios de corrección subxectiva e por fixar temarios moi abertos, en contraposición cos anteriores modelos nos que os aspirantes se examinaban sobre disposicións normativas concretas".
"Xuntáronse, o interese corporativo dunha asociación profesional para evitar a competencia nestes postos de máxima responsabilidade, co interese político da Xunta de deixar “colocada” a súa xente de confianza en postos determinantes", denuncian sobre uns postos que "son os máis favorecidos pola nova Lei de Emprego Pública", que dificulta o seu cesamento ao implantar a figura do persoal directivo, así como polo novo sistema de provisión arbitrario designado como concurso específico.
Facenda ameaza con "accións legais"
Os sindicatos cren que "con esta blindaxe", e nun eventual cambo de cor na Xunta, o actual Goberno "tería a posibilidade de seguir controlando desde fóra a Administración a través desta Asociación, á que lle tería moito que agradecer na redacción das convocatorias de procesos selectivos, concursos e normativa en materia de emprego público". A resposta ante esta denuncia por parte do director xeral de Función Pública na Comisión de Persoal foi "ameazar con emprender accións legais pola vía penal".
"O actual Goberno podería seguir controlando desde fóra a Administración", advirten os sindicatos
"Manterémonos firmes na defensa dos dereitos e intereses do conxunto dos empregados públicos, así como na denuncia pública, da falta de negociación e das prácticas espurias que perseguen so o beneficio duns poucos, en prexuízo dos intereses xerais dos empregados da Xunta de Galicia, como é a promoción profesional", aseguran, polo que solicitan que ao conselleiro de Facenda que "asuma a súa responsabilidade política".
"Isto non é máis que a punta do iceberg de como se elaboran na Xunta as normas que afectan ás empregadas e empregados públicos, onde previamente son cociñadas con diversos lobbies, de dentro ou fóra do Goberno, para logo interpretar unha obra de teatro coa representación legal do persoal e salvar así o requisito legal de ter "negociado", rematan.