Canalizaron a aversión ás bandurrias e aos leotardos masculinos nun himno xeracional, Tuno bueno, tuno muerto. Fixeron a súa particular contribución ao fomento do turismo en Estremadura con Veraneo en Puerto Hurraco. E remataron con La culpa de todo la tiene Yoko Ono. Pero nin o colectivo de tunos, nin as vítimas do terrible crime dos irmáns Izquierdo, nin a muller de John Lennon actuaron nos tribunais contra o grupo galego-madrileño Def con Dos e o pai de todas as súas letras, César Montaña Lehman, César Strawberry. Pero axentes antiterroristas detiveron o vocalista o 19 de maio na porta da súa casa. Na súa primeira entrevista desde entón, Strawberry enmarca o arresto no "intento de criminalizar as forzas políticas emerxentes".
De que o acusan e en que se fundamenta a imputación?
Estou imputado por un delito de enaltecemento do terrorismo e humillación ás vítimas do terrorismo. Está motivada, supostamente, por uns tuits que publiquei, supostamente, hai ano e medio polo menos. Dos 8.000 tuits e retuits que figuran na miña conta, hai aproximadamente nove que se achegan como proba para defender esta acusación.
Segundo se publicou, nesas mensaxes había alusións á actividade de grupos terroristas. En que contexto escribiu esas mensaxes?
Non son capaz de lembralo. Non teño unha memoria dabondo precisa para acordarme deste tipo de cousas.
"A operación móntase cunha intencionalidade política nun momento moi concerto; foi a véspera do Día Sen Música e a cinco días das municipais"
Ten polo menos a sensación de que nalgún momento da súa vida enalteceu o terrorismo?
En momento ningún. Esta operación móntase cunha intencionalidade política nun momento moi concreto. A min detéñenme, curiosamente, a véspera do Día Sen Música, que ten a súa ironía, unha iniciativa que convocou ao gremio de músicos en contra a subida do IVE de Montoro. Faltaban cinco días para as eleccións municipais. Detéñenme cando abondaba con enviar un requirimento xudicial, sen necesidade de que cinco axentes te vaian a buscar, te deteñan, te confisquen o móbil sen o teu permiso, che pidan o teu pin, vulneren os teus dereitos constitucionais... En 25 anos de traxectoria artística xamais fora detido. Son 25 anos exercendo a miña liberdade de creación artística a través das miñas cancións e dos meus libros.
Por que as mensaxes en Twitter e non, por exemplo, as letras de Def con Dos?
Na miña opinión, todo isto corresponde a unha operación que tenta criminalizar o pensamento libre, disidente e a ideoloxía das persoas que non están de acordo co pensamento único e coa xente que está no goberno neste momento. Lémbrame á caza de bruxas do macartismo. Neste momento, a cultura considérase algo case subversivo. O IVE e outras medidas administrativas van dirixidas a mitigar a influencia cultural na sociedade. Existe unha lista en carteira para ir detendo conforme lles veña ben, a nivel promocional, ao Ministerio do Interior con fins electorais? Non o sei, pero a miña detención e toda a operación Araña ten toda a pinta de ter esa intencionalidade. E son unha persoa que ao longo da miña vida sentín a vixilancia e o seguimento policial en varias ocasións.
"É unha operación que tenta criminalizar o pensamento libre, disidente e a ideoloxía dos que non están de acordo con este goberno"
Cre entón que ser un personaxe público influíu para a súa inclusión na lista de detidos?
Selecciónanme a min, a través duns tuits, e dalgunha maneira fan que represente outros 20 detidos, aos que non coñezo nin cos que teño relación ningunha. A nivel mediático exponse a miña persoa en todos os sitios e o meu grupo, creando a presunción de culpabilidade como representante de algo que non son en absoluto. Sinto vulnerados os meus dereitos.
O feito de que se incautase o móbil de maneira irregular faime sospeitar de todo tipo de manipulacións sobre as mensaxes das que se me acusa. Todo isto son irregularidades que responden a unha persecución política, que me lembra moito o caso das Pussy Riot en Rusia. Pero como Putin non está ben visto por este goberno, vaise contra a miña persoa e non contra o grupo, como fixo el, aínda que eu son o autor de todas as súas letras.
"Hai irregularidades que responden a unha persecución política que me lembra moito o caso das Pussy Riot en Rusia"
Guillermo Zapata acaba de dimitir como concelleiro de Cultura do Concello de Madrid por uns comentarios supostamente ofensivos. Atopa relación co seu caso?
Unha das razóns polas que considero que se me incautou o móbil é ver que contactos teño e con quen me relaciono. Sabido é que hai determinados políticos da nova fornada que simpatizan co meu grupo ou son fans. Teño mensaxes con Pablo Iglesias, ao que coñecín cando fun ao seu programa. Están outros como Ramón Espinar que din que lles gusta o meu grupo, a miña actitude, o que fago... Sospeito que o Ministerio do Interior buscaba información de todos eles no meu teléfono móbil. Querían ver quen son e como poden atacar eses novos políticos. A miña detención obedece a un intento de criminalizar ás forzas políticas emerxentes. Criminalizándome a min, se criminaliza ao meu grupo, aos nosos seguidores, aos meus amigos e os meus contactos.
"Sospeito que Interior busca información de Pablo Iglesias no meu móbil; intentan criminalizar as forzas emerxentes"
Nese sentido, o caso de Zapata é unha clara caza de bruxas na que se esperou a que tomase posesión para sacar unha serie de trapos sucios. Os chíos de Zapata que puiden ver non me parecen enxeñosos, nin graciosos, nin brillantes, pero entendo que na liberdade de expresión é así, eu leo cousas que non me gustan e non creo que deban ser consideradas delitos. Non me parece un bo sinal que tivese que dimitir, é ceder a unha presión mediática que obriga a tomar decisións que son políticas. Se queremos facer unha nova política non podemos ceder, paréceme a min, ante ese tipo de presións de medios dunha determinada ideoloxía.
Polo demais, o mal gusto é tamén un dereito. A película Bad Taste (Mal gusto), de Peter Jackson, é brillantísima, gústame moito. Ou Acción Mutante, de Álex de la Iglesia, en cuxa banda sonora participamos. Na película, un grupo de discapacitados cometía accións que serían cualificadas como terroristas...
As detencións por delitos de odio en Internet multiplicáronse tras o asasinato da presidenta do PP na Deputación de León, do PP. A operación Araña céntrase nas ofensas a vítimas do terrorismo, pero hai outras persoas e colectivos vilipendiados nas redes. Hai discriminación na selección de obxectivos por parte do Ministerio do Interior?
Está a esaxerarse moito querendo elevar a delito determinados comentarios. E, sobre todo, nun só sentido. Hai un enorme espectro ideolóxico da dereita máis rancia que inxuriou, faltando ao respecto, humillando a vítimas, como no caso de Pilar Manjón, que non se perseguiu. Temos a un concelleiro do PP en Palencia que dixo, tan a gusto, no seu Facebook, que había que pegarlle un tiro na caluga a Pablo Iglesias e non pasou nada. Aquí hai unha discriminación absoluta, unha dobre vara á hora de xulgar os tuits e comentarios dunhas persoas, e os doutras. As autoridades encargadas de perseguir este tipo de delitos só perseguen as persoas dunha determinada ideoloxía. Hai un agravio comparativo demostrable e flagrante.
"Só perseguen as persoas dunha determinada ideoloxía; hai un agravio comparativo demostrable"
Nun dos tuits, vostede, ao parecer, viña dicir que Ortega Lara -millitante destacado de Vox que foi secuestrado por ETA en 1996- debería ser secuestrado na actualidade. Iso é crítica política? Humor negro? Este tamén debe ter límites?
Prefiro non comentar o suposto chío antes de facelo ante o xuíz. Con todo, si quero deixar claro que o dereito á liberdade de expresión non ten por que ser algo grato ou agradable. Non é grato escoitar a xente que di cousas que non che gustan. Pero non podemos pensar na liberdade de expresión nun sentido egoísta: hai que ter en conta que outros van dicir cousas que non nos gusten e temos que estar dispostos a toleralo. Iso é a liberdade de expresión. En 2013, editamos unha canción, no disco España es Idiota, titulada Las caricaturas de Lars Vilks. Nela condenabamos o primeiro ataque á revista Charlie Hebdo, e tamén o faciamos coas queimas do Corán que só buscaban provocar disturbios absurdos onde morrían moitas persoas.
Hai unha cita do redactor xefe de Charlie Hebdo, Gerard Biard, nunha entrevista de 2012, que me gusta moito: "A autocensura é o principio do autoritarismo". Hai que manter o sentido común, o respecto polas persoas que sufriron, por suposto, o respecto pola dor allea, a empatía coa dor allea, pero tamén hai un debate que é o da ofensa. O xogo da ofensa non depende tanto do suposto ofensor senón do que vive predisposto a ser ofendido. Hai determinadas correntes ideolóxicas que están permanentemente expostas á ofensa, por exemplo as correntes radicais do Islam, que tentaron promover a blasfemia. É algo moi perigoso. Existe unha tendencia xeneralizada a acosar a liberdade de expresión.
"Moitos dos líderes que mostraron as súas condolencias polas vítimas de Charlie Hebdo' perseguen a liberdade de expresión nos seus países"
O problema é que determinado humor negro estaba tipificado no Código Penal e ninguén se decatou?
O humor negro fixo moito pola liberdade neste país. É o caso de Hermano Lobo, La Codorniz, actualmente El Jueves, Mongolia ou Charlie Hebdo, por suposto, con moitos anos na fronte de batalla pola liberdade de expresión. Moitos dos líderes que mostraron as súas condolencias en París polas vítimas da revista están a perseguir a liberdade de expresión nos seus países. En Arabia Saudita hai blogueiros castigados a 80 lategazos. Iso di moito da deriva que pode tomar esta actuación contra a liberdade de pensamento, ideolóxica e de expresión en xeral.
Que relación teñen as redes sociais coa súa profesión?
Na actualidade, non se pode concibir ningún tipo de proxección profesional, artística ou de pensamento sen Internet. A Rede creou unha canle de comunicación co mundo no cal existe unha enorme liberdade que escapa ás grandes axencias de información internacional que antes a copaban. Agora temos a Wikileaks, Snowden... que destaparon casos de corrupción, de feitos reprobables dos nosos gobernantes que se denunciaron grazas a Internet. Todos temos este aparello do diaño que se chama smartphone que tamén se converteu no noso peor inimigo. Accedes a todo desde el, pero tes toda a túa intimidade aí dentro. E sitúactehe continuamente. Nese sentido, Google sería a maior empresa de espionaxe do mundo.
Tivo xa consecuencias na súa vida o arresto e a imputación?
O dano ocasionado á miña imaxe pública afecta directamente ao meu dereito ao traballo. Os músicos traballamos moito con Concellos e outras entidades públicas. Sinalóuseme en medios xeneralistas como cabeza visible de 20 persoas ás que se acusa por un delito parecido e ás que nin tan sequera coñezo.
"Detrás de todo hai unha estratexia do medo, de que a xente teña medo a falar, de exemplarizar nunha persoa determinados delitos"
Seguiu utilizando Twitter despois da detención?
Sigo utilizando as redes sociais, sigo opinando, falando de todo o que considero, coa mesma liberdade que antes. Creo que detrás de toda esta persecución hai unha estratexia do medo, de que a xente teña medo a falar, de exemplarizar nunha persoa determinados delitos para que persoas que se identifican con el, neste caso o meu público, os meus fans, os meus seguidores, se lles transmita un medo ou unha advertencia para que teñan moito coidado co que din. O Gran Irmán aínda te vixía.