O BNG mantense firme no veto ao candidato do PSdeG á Deputación de Lugo

Manuel Martínez, xunto a González Santín © PSdeG

O BNG mantense firme no seu veto ao candidato do PSdeG a presidir a Deputación de Lugo, Manuel Martínez, por estar imputado nun presunto delito de malversación de fondos públicos. Logo de que tanto Bloque como Lugonovo condicionasen o seu apoio a un goberno socialista na capital da provincia á marcha de López Orozco -que acabou abandonando- agora a formación nacionalista apela á "responsabilidade" do PSOE, ao que insta a "presentar un candidato que poida ser apoiado polo Bloque" e que cumpra "todos os parámetros de limpeza que se lle exixen a un responsable político neste momento". 

O BNG apela á "responsabilidade" do PSOE, ao que insta a "presentar un candidato que poida ser apoiado polo Bloque"

Así o manifestou este sábado o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, durante o Consello Nacional, no que tamén se abordou a negociación para a formación de goberno no resto de deputacións provinciais. O portavoz volveu incidir en que a súa formación teña a "visibilidade que lle corresponde" e "un papel protagonista nalgunha das tres" institucións, en referencia á súa intención de presidir a da Coruña no caso de que as negociacións globais co PSdeG se permita aos socialistas presidir as de Pontevedra e Lugo. Iso si, a fronte nacionalista insiste en que todo acordo debe estar baseado nun programa tenden ao adelgazamento das deputacións e no levantamento de alfombras dos "casos de corrupción que se poidan detectar na xestión que deixa a herdanza do PP". 

Xa o pasado venres, o BNG fora claro. “Non é admisible que cando estamos a defender un novo modelo de funcionamento das deputacións, máis transparente e democrático, o candidato que se presente por parte do PSOE sexa unha persoa imputada. Máis aló das responsabilidades legais que se deriven da situación do alcalde de Becerreá,- que desde o BNG non xulgamos-, é evidente que os tempos políticos son outros e a cidadanía espera a máxima exemplaridade dos cargos públicos”, explica a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartín.

Ademais, Vence tamén manifestou este sábado o malestar do Bloque polas negociacións de PP e PSOE para renovar institucións como o Valedor do Pobo e o Consello de Contas, un pacto que onte se botou abaixo ante o veto dos populares ao candidato socialista para este último ente, Xaquín Fernández Leiceaga, o que bloqueou tamén a nomeamento de Gómez Besteiro como senador por designación autonómica.

Vence recrimina a PSdeG e PP o pacto ás agachadas e "fóra do Parlamento" para renovar o Valedor ou o Consello de Contas

Preguntado polo tema, Vence recriminou a populares e socialistas un acordo feito ás agachadas e "fóra do Parlamento" e asegurou que esta actitude "non é de recibo". Por iso, aclara que desde ao Bloque esixirán que PP e PSOE leven unha proposta á Cámara para que sexa debatida por todos os grupos e que o BNG poida presentar a súa.

Manuel Martínez, xunto a González Santín © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.