"Lugo quere un goberno de esquerdas, plural e con diálogo"

Méndez, presidindo a primeira Xunta de Goberno do mandato © Concello de Lugo

Cando comezou o proceso electoral do 24M ninguén apostaba por que Lara Méndez (Männedorf -Suíza-, 1972) chegase neste 2015 á Alcaldía de Lugo. Tampouco ela mesma. Pero o resultado electoral e as esixencias de Lugonovo e BNG para facilitar a gobernabilidade da cidade derivaron na retirada do histórico Xosé López Orozco e na elección de Méndez como primeira alcaldesa da historia lucense. Dende o despacho que ocupou durante tres lustros o carismático exalcalde a nova rexedora aborda a tarefa coa experiencia acumulada durante oito anos como vicepresidenta da Deputación provincial. Mentres o PSdeG continúa as conversas para pechar un pacto ela non desbota presidir un goberno no que estean presentes as tres forzas que apoiaron a súa investidura. O electorado lucense votou esquerda e consenso, afirma nun panorama no que asegura "ver" a Pedro Sánchez como próximo presidente do Goberno de España e a José Ramón Gómez Besteiro, como seguinte titular da Xunta.

Como foi a aterraxe? Ao cabo, o guión non era este, non estaba previsto que estivésemos aquí a falar con Lara Méndez, alcaldesa de Lugo
Efectivamente, o guión non era este. Nós tiñamos unha folla de ruta cun alcalde que era López Orozco; houbo que modificar o guión pero os personaxes somos os mesmos e o proxecto é o mesmo. Aterramos con moitas ganas e moita ilusión.

Un dos primeiros titulares tras o seu nomeamento foi o referido a que é a primeira alcaldesa da historia de Lugo, a única das sete cidades e unha das só 38 que hai en toda Galicia. As formacións políticas manteñen o teito de cristal no mesmo sitio de sempre? Como o observa, agora dende unha alcaldía?

"Mentres sigamos ocupando titulares por ocupar cargos de responsabilidade, a igualdade real  non será efectiva"

Como é de cristal non se ve, pero está. Aínda nos custa moito máis chegar aos postos de maior responsabilidade, aínda que os vaiamos acadando. Mentres non poidamos deixar a un lado iso de “a primeira...”, non chegaremos á igualdade real. En breve, se todo sae segundo o previsto, acontecerá o mesmo na Deputación de Pontevedra. Dado que seguimos ocupando titulares por ocupar cargos de responsabilidade, a igualdade real aínda non é efectiva. Queda moito por facer e hai que establecer políticas que dean pé a esa igualdade, como pode ser a conciliación ou a concienciación de que debemos ocupar postos de responsabilidade porque somos o 50% da sociedade e temos visións distintas. Debemos ocupar esa porcentaxe na vida pública e nos cargos de representación.

Que retorno está tendo na cidade nestes primeiros días, como a recibiu a veciñanza?
O primeiro contacto que estou tendo é co persoal da casa nos distintos servizos, que me está transmitindo as necesidades do propio Concello, que en moitos casos son de reforzar os servizos para que sexan de maior calidade. Con colectivos aínda non comezamos os contactos, agás con dous e por cuestións moi puntuais; unha vez que teñamos feita a visita a todos os servizos do Concello e os primeiros contactos cos sindicatos, co comité de empresa e a xunta de persoal, faremos unha rolda de contactos cos axentes sociais da cidade. En Lugo existen máis de 500 asociacións e agardo que teñamos contacto diario e próximos con elas ao longo destes anos.

A posición pública do Partido Socialista foi a de manter como candidato ao señor Orozco. Como ponderaron e canto pesou neses días a posibilidade real de que, tras quince anos de goberno, este rematase nas mans do PP? Como equilibraron a balanza?

"López Orozco pensou no mellor para a cidade; se pasaba á oposición, Lugo tería recortes e presión aos máis febles"

O Partido Socialista tivo clara a súa postura dende o principio. Nós presentamos un candidato e as súas condicións eran coñecidas por todos os lucenses. Con ese perfil, os lucenses déronnos 8 concelleiros. Por iso o partido apoiaba 100% a López Orozco, que foi aclamado como candidato por unanimidade. Dito isto, a veciñanza dixo o día 24 que querían un goberno de esquerdas e de progreso; co cal, López Orozco, que é moi responsable, pensou no mellor para a cidade. E pensou que, se pasaba á oposición, aínda que el non tiña ningún problema en facelo, a cidade de Lugo non tería progreso, senón que tería políticas de recortes, austeridade e presión aos máis febles. Por iso renunciou e deu paso á formación dun goberno progresista e de esquerdas na cidade.

Na campaña e nesa negociación estivo moi presente a figura da imputación, que unha vez máis foi arrebolada entre partidos. Todo o que pasou nestes anos, tamén isto último, lévaos a reflexionar sobre o debate político en torno aos procesos xudiciais?
Ten que levarnos a todos a meditar e non só aos políticos, senón aos tres poderes. Hai que medir moito, porque estas cuestións poden facer un dano irreparable. Eu vivín unha experiencia moi desagradable en primeira persoa que cinco anos despois se cualificou como “erro xudicial”. Son erros irreparables. Todos nos equivocamos, pero hai equivocacións e responsabilidades que tamén hai que asumir. Todos deberiamos ser máis conscientes e concienciar a cidadanía de que o feito de ser imputado é que se está desenvolvendo unha investigación e queren tomarche declaración para esclarecer unha cuestión. Deberamos ser todos máis reflexivos e conscientes; no caso de Orozco xa ten tres desimputacións e estou convencida de que volverá ser desimputado. Pero xa é irreparable, porque xa tivo que ceder para poder conformar este goberno.

Para conformar ese goberno están en plenas conversas, posiblemente as máis complexas na historia do Concello de Lugo, polo plural que é a corporación. Como marchan esas negociacións?
Ademais de ser moi plural, hai formacións moi recentes que non teñen establecidas as súas bases como partido, o cal complica moito máis a posibilidade de chegar a acordos. Con algunha formación, como o BNG, as conversas son máis áxiles, porque tiveron responsabilidades de goberno. No caso de Lugonovo é unha formación moito máis recente, que está instaurando as súas propias bases, e iso complica un pouco máis a negociación. Agora estamos pendentes de que nas súas respectivas asembleas Lugonovo e o BNG decidan o que queren seguir acordando para chegar a ese goberno, se se dá o caso.

Fala de Lugonovo, unha formación que se enmarca no espectro das coñecidas como mareas. Como ve o xurdimento destas forzas, que gobernan tres cidades e están presentes no resto de corporacións urbanas?

"As mareas aínda teñen moito que demostrar; asústame que un partido diga que non ten ideoloxía"

A marea pode ser do Cantábrico, do Atlántico, do Mediterráneo... Son augas moi distintas, teñen que apousar e chegar a adquirir a mesma temperatura, a mesma densidade... As mareas aínda teñen moito percorrido por diante e moito que demostrar. Teñen que establecer as súas bases e estrutura como partido; iso leva un tempo. Teñen que perfilar de que maneira van tomar as decisións, que premisas das súas bases son innegociables, cal é a súa ideoloxía... Isto de non ter ideoloxía é incomprensible, porque a ideoloxía, ao cabo, é o que marca as políticas que levamos a cabo. É impensable que unha forza política non ten ideoloxía, porque ideoloxía tamén é facer ou non políticas sociais, asentar o piar do benestar, investir... Iso tamén é ideoloxía. A min, que un partido diga que non ten ideoloxía, asústame.

A renuncia de López Orozco tivo un aquel de fito histórico na cidade por ser o peche dunha etapa tan longa na cidade. Que vai ter o seu goberno que non tiña o de Orozco, e viceversa?
O que vai ter en común vai ser buscar o beneficio da cidadanía, que é o que debe mover a Administración local. Imos seguir facendo politicamente o mesmo nese sentido. Alén diso, estamos nun momento socioeconómico complicado e hai que priorizar en emprego e benestar social, xa o fixo o goberno de Orozco nos últimos anos, con Lugo como o primeiro concello de Galicia en gasto social. Seguiremos nesa premisa mentres non mellore a economía. Ese pode ser o denominador común a respecto da anterior etapa. Evidentemente, será distinto nas formas. Nin mellor nin peor, pero si distinto, porque somos persoas e xeracións distintas. E iso tamén se vai visualizar.

Chegan ás alcaldías das cidades e ás de moitas vilas unha xeración que xa non é a da Transición, senón a seguinte. Obsérvao como un síntoma de cambio político?
Para Albert Rivera, eu non debería estar aquí [ri], porque nacín en 1972. Pero, si, somos outra xeración. Estamos noutro momento; na política tamén hai relevo xeracional. Estamos obrigados a que se visualice outro xeito de facer política, máis cercano e directo. Aquí en Lugo esa era xa unha das premisas, pero é certo que hai ese relevo.

Neste contexto de conversas, de cambios e de pactos, di o líder do PP en Lugo, o señor Castiñeira, que o que aconteceu aquí foi unha fraude e que o seu goberno será fraudulento.

"O malestar do señor Castiñeira é por non ser alcalde, porque a veciñanza lle di mandato tras mandato que siga na oposición"

En absoluto. O malestar que ten é por non ser alcalde. Pero é que a cidadanía dixo que quería un goberno de esquerdas e progresista, pluralidade e diálogo. Isto é o que non ve o señor Castiñeira. Eu entendo que estea enfadado, leva moitísimos anos no Concello, xa en 1999 formaba parte da corporación. E a veciñanza dille mandato tras mandato que siga na oposición. El veu a oportunidade de que esta fose a súa, pero non acadou o que a cidadanía non quixo que acadase.

Alén destas cuestións, tócalle tamén abordar xa o día a día. Nos últimos anos do anterior mandato estiveron moi presentes asuntos como os servizos pendentes do HULA, a estación intermodal... Van seguir estas cuestións sobre a mesa ou ten outra axenda de prioridades?
Iso vai seguir sobre a mesa. De feito, o luns recibín a chamada do señor Feijóo para felicitarme; pareceume un bo xesto, desexounos éxitos nas cidades e eu díxenlle que iría visitalo para abordar cuestións que imos seguir reivindicando, como os servizos de radioterapia, hemodinámica e medicina nuclear para o HULA, a estación intermodal ou o Museo da Romanización. Son cuestións necesarias para os servizos e tamén infraestruturas que poden fomentar o turismo baseado nas nosas riquezas, para poñer en valor o noso pasado e que sexa un motor económico non só a fin de semana do Arde Lucus.

Vimos dunhas eleccións e estamos xa case noutras dúas, as xerais e as galegas. Como observan estes procesos dende o PSdeG de Lugo? O panorama é efervescente, con novas forzas na esquerda e un PP que di que se renova.

"Vexo a Pedro Sánchez presidente do Goberno e a Gómez Besteiro, presidente da Xunta"

Se a renovación do señor Mariano Rajoy pasa por cambiar dúas persoas, evidentemente non creo que acade moi bo resultado. Eu vexo a Pedro Sánchez como presidente do Goberno e a José Ramón Gómez Besteiro, como presidente da Xunta. A xente vai visualizar que se pode remontar economicamente e investir no público para saír da situación que estamos a vivir. José Ramón Gómez Besteiro demostrou durante oito anos na Deputación provincial que se pode acadar débeda cero fomentando o emprego, os sectores estratéxicos e o crecemento cos recursos que temos. Ten o aval para que a xente vexa que se pode gobernar doutro xeito, sen renunciar ao público e saíndo da situación económica que estamos a vivir.

Méndez, no despacho da Alcaldía de Lugo © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.