O PP impide que o Parlamento investigue o asasinato machista no hospital de Ourense

Concentración de protesta realizada en Ourense tralo asasinato CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

A comezos de maio Ourense foi o escenario dun novo asasinato machista. Viña a engadirse a un inaceptable ronsel de crimes, pero non era un máis. O asasinato de Isabel Fuentes a mans do seu ex marido tiña o agravante de terse producido no hospital público da cidade, onde a muller permanecía ingresada dende había un mes, logo dunha agresión na súa casa, que lle causara unha lesión cerebral. Ademais, a Garda Civil solicitara unha orde de afastamento que a xuíza non concedeu, a mesma maxistrada que agora instrúe o caso de asasinato contra o home. Un conxunto de erros e de procedementos cuestionables que, para o PSdeG-PSOE, fan necesaria unha investigación a través do Parlamento de Galicia.

Porén, a maioría absoluta do PP botou abaixo este luns a moción presentada polo grupo socialista ao respecto. O texto socialista propuña abrir unha investigación interna na Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e na de Sanidade "para tratar de determinar os erros cometidos na aplicación dos protocolos". Así mesmo, pedía "realizar un estudo pormenorizado" de "cada un dos casos das mulleres vítimas de violencia de xénero que foron asasinadas ata o de agora, despois de ter feita a denuncia, contando ou non cunha orde de protección". Finalmente, demandaba que os orzamentos para Igualdade recuperasen o nivel que tiñan en 2009, pois nos dous gobernos de Alberto Núñez Feijoo sufriron un continuado recorte.

A moción do PSdeG-PSOE pedía unha investigación interna para determinar os erros cometidos na aplicación dos protocolos

Os populares rexeitaron a proposta argumentando que "non estamos de acordo en suplir a investigación xudicial, cremos na Xustiza e na independencia dos tres poderes”. Así mesmo, Paula Prado defendeuse das críticas atacando os socialistas, acusándoos de “oportunismo político" por "esperar a que tivera lugar unha morte por violencia machista en Galicia para traer a debate no Parlamento dunha iniciativa que rexistraron hai nove meses”.

Ademais, cualificou de "declaracións irresponsables" as críticas realizadas polo PSdeG-PSOE ao denunciar que "as mulleres que denuncian non teñen ningún amparo legal e se atopan soas”. Para o grupo socialista, pola contra, “non é irresponsable falar de que as mulleres morren despois de ter denunciado, o que é unha irresponsabilidade imperdoable é que un goberno que sabe que iso é así se negue a facer nada e demonice á oposición por pedir explicacións e solucións”.

Paula Prado defendeuse das críticas atacando os socialistas, acusándoos de “oportunismo político"

Carmen Acuña (PSdeG-PSOE) "lamentou" a resposta do PP e do conselleiro da Vicepresidencia, que “se limita a defenderse atacando e a protexer a actuación da Xustiza coa manida desculpa do segredo de sumario” e denunciou ademais a "conivencia" do PP coa Fiscalía mentres “a cidadanía alarmada e escandalizada ve como xustifica que sexa a xuíza de Verín a que instrúa o caso, a mesma que considerou innecesario protexer a vítima”.

Prado defendeu que nos últimos anos houbo "avances" na loita contra a violencia de xénero e afirmou que “nunca houbo un respaldo orzamentario maior para protexer ás mulleres vítimas de violencia de xénero”. En efecto, os orzamentos da Xunta para 2015 inclúen unha partida de 3,4 millóns de euros para este fin, recuperando o nivel que acadara en 2010, e que despois foi recortado nos tres anos seguintes (2,9 millóns).

O esforzo económico total que en 2009 se destinaba a políticas de igualdade e promoción da muller era moi superior ao actual

Nos últimos orzamentos do goberno PSdeG-PSOE e BNG, en 2009, a partida era inferior (1,6 millóns). Porén, a realidade é que o esforzo económico total que nese momento se destinaba a políticas de igualdade e promoción da muller era moi superior ao actual. O capítulo de Igualdade, protección e promoción da muller contaba con 33,6 millóns de euros, fronte aos actuais 5,8. De igual xeito, o apoio á Conciliación da vida persoal e laboral tiña 5,1 millóns, fronte aos actuais 1,2 millóns. Sumados outros gastos, o orzamento das políticas de igualdade do goberno de Emilio Pérez Touriño chegaba aos 60 millóns de euros, fronte aos 12 millóns actuais, cinco veces menos.

Concentración de protesta realizada en Ourense tralo asasinato CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Outra imaxe da concentración, en maio CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.