0 Gardados para despois

Feijóo, tras a sentenza do Supremo: "Volvería anular o concurso eólico"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O pasado 6 de maio o Tribunal Supremo ditou sentenza a respecto da anulación do concurso eólico do Goberno bipartito, ditaminada polo gabinete de Alberto Núñez Feijóo no ano 2009. Como adiantou este diario, o alto tribunal desestimou o recurso de casación interposto pola Xunta contra o ditame no que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considerou en 2012 que o Goberno galego incorrera nunha ilegalidade ao suspender a autorización de parques eólicos iniciada na anterior lexislatura. Despois de que o Supremo ratificase os argumentos do tribunal galego o asunto chegou este martes ao Parlamento a través dunha pregunta do BNG ao presidente da Xunta, que desdeña a sentenza e proclama que "volvería anular o concurso".

"A Xustiza ratifica que aquela anulación provocou inseguridade xurídica, que o seu Goberno incorreu en desviación de poder, que a ilegalidade cometeuna vostede. Que responsabilidades vai asumir?", preguntou o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera. "Exactamente, de que se nos acusa?", retrucou Feijóo, que tras lembrar as críticas ao concurso lanzadas daquela por membros socialistas do Goberno pregúntase "por que" o BNG "vén agora con esa pregunta". "A sentenza é do 24 de xullo de 2012 e o Supremo non admite a casación, punto", di o presidente, que alude a "catro sentenzas posteriores" do Tribunal Superior en 2013 para concluír que o ditaminado agora carece de "valor".

Feijóo: "Non hai causa nin hai sentenza que avale o que fixo o bipartito"

Aínda que si o fai, Feijóo asegura que "o Tribunal Supremo non entra a valorar" a ilegalidade da anulación do concurso e chega á conclusión de que "non hai nin causa nin hai sentenza que avale o que fixo o bipartito". "Temos outros oito pronunciamentos do Tribunal Superior, todos favorables á Xunta", gábase o xefe do Executivo, que tras reprocharlle a Jorquera que aluda a acontecementos de "hai sete anos" se pregunta "que é o que está buscando". "Limpar a imaxe de alguén?", "por que teñen esa teima co concurso, chama a atención, dá a sensación de que están tentando saldar algúns compromisos", insinúa para argumentar que "coa anulación do concurso eólico do BNG evitamos moitos problemas legais a Galicia e bastantes problemas ao BNG".

Jorquera: "A súa irresponsabilidade e sectarismo saíronlle moi caros a este país"

Ante a actitude presidencial Jorquera insta a Feijóo a non "falsificar a realidade". "Traemos esta cuestión sete anos despois" porque "vén de haber unha sentenza do Supremo que di que aquela anulación foi ilegal". "Aquela decisión foi ilegal" e ademais, "sectaria e irresponsable" e "as consecuencias estámolas pagando entre todos", lamenta o nacionalista, que lembra ademais que o actual Gobenro "anunciou que co novo concurso se ían investir 6.000 millóns e investíronse 850, dixeron que ían crear 13.200 postos de traballo e creáronse 1.800". "A súa irresponsabilidade e sectarismo saíronlle moi caros a este país", censura Jorquera. "Volvería anulalo? Si, sen dúbida", retruca o presidente da Xunta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.