"No soy un corrupto ni un sinvergüenza". Vinte e catro horas despois de entregarlle a presidencia da Deputación de Lugo ao PP o alcalde socialista de Becerreá, Manuel Martínez, compareceu ante a prensa na sede do PSdeG en Lugo para reivindicar a súa decisión e, sobre todo, a si mesmo. Tras o movemento que provocou o peor golpe ao PSdeG nos últimos anos Martínez esgrime os seus corenta anos de militancia e "defensa" do PSOE para proclamar a súa aposta por continuar sendo deputado provincial e, sobre todo, o seu "dereito" a ser candidato, mesmo estando disposto a liderar unha moción de censura para que o PSdeG "recupere o poder", pero só se el é presidente.
Martínez reparte culpas entre o BNG, que esixía a súa marcha para apoiar os socialistas na investidura, e a dirección do seu propio partido, para condenar o que define como "unha cacería mediática". El, asegura, non soubo ata unha hora antes do pleno de investidura -estaba citado para as 9 na Deputación, pero "quedei durmido, a verdade"- que a comisión federal do PSOE decidira relevalo para así permitir o acordo co Bloque. "Pero Manolo Martínez non marchaba", di de si mesmo. "Eu non ía beber ese cáliz e vou seguir sen bebelo".
Nun contexto no que obvia que a súa decisión non só quebrou a decisión do seu partido, senón que provocou a vitoria do PP, Martínez apela ao "dereito a presentarme ou aspirar a ser presidente" da Deputación. Ese "dereito", afirma, vén dos seus anos na oposición. "Se alguén fixo un esforzo" para que a Deputación lucense "deixase de ser do PP, son eu". E por iso se votou a si mesmo na primeira votación e na segunda, "en branco, porque daba igual". Fíxoo, asegura, porque "non estou disposto a que un militante doutro partido", en referencia ao BNG, "me diga o que teño que facer". Do contrario, asegura, os "congresos" do PSOE pasarían a celebrarse "no local do BNG".
"Se alguén fixo un esforzo para que a Deputación deixase de ser do PP, son eu", esgrime o alcalde de Becerreá
Así as cousas, Martínez di esperar que o PSOE o "defenda" e "ampare", toda vez que, afirma, o caso polo que está imputado -a denuncia polas obras dunha estrada, formulada polo alcalde de Portomarín, do PP- "vai quedar en nada". "Mentres non chegue a apertura de xuízo oral, eu debo ser o candidato á presidencia e debo ser defendido polo partido", algo que di, xa acontece "a nivel provincial" pero non "a nivel federal". El, afirma, non vai ceder ante a "hipocrisía" do "comité nacional ese" do BNG, en referencia á dirección da formación nacionalista. "Levo 40 anos cumprindo os estatutos do partido, defendéndoo fielmente, e creo que o partido me debe defender a min" e non asumir a petición do Bloque, aínda que o seu apoio fose imprescindible para acadar a presidencia.
"Levo 40 anos defendendo o partido e creo que o partido me debe defender a min"
O PSdeG inicia un expediente disciplinario
Mentres Martínez asegura que a súa decisión non estivo vinculada a ningún acordo previo do PP e cualifica o BNG de "talibáns xihadistas", é a Executiva Nacional do PSdeG a que vén de mover peza coa apertura dun expediente disciplinario que xa foi remitido á Executiva Federal do PSOE, segundo informou en rolda de prensa a secretaria de organización dos socialistas galegos, Pilar Cancela. Para a dirección galega o acontecido foi "de enorme gravidade" por supor a perda do "goberno progresista e de esquerdas" pola posición "persoal" de Martínez. A mudanza de candidato, resalta Cancela, "foi unha decisión política" que non é resultado dunha "chantaxe" do BNG, senón dunha "negociación política" na que debe primar o "interese do partido, non as preferencias persoais". E isto, subliña, non implica que o PSdeG considere a Martínez "culpable" no caso en que está imputado.
Cancela non desbota a moción de censura e apela a Martínez "demostre" a súa traxectoria no partido facilitando "un goberno progresista e de esquerdas"
Así as cousas, e co expediente en marcha, Cancela engade a preguntas da prensa que o PSdeG non dá por definitivamente perdida a Deputación lucense. Ao ser cuestionada pola posibilidade dunha moción de censura que devolva o PP á oposición a secretaria de organización indica que non descarta "absolutamente nada". "Ese escenario gústame moitísimo", admite, nun contexto no que Martínez, di, debería "demostrar" o "que el representa e o que foi neste partido para decidir no futuro inmediato o destino da Deputación de Lugo" cun "goberno progresista e de esquerdas".