Os concellos son, en xeral, as Administracións públicas menos endebedadas e son tamén as que se viron forzadas a realizar un maior esforzo de saneamento económico nos últimos anos. Así e todo, este esforzo foi dispar en función de cada municipio e o mesmo acontece co seu endebedamento. O Ministerio de Facenda vén de facer públicos os datos da débeda municipal do 2014, isto é, do último ano completo antes das eleccións municipais do pasado 24 de maio. As cifras din que, no caso das grandes cidades galegas, A Coruña foi a única que pechou o mandato con máis débeda que ao inicio.
O conxunto dos concellos galegos teñen unha débeda viva superior aos 500 millóns de euros, dos que case 240 corresponden ás cidades. A tónica dominante no mandato municipal que vén de rematar foi a do descenso da débeda coa excepción coruñesa, aínda que esa mingua foi máis acusada nuns lugares que na outros. O consistorio que ata o pasado xuño foi presidido polo popular Carlos Negreira pasou de deber 72 millóns de euros en 2011 a 75 en 2014 e mantívose durante todo o período como a cidade máis endebedada do país. Tanto no inicio como no remate do mandato o segundo posto foi para Santiago que, non obstante, pasou de 58 a 42 millóns de débeda.
Pontevedra mantívose como a cidade menos endebedada durante todo o mandato e Vigo foi a que máis o reduciu
O descenso máis pronunciado no endebedamento urbano foi o de Vigo, que comezou o mandato como cuarta cidade con máis débeda e en 2012 se pasou a ser a terceira, roldando uns 56 millóns de débeda que en 2014 se reduciran ata 22,4, sendo así a segunda urbe en cartos pendentes de devolver. O terceiro posto que antes era para Vigo agora é para Ourense, con 28,5 millóns de débeda na fin do mandato, 20 millóns menos que catros anos atrás. Tamén reduciu a débeda en case 20 millóns o Concello de Lugo, que chegou a 2014 con 23,8 millóns que a convertiron na terceira cidade menos endebedada, posto que antes era para Ferrol, cuxo goberno local apenas reduciu a débeda en 2 millóns dende 2011, ficando en 28,5. Durante todo o mandato a cidade con menos débeda foi Pontevedra, que pasou de 23 a 15 millóns de débeda.
Para completar a radiografía da débeda urbana de Galicia resulta tamén ilustrativo coñecer, ademais das magnitudes totais, o peso que este endebedamento ten sobre a poboación, isto é, a ratio de débeda por habitante. Neste caso A Coruña tamén sae mal parada, porque é a única das sete cidades que aumentou este indicador no período analizado, pasando de 295 a 308 euros por habitante. No entanto, a cidade con maior peso da débeda por habitante seguiu sendo Compostela que, non obstante, pasou de 612 a 440 euros. Na banda baixa seguen Pontevedra e Vigo, que tras significativas reducións presentan, respectivamente, 189 e 75 euros de débeda por habitante.
As facturas pendentes
A débeda viva non é a única carga á que teñen que facer fronte os gobernos municipais no seu novo mandato. Tamén teñen que ter en conta as facturas que ficaron pendentes de pagamento dende o remate do anterior mandato municipal. Como nos anteriores casos, o peor balance é tamén o da Coruña, que nos primeiros meses do ano pasou de 21 a 31 millóns, cun incremento de 8 millóns entre marzo e abril, os últimos dous meses antes das eleccións.
O Concello coruñés incrementou en 8 millóns as facturas pendentes de pago no mes anterior ás eleccións
Como no caso da débeda, o segundo concello urbano en facturas pendentes de pago a provedores é tamén Santiago, que segundo o Ministerio de Facenda chegou ao pasado abril con 10 millóns en facturas sen pagar, unha cantidade semellante á de Ourense e un chisco por riba da de Lugo, que quedou en 8 millóns. Pontevedra e Vigo, pola súa banda, roldaban nesa altura os 5 millóns pendentes de pago e Ferrol -cuxos datos son publicados por Facenda trimestralmente, por pertencer a un sistema de financiamento diferente- tiña en marzo 2 millóns en facturas por pagar.