En xuño de 2010, apenas un ano despois de chegar á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo encabezou un acto no Palacio de Congresos de Galicia para, ante unha multitude de altos cargos e representantes políticos institucionais, presentar o Plan Estratéxico 2010-2014: Horizonte 2020, un proxecto que, dixo daquela, estaba chamado a ser o guieiro para a "planificación" económica do Goberno galego ao longo de toda a década. Despois de que aquel roteiro inzado de obxectivos económicos para o que o presidente denominou "a segunda modernización de Galicia" fracasase notablemente nas súas previsións económicas o propio Goberno disponse a lanzar un novo "plan estratéxico".
A idea do plan, asegurou Feijóo naquela presentación, "convócanos en 2010, cítanos continuamente para avaliarnos, examínanos en 2014 e emprázanos ata 2020". Se ese exame se producise o seu resultado sería, por exemplo, que as cifras de emprego non son as agardadas, que o país non se achega á converxencia económica coa media da Unión Europa, senón que se afasta dela. Asemade, o medre do investimento en I+D+i non foi tal, xa que o retroceso foi notable, e o avance nas enerxías renovables tampouco acadou o desenvolvemento agardado, en boa medida polo parón do sector eólico e a fin das primas a este tipo de enerxías.
Con estes antecedentes o Goberno galego aproveitou este xoves a reunión semanal do seu Consello para, en rolda de prensa, presentar o novo Plan Estratéxico 2015-2020, un proxecto ao que polo momento non lle pon cifras pero que, en verbas de Feijóo, "consolida a nosa firme aposta pola planificación económica como ferramenta imprescindible para multiplicar o rendemento dos recursos públicos". É un novo documento que, proclama, "consolida o principio básico" marcado polo Goberno "dende 2009: rematar coa improvisación na xestión pública".
Feijóo asegura que o novo documento, presentado sen ningún indicador, "consolida o principio básico de rematar coa improvisación na xestión pública"
Segundo o presidente da Xunta o primeiro plan, o que errou nas súas preivsións, "foi pioneiro en España, seguírono outras comunidades autónomas e foi loubado polas autoridades europeas en varias ocasións". Agora "as liñas mestras que guían o plan son as mesmas que en 2009", pero cunha diferenza: "Pasamos do Plan Estratéxico da crise ao Plan Estratéxico da recuperación", afirma, quen afirma que o seu novo proxecto marca obxectivos alén desta lexislatura porque inclúe obxectivos "que precisa o país para fortalecerse social e economicamente nesta década.
Mentres o PPdeG promociona nestes días os encontros con diferentes colectivos para recompilar "achegas da sociedade civil" para o seu "relatorio político", o Executivo anuncia, neste caso a través do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que o Plan Estratéxico tamén se elaborará "en alianza coa sociedade civil". Por iso a Xunta asegura que se dispón a abrir un "amplo proceso de participación cidadá". "Toda Galicia" vai participar neste plan, afirma Martínez, quen defende que o documento sexa presentado sen ningún indicador concreto xustificándoo, precisamente, nese proceso de participación.