Novas dificultades para os socialistas galegos. A xuíza Pilar de Lara vén de citar en calidade de imputados o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o exalcalde de Lugo, Xosé López Orozco, polo caso do Garañón, unha polémica obra paralizada por orde xudicial dende 2010 e autorizada en 2005 polo concello lucense, cando o actual líder dos socialistas era concelleiro de Urbanismo na cidade.
O caso das torres do garañón está nos xulgados dende finais da década pasada, cando un colectivo veciñal o denunciou polo impacto que esta construción supuña nas costas do parque Rosalía de Castro. No ano 2010 o xulgado de De Lara paralizou a construción cando o esquelete dos edificios xa estaba erguido. Argumentou o freo á obra na posibilidade de que nesta operación se desen presuntos delitos de prevaricación urbanística e contra o ordenamento do territorio, cuestionando ademais a legalidade da licenza municipal.
O goberno local defendeu no marco do proceso xudicial que tivo que conceder a licenza por mor da edificabilidade estipulada no PXOM de 1991, aprobado polo PP
Dende un primeiro momento o goberno local de Lugo, aínda presidido por Orozco, argumentou que non lle quedou máis remedio que conceder a licenza porque a edificabilidade da zona estaba contemplada no Plan Xeral do ano 1991, impulsado e aprobado cando o PP dirixía o Concello. Mentres, a xuíza veu mantendo que o goberno local tiña especial interese en que a obra seguise adiante.
Tras cambios da lei do solo e un farragoso procedemento xudicial no que se chegaron a reclamar documentos dos anos 20, cando o consistorio lugués comenzou a articular o devandito parque, De Lara cita agora como imputados a Besteiro e Orozco, que terán que declarar a finais de mes para dilucidar se puideron ou non ser autores de delitos como tráfico de influencias, suborno, prevaricación ou contra o ordenamento do territorio. Tamén imputa, o "arquitecto municipal no momento dos feitos", á xefa do departamento de licenzas e a un funcionario do departamento municipal de arquitectura.
Comunicado de Besteiro
Tras coñecer a imputación " a través dos medios de comunicación e non ter recibido ningunha notificación por vía xudicial" o líder socialista, ao tempo que lamenta padecer unha "indefensión inadmisible", manifestou a súa "confianza absoluta na legalidade do proceder do Concello de Lugo con respecto á zona do Garañón". A través dun comunicado Besteiro subliña que " todos os trámites administrativos referidos ao Garañón se axustaron estritamente á legalidade e as determinacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado polo Partido Popular en 1991".
"Esixo todas a garantías e a resolución desta investigación coa maior celeridade posible polo prexuízo que causa sobre a miña inocencia"
O socialista lembra, asemade, "que xa no seu día, e por iniciativa propia, enviei ao Xulgado nº 1 de Lugo toda a documentación relativa á miña situación patrimonial, posto que era, e é, de máximo interese pola miña parte que o Xulgado teña esta información" aínda que xa era pública por estar "nos rexistros de intereses da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Lugo". "Esixo todas a garantías e a resolución desta investigación coa maior celeridade posible polo prexuízo que causa sobre a miña inocencia", conclúe.