O Concello de Lalín retira 600.000 euros de Bankia en protesta polos desafiuzamentos

Primeiro pleno do mandato en Lalín CC-BY-SA RC

O Concello de Lalín converteuse nun dos símbolos do devalo do PP galego nas municipais do pasado 24 de maio. Este municipio do centro de Galicia estivo historicamente gobernado por amplas maiorías absolutas dos populares, consolidadas en gran medida nos tempos do falecido Xosé Cuiña.  Pero o 24M o PP lalinense do até entón alcalde, José Crespo, perdeu a maioría absoluta e deixou aberta a porta da alcaldía para Rafael Cuiña, fillo de Xosé Cuiña, que como líder local de Compromiso por Galicia (CxG) encabeza agora un goberno apoiado polo PSdeG e un grupo independente que vén de retirar os fondos que o Concello tiña en Bankia para protestar polos desafiuzamentos.

Como en moitos outros concellos que cambiaron de cor política tras as últimas eleccións, unha das primeiras medidas anunciadas por Cuiña tras tomar o bastón de mando foi a súa intención de tentar evitar as execucións hipotecarias neste concello, que conta con algo máis de 20.000 habitantes e manexa algo máis de 12 millóns de euros de orzamento. Nesta liña, o goberno local vén de confirmar que o rexedor galeguista deu "instrucións para a retirada de case 600.000 euros da conta que o Concello ten en Bankia" como "sinal de protesta".

Cuiña: "É un primeiro aviso, ou negocian a dación en pago e o alugueiro social ou que non conten con cartos públicos"

Con esta retirada de fondos, explica o alcalde, o goberno municipal "reproba a gran cantidade de desafiuzamentos que está a executar esta entidade financeira", pero tamén protesta porque Bankia "arruinou a moitos empresarios". "Trátase dun primeiro aviso", asegura Cuiña, quen advirte de que "ou os bancos negocian a dación en pago e o alugueiro social, tal e como reclamamos desde o goberno municipal, ou que non conten con cartos públicos".

Así as cousas, o goberno de Lalín decidiu ingresar o diñeiro retirado de Bankia en entidades financeiras con presenza en Lalín. "Bankia é unha entidade rescatada con diñeiro de todos e nin sequera ten unha sucursal en Lalín", subliña Cuiña. "Non imos permitir que os bancos pasen por encima dos veciños e veciñas", asegura.

Primeiro pleno do mandato en Lalín CC-BY-SA RC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.