Ata hai pouco máis de media década os coches oficiais e o seu uso estiveran, agás contadas excepcións, fóra do debate político galego. Foi nos tempos previos á durísima campaña de 2009 cando o equipo de Alberto Núñez Feijóo converteu o parque móbil do Goberno galego en campo de batalla electoral como parte do argumentario segundo o cal PSdeG e BNG converteran a Xunta nun "sultanato" onde se gozaba sen taxa nin mesura de "luxos asiáticos". Tras lograr a maioría absoluta Feijóo escenificou o capítulo final da súa cruzada automobilística organizando unha poxa de coches oficiais marca Audi que tornou en fiasco. No entanto, outros cargos populares seguiron a liña do xefe de filas cando lles tocou chegar aos gobernos, convertendo os coches no seu particular pazo de inverno; fíxoo Carlos Negreira no Concello da Coruña e agora faino Elena Candia na súa sorpresiva chegada á presidencia da Deputación de Lugo.
A guerra do PP contra os coches oficiais en xeral e contra os Audi en particular comezou, ante un estupefacto e case paralizado bipartito, no outono de 2008. Daquela os conservadores lanzaron acusacións tan diversas como que o vicepresidente da Xunta contaba cun "minibar" no seu vehículo -resultou ser unha pequena neveira conectada ao chisqueiro do vehículo- ou que o presidente gozaba dun "coche fantástico" de 400.000 euros por ser "un novo rico". O "sultán de Monte Pío", dicían daquela os populares, gozaba dun vehículo "superior" ao de "Merkel, Sarkozy" ou "Obama". Aquela, afirmaban, era a mellor mostra do "despilfarro do bipartito", ao que, no medio da paixón electoral, chegaron a acusar de dotar o automóbil da polémica con "mísiles".
Ao chegar á Xunta o PP escenificou a súa cruzada automobilística amosando o Audi do anterior presidente cuberto polo po
Ao chegar á Xunta chegou a posta en escena. A Consellería de Presidencia convocou á prensa e conduciuna aos garaxes de San Caetano. Alí amosou unha longa ringleira de vehículos marca Audi, case todos mercados en tempos de Fraga, nalgún dos cales se desprazara Feijóo nos seus tempos de vicepresidente e conselleiro. As estrelas da inusual exposición eran os tres blindados do model A8, os dous de Fraga e tamén o mercado en tempos de Touriño, que o gabinete popular amosou coas portas abertas e cuberto cunha grosa capa de po sobro a que un xornalista escribiu "se vende - véndese" para completar o cadro.
O Goberno sacou a poxa pública 20 vehículos e só conseguiu colocar tres
Tras a pirotecnia política chegou a realidade. Os A8 blindados foron permutados por 12 turismos Citroën para diversos usos e acabaron á venda nun concesionario compostelán que é provedor habitual da administración autonómica. Os outros 20 foron obxecto dunha poxa pública coa que a Xunta prevía recadar máis de 300.000 euros pero na que obtivo apenas 30.000, toda vez que só conseguiu colocar 3 dos vehículos. Un deles mercouno un policía local de Santiago ao saber que se trataba do coche que usara Feijóo como conselleiro. Os outros dous adquiriunos un profesional do sector da compra e venda de vehículos.
Algúns dos Audi que a Xunta non conseguiu vender foron saíndo aos poucos dos garaxes ao incluílos como parte do pagamento doutras adquisicións. No entanto, segundo do censo máis recente do parque móbil, elaborado na primavera de 2014 para renovar o contrato dos seguros, cinco anos despois da batalla automobilística aínda seguían en San Caetano nove destes Audi, que a Xunta evitou usar mentres, no entanto, foi adquirindo outros coches.
Negreira e Candia reproducen a operación de Feijóo
Na liña de Feijóo, pouco despois de chegar ao poder no Concello da Coruña o PP amplificou tamén o que noutras Administracións, caso da estatal, é un mero trámite. Así, expuxo na Praza de María Pita sete Audi -cinco mercados con Francisco Vázquez como alcalde e dous, da etapa de Javier Losada-. O papel exercido por Rueda na Xunta foi, no caso coruñés, para o concelleiro Julio Flores, que amosou os vehículos como mostra de que "o anterior bipartito decidiu gastar o diñeiro público nos seus luxos", mentres que o PP decidía renunciar aos coches oficiais "para rebaixar a débeda que deixou de herdanza o bipartito a todos os coruñeses -A Coruña foi a única cidade galega que aumentou a súa débeda durante o pasado mandato municipal-".
A última que, ata o momento, se une ás poxas de vehículos é quen, cando menos de momento, é a nova presidenta da Deputación de Lugo. Aos poucos días de chegar ao poder grazas ao alcalde socialista de Becerréa, Manuel Martínez, o equipo de Candia conduciu os xornalistas aos garaxes do Pazo de San Marcos para amosar o coche oficial do anterior presidente, o socialista José Ramón Gómez Besteiro, e anunciar que, como Feijóo, ten intención de poxalo. Faino porque este vehículo, di, é demasiado "luxoso" e porque custou 100.000 euros en 2008. Ao anunciar a decisión Candia obviou, non obstante que o coche foi adquirido para substituír o Jaguar no que se desprazaba Francisco Cacharro Pardo, mercado na década anterior por 84.000 euros.