Non é a primeira vez que acontece durante un episodio de turbulencias internas no PP. Xa sucedera, por exemplo, no outono de 2013, cando en pleno cuestionamento do liderado de Mariano Rajoy por parte de Esperanza Aguirre, Alberto Núñez Feijóo reivindicou que o seu liderado no PPdeG fora "produto dunhas primarias". A pasada fin de semana, no marco da conferencia política dos conservadores en Madrid, o presidente da Xunta mantivo nunha entrevista con La Voz de Galicia que "en el 2006 hubo primarias en el PPdeG", en referencia a un proceso que, en rigor, foi un congreso por compromisarios a cuxa fase final só chegou un candidato, el mesmo, tras a retirada dos outros tres.
A partida definitiva pola sucesión de Manuel Fraga comezou hai agora dez anos, xusto despois de que os populares perdesen a maioría absoluta nas eleccións do 19 de xuño de 2005, pero a operación comezara a xestarse antes. En plena crise do Prestige, aínda con José María Aznar en La Moncloa, a dirección central do PP propiciou a saída de Xosé Cuiña da Xunta e situou como novo conselleiro de Política Territorial ao propio Feijóo, que meses despois se convertería en vicepresidente primeiro, mentres que José Manuel Barreiro era situado na vicepresidencia segunda.
A partida definitiva pola sucesión de Fraga desatouse tras perder a Xunta, pero comezara a xestarse en plena crise do Prestige, co envío de Feijóo a Galicia
Con este pano de fondo Feijóo partiu con vantaxe nunha carreira sucesoria na que a cúpula do PP, xa con Mariano Rajoy ao mando, desexaba poucos participantes e o maior control posible. "Mire, yo soy liberal", respondeu o actual presidente do Goberno de España cando os xornalistas o cuestionaron pola posibilidade de que houbese múltiplos candidatos a dirixir o PPdeG. Cando, no outono de 2005, se lanzou definitivamente o proceso había, efectivamente, catro aspirantes: Feijóo, Barreiro, Cuiña e mais o exconselleiro de Pesca Enrique López Veiga. Pero, a diferenza do que cabería definir como primarias, non se presentaron directamente ante a militancia do PPdeG para que esta ditaminase o liderado mediante voto directo, senón que tiveron que recompilar avais entre os dous milleiros de compromisarios votados nas agrupacións locais para formar parte do plenario do congreso.
A definitiva batalla dos avais
Foi nesa recolleita de avais na que se dirimiu a batalla. Para chegaren á cita congresual coa condición de candidatos á presidencia os aspirantes tiñan que xuntar cando menos 400 destes apoios entre os 2.000 dispoñibles. Persoas implicadas directamente naquel proceso relatan, dez anos despois, que a dirección estatal do partido non aforrou esforzos para traccionar o proceso na dirección que prefería, que non era outra que impoñerse ao que se dera en chamar sector "da boina", o de perfil máis rural e galeguista, representado no proceso por un Xosé Cuiña que propugnaba a necesidade de "refundar" o PPdeG "en clave galega sen paliativos e radicalmente democrática". Se el era elixido, advertira, poría fin á "paulatina perda de autonomía" do PPdeG a respecto da madrileña rúa de Génova.
"Todo estaba decidido dende Madrid", aseguran persoas implicadas naquel proceso
Unha das figuras clave no acontecido foi a do poderoso José Manuel Romay Beccaría. Non foron poucos os alcaldes que naquel tempo se entrevistaron con Romay para coñeceren de primeira man cal era a aposta de Rajoy -e tamén de Aznar- e as súas implicacións. Asemade, lembran as mesmas fontes, o aparello do partido tamén redobrou a presión noutra das provincias claves, a de Pontevedra, onde a posibilidade de perder subvencións da Deputación provincial, xa presidida por Rafael Louzán, foi tamén un argumento de peso para que diversos rexedores desbotasen a idea de inclinar a balanza a prol de alguén que non fose Feijóo nas súas respectivas agrupacións locais. "Todo estaba decidido dende Madrid", resumen as fontes consultadas.
Único candidato no congreso
Foi precisamente a constatación de que o apoio a Feijóo sería maioritario en Pontevedra a que precipitou a retirada de Cuiña nos primeiros días de decembro. Quen ratificou esa retirada non foi o que fora considerado sucesor natural de Fraga, senón José Luis Baltar, que nos actos de conmemoración do Día da Constitución na provincia ourensá confirmou que Cuiña o informara do acontecido en Pontevedra e lle comunicara que "daba liberdade a todos os compromisarios que apostaran por el". Os avais baltaristas pasaban de Cuiña a Feijóo e o mesmo acontecía cos que potencialmente puidese captar López Veiga, que tamén tiraba a toalla pola falta de avais.
A designación só tivo un paralelismo con algunhas primarias doutras formacións: só houbo un candidato
Neste escenario de catro candidatos pasábase a dous, circunstancia que se mantivo tan só dúas semanas máis. Pouco antes das festas do Nadal Feijóo anunciaba a integración na súa lista de Barreiro, que pasaría a ocupar a figura de vicepresidente do partido, de nova creación. Foi neste punto no que aquela elección si tivo algún paralelismo con algunhas primarias doutras formacións: só houbo un candidato, Feijóo, cuxa designación foi ratificada no congreso de xaneiro polo 96% dos compromisarios, con 2.257 votos a favor frontea 90 brancos e 8 nulos, segundo recolleu ao día seguinte La Vanguardia nunha crónica asinada por Anxo Lugilde. "Quizás no se me note, pero estoy muy emocionado. Estoy que me salgo", proclamou Rajoy naquela xornada no Palacio de Congresos de Galicia, en Santiago.
Feijóo non sufriría derrota interna ningunha ata catro anos despois en Ourense
Dende aquel momento Feijóo non sufriría derrota interna ningunha ata catro anos despois. A finais de xaneiro de 2010 a armada do presidente naufragou ás beiras do Miño no intento por acabar co baltarismo, cuxos votos contribuíran a impulsalo cara á presidencia do PPdeG e da Xunta. Nesa ocasión o candidato de Feijóo, e tamén de Génova, logrou o apoio de 433 compromisarios e Manuel Baltar conseguiu suceder o seu pai á fronte do partido grazas a obter 723 votos.