Hai poucos anos un alto cargo da Xunta dirixiuse en privado a un coñecido columnista. "Non me defendas tanto", veulle dicir para facerlle ver que a súa acendida adhesión ao Goberno acababa, por excesiva e impostada, sendo contraproducente. Algo semellante, se cadra, é o que aconteceu nos últimos meses no seo da Arquidiocese compostelá en xeral e no Cabido da Catedral de Santiago en particular, cuxos máximos responsables, o arcebispo e o deán, veñen de arrefriar a polémica alimentada dende diversos ámbitos políticos e mediáticos a respecto da decisión do novo alcalde da capital galega, Martiño Noriega, de non asistir oficialmente a actos relixiosos e, nomeadamente, á ofrenda que a Casa Real lle fai ao Apóstolo cada 25 de xullo.
Unha das primeiras voces en procurar a ponderación no asunto foi o propio arcebispo, Julián Barrio, quen minutos antes da investidura de Noriega apelou ao "respecto" das decisións que o goberno de Compostela Aberta puidese tomar neste ámbito as cales, por outra banda, van na liña do que acontece dende hai anos noutros concellos, caso de Pontevedra. Esa mesma mensaxe conciliadora reiterárona Barrio e o propio alcalde na súa primeira xuntanza, hai dúas semanas, e ratificouna este martes o deán, Segundo Pérez.
Os grupos municipais de PP e PSOE e mesmo Feijóo cargaron contra o novo alcalde por non acudir a actos relixiosos
Mentres, nas últimas semanas, os grupos municipais de PP e PSOE e mesmo o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargaron con dureza contra a decisión do goberno local e mesmo esixiron garantir a presenza do alcalde nos actos relixiosos, vinculándoos por exemplo á promoción turística da cidade, o deán aproveitou a súa presenza no Concello para quitarlle todo o ferro ao asunto. Tras ser recibido por Noriega o titular do Cabido considerou "moi grato" o encontro, centrado na marcha das obras da Catedral -que Noriega visitará proximamente- e na afluencia de peregrinos, e restoulle importancia a que o rexedor acuda ou non ás cerimonias católicas.
"O alcalde non ten que deixarse presionar por unha determinada forma de entender o Estado neste asunto", di o deán da Catedral.
"Non ten maior importancia que o alcalde vaia ou deixe de ir a unha misa, o que importa é que exita unha relación institucional cordial", subliñou Pérez ao ser cuestionado pola ofrenda do vindeiro día 25, na que aínda se descoñece a persoa que actuará como delegada da Casa Real. "Somos veciños, vivimos enfronte, servimos a unha mesma cidade e, nese sentido, o alcalde ten unha postura correcta que hai que respectar", enfatizou o dirixente catedralicio.
Neste contexto, e fronte ás esixencias das últimas semanas o deán da Catedral resalta que entre as autoridades eclesiásticas non hai "preocupación" ningunha polo novo goberno. O alcalde, indica, pode "facerse presente" noutros eventos da vida cultural da cidade "e non por iso ten que deixarse presionar por unha determinada forma de entender o Estado neste asunto; debemos ser sumamente respectuosos". Neste sentido, Segundo Pérez ilustra o seu parecer ao respecto rememorando o consello que, di, lle ofreceu a outro dirixente político hai poucas datas: "Vostede goberne xustamente, o de confesarse e comungar é cousa súa". "Cadaquén ten o seu campo", conclúe.