Feijóo, partidario de que o PP mude a lei electoral en solitario xusto antes das eleccións

Feijóo, cos condutores e organizadores do acto © Xunta

Non é a primeira vez que o PP se coloca a si mesmo esta tentación política sobre a mesa. Xa sucedeu en 2012, cando en Galicia se amosou disposto a mudar as regras do xogo electoral a poucos meses da cita coas urnas, aínda que finalmente non o fixo. Agora é Mariano Rajoy, tras o duro pau sufrido polo seu partido nas recentes eleccións municipais, quen quere deixar reformada a lei electoral para os vindeiros comicios locais antes de que o electorado renove a composición das Cortes Xerais, nas que previsiblemente os conservadores deixarán de dispoñer da súa cómoda maioría absoluta. O obxectivo desa reforma sería instaurar un modelo maioritario a dúas voltas que, de facto, ilegalizaría os gobernos de coalición nos concellos. Neste contexto o presidente da Xunta, un dos máis ferventes defensores deste sistema, aplaude que Rajoy recupera a idea e amósase partidario de executala en solitario e no tempo de desconto das lexislatura estatal.

O entusiasmo a este respecto, que Alberto Núñez Feijóo xa manifestara noutras ocasións, amosouno desta volta nun coloquio organizado polo Club Financiero Atlántico, unha organización de empresarios da Coruña. Cuestionado ao respecto o titular do Goberno galego defendeu con entusiasmo a iniciativa, que ve "absolutamente fundamental" e "absolutamente imprescindible". Trataríase, debulla, de que os partidos que lograsen o 35% das votos nas municipais obtivesen automaticamente as alcaldías se a segunda forza non chegase ao 30%. En caso contrario, celebraríase unha segunda volta. Este procedemento, proclama, o que cualifica como "anomalías, por máis que sexan legais", isto é, as coalicións nas que non participe a forza con maior número de sufraxios, as mesmas que están avaladas pola propia Constitución, ademais de pola vixente lei electoral.

O presidente mantén que preferiría que a reforma das eleccións locais estivese xa aprobada, pero que executala agora serviría para "emendar os erros" que "acabamos de ver despois do 24M"

No que atinxe aos tempos da eventual reforma o único que Feijóo reprocha é que non se executase "a principios de lexislatura", algo que o PP "debería" ter feito para non facelo "ao final". No entanto, matiza, tamén sería partidario dunha modificación de última hora e en solitario. Isto, di, valería para "emendar os erros", os mesmos que "acabamos de ver con maior intensidade despois do 24M". Se chega a culminarse a operación, afirma, os populares conseguirían "revitalizar a democracia" e acabar coas "derivadas de segunda e terceira categoría" para formar gobernos, en referencia aos acordos entre formacións. Todo isto, engade, cómpre aplicalo nun contexto no que novas formacións, como Podemos e as mareas, censura, presentan como "o máis importante" o feito de "non ter experiencia".

Neste coloquio Feijóo foi cuestionado tamén a respecto da súa posible marcha de Galicia. Como en anteriores intervencións públicas volveu considerar "lóxico presentarse dúas veces". Así, o actual xefe de filas do PPdeG asegura que neste momento non é quen de aclarar se "os galegos" van poder votar por el "máis na vida". Cumpriría, di, saber se "a Galicia lle pode interesar un terceiro mandato" encabezado por el mismo. Se non é así, suporía "perder o tempo", afirma. Así as cousas, o titular da Xunta volve deixar aberta a porta a unha posible marcha, que no caso do partido se oficializaría no vindeiro congreso autonómico, previsto para a primeira metade de 2016.

Feijóo, no acto celebrado na Coruña © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.