Cabeceira sen siglas para a manifestación do Día Nacional

De esquerda a dereita, Rosa Aneiros, Xurxo Souto, Isabelle Kerdudo, Xabier Docampo, Xosé Manuel Pereiro e Mercedes Queixas CC-BY-SA Praza Pública

Continúan os movementos para xuntar forzas de cara ao 25 de xullo. Mercedes Queixas, Xosé Manuel Pereiro, Xabier Docampo, Pilar Fernández, Suso de Toro, Isabelle Kerdudo, Xurxo Souto e Rosa Aneiros fixeron o chamamento a todas as galegas e galegos para o vindeiro día da patria. A convocatoria pretendeu ser “unha apelación que nace da cidadanía que, sen agardar instrucións nin consignas, quere manifestar o seu desexo e a súa vontade de nos reunir nunha celebración que diga claramente que as divisións nos debilitan e nos encamiñan á insignificancia, mentres a unión multiplica as nosas forzas para procurarmos as ferramentas necesarias que nos permitan decidir que queremos ser, que nos posibiliten a construción dun futuro de luz que non hipoteque o mañá de fillos e fillas”.

Os promotores explicaron que a manifestación sairá ás 12 da alameda de Santiago e a faixa da cabeceira levará como lema “A nación galega”, cun deseño de Pepe Barro, que é unha mestura entre a vieira e o deseño da bandeira do sol nacente. Xabier Docampo resaltou que “Barro é un cidadán coma nós, encargámoslle o deseño con confianza, porque sabíamos que non ía ofender a ninguén”.  Tras a faixa haberá un espazo para toda a cidadanía que non queira ir baixo os símbolos das organizacións. “Porque Galicia facémola entre todas e todos”, sentenciou Pereiro.

Tras a faixa, co lema A nación galega, haberá un espazo para a cidadanía que non queira ir baixo os símbolos das organizacións

Suso de Toro explicou que levan “un mes funcionando como o exército de Pancho Villa pero cun sentir común e un afán de unión”. “Este é un momento importante para Galicia”, explicou o escritor, “somos conscientes dos problemas  do país” e “queremos celebrar un 25 de xullo que actualice a conciencia de sermos unha nación”. De Toro subliñou que é un “convite cidadá, que nace desde a inocencia e a ilusión”. O escritor quixo agradecer ás “organizacións galegas que traballan todo o ano” pero matizou que eles se dirixen “fundamentalmente aos cidadáns que sintan que Galicia existe e quere existir e tamén ás organizacións de todo tipo: agrarias, sindicais, deportivas…”. Os promotores agardan que nos próximos días se vaian confirmando os apoios á iniciativa.

De Toro agradeceu ás organizacións políticas o traballo constante pero matizou que eles se dirixen fundamentalmente aos cidadáns

“O exemplo é Nunca Máis”, afirmou Pereiro, “había unha situación de urxencia, como esta, e a reacción ten que ser a mesma”.  Ao fío disto afirmou que “levamos case mil asinantes no manifesto, entre os que aparecen sinaturas sorprendentes”. Pereiro sostivo que “se non nos unimos para isto, non nos unimos para nada”. De Toro quixo salientar que “os contactos que mantivemos informalmente coas organizacións, polo momento, foron bos”. Ante posibles negativas por parte das organizacións políticas, Pereiro foi contundente: “todo o mundo ten problemas, trátase de ver que priorizas, se os problemas do teu partido ou os do país”. “De todos os xeitos, a este país encántalle celebrar derrotas”, concluíu.

"Todo o mundo ten problemas, trátase de ver que priorizas, se os do teu partido ou os do país"

Os convocantes afirmaron que podería ser o "preludio de algo máis grande" pero que iso xa non depende deles. Mercedes Queixas sostivo que o "25 é un día simbólico, que representa a nación que quere camiñar, para non permanecer sumidos na desilusión". "Se o resultado do chamamento é positivo", razoou Queixas, "será un éxito colectivo, e se non o é, pois tamén será un fracaso de todos". 

Esta manifestación será previa aos actos que as diversas organizacións políticas do nacionalismo realizarán en diversos puntos da capital galega. Así, por exemplo, o BNG realizará o seu tradicional xantar na contorna da carballeira de San Lourenzo, nas inmediacións do recinto do Festigal. Anova, pola súa banda, organiza un xantar no parque de Bonaval que incluirá intervencións políticas de seu e, se ben non apoiará como organización esta marcha, si prevé adaptar o seu horario ao da mobilización para permitir que os membros que queiran acudir poidan facelo, segundo confirman fontes consultadas.. Compromiso por Galicia prevé xuntar a súa militancia no parque de Belvís.

Persoas promotoras do 25 de xullo cidadán CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.