0 Gardados para despois

A exitosa marcha da 'Nación Galega' pon o primeiro "chanzo" para unha lista unitaria

Sara TorreiroSara Torreiro | @sara_te


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A manifestación unitaria polo Día Nacional de Galicia cumpriu -e mesmo superou- as expectativas. Milleiros de persoas ateigaron as rúas de Compostela nunha marcha polo 25 de Xullo non convocada por partidos por primeira vez en moitos anos. De base cidadá pero apoiada por numerosas formacións políticas, a mobilización superou amplamente en número á suma das diferentes convocatorias que se levaban a cabo polo Día da Patria en Compostela. E tivo como música de fondo a confluencia das forzas nacionalistas, galeguistas e rupturistas nunha única candidatura de cara ás vindeiras eleccións xerais. Todas as participantes recoñeceron o "paso importante" que para esa unidade supuxo esta histórica mobilización. 

A marcha superou en asistencia á suma das diferentes convocatorias doutros anos nun ambiente festivo e reivindicativo

Coa cabeceira da marcha d'A Nación Galega xa na praza da Quintana, milleiros seguían percorrendo as rúas de Compostela desde a Alameda, punto de inicio dunha manifestación na que destacou tamén a escasa presenza de simboloxía partidaria e o seu ambiente festivo e reivindicativo. En declaracións aos medios, Suso de Toro, un dos promotores do manifestou que impulsou a mobilización, cualificou de "éxito" a convocatoria e asegurou que espera que "os partidos dean un paso adiante e falen" para seren "capaces de abordar unha candidatura de confluencia de cara ás xerais". 

Suso de Toro espera que "os partidos dean un paso adiante" e sexan "capaces de abordar unha candidatura de confluencia"

Xa na Quintana, a lectura do manifesto da convocatorio foi partillado por varios cidadáns e promotores da manifestación (Federico Pérez Rei, Alba Cuba, Miguel Pernas, César Goldi e Patricia de Lorenzo). Nel, reivindicouse que "patria e nación é defender todo o que é público contra as privatizacións que son puro espolio do que é de todos". "E reclamamos para a nación a toda esa mocidade exiliada, mozos e mozas a quen se lles nega o dereito a vivir na súa terra. Unha terra que ten recursos abondos e capacidades para alimentalos e permitirlles unha vida digna e que non pode facelo por un sometemento a intereses alleos e contrarios aos nosos", díxose. 

"As persoas que estamos aquí a celebrar o Día da Patria Galega, e moitos outros concidadáns e concidadás polo país adiante, estamos unidas na resistencia, na insistencia e na teimosía", leron os encargados do manifesto, que advertiron que os alí presentes non renuncian "a nada do que nos aprenderon a amar os nosos maiores". "Non renunciamos ao soño dun país libre de persoas libres. Como Castelao no seu exilio americano presidindo un goberno sen poderes e, así e todo, encarnando a resistencia, así somos nós: non renunciamos á nación galega", aseguraron, antes de rematar co poema Pola unión, de Curros Enríquez. "Na unión dos bos galegos está da patria o porvir", acabou o discurso que volveu deixar claras as alusións á unidade e á confluencia antes da interpretación masiva do himno. 

Coa lectura do poema de Curros, Pola unión, rematou o manifesto dunha marcha na que se chamou á unidade

Apoiada, con máis ou menos énfase, por todas as forzas políticas nacionalistas, galeguistas e por Esquerda Unida, na marcha púidose ver o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence; o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras; a coordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz; ou o secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas, así como dirixentes de Cerna. Tamén acudiron á marcha o secretario nacional da CIG, Suso Seixo, ou o líder de CCOO-Galicia, Sánchez Aguión, entre outros. Segundo os cálculos dos convocantes, entre 25.000 e 30.000 persoas terían secundado a marcha en Compostela. "A metade dos manifestantes non puideron entrar na Quintana", aclararon. 

Beiras, Vence, Yolanda Díaz e Bascuas coinciden en que a marcha é "un primeiro paso" para unha candidatura unitaria de cara ás xerais

 

A manifestación, un "cambio histórico"

Todas as voces coincidiron en que a manifestación supón xa un cambio e un primeiro paso de cara á unión política nunha candidatura de confluencia galega que xunte o nacionalismo, o galeguismo e forzas rupturistas. Así, Beiras cualifica de "cambio histórico" o feito de que o chamamento "fose feito por promotores en nome da sociedade civil e non no de ningún partido" e cre que este será o impulso para lograr "que Galiza estea presente como suxeito político e como nación" no Congreso dos Deputados. 

Ademais, Xavier Vence falou de "primeiro paso para que Galiza logre un maior peso". "É un chanzo para unir, xuntar moita cidadanía e todas aquelas forzas políticas que queiran unirse para ter unha voz propia potente en todos os foros e, en particular, no Congreso". Yolanda Díaz, pola súa banda, asegura que EU quere "que nas xerais haxa unidade desde un programa de ruptura". "Somos os primeiros que lanzamos a proposta da Marea Galega e imos traballar ata o minuto menos un para que se conforme", engadiu, nun discurso semellante ao do secretario xeral de CxG, Xoán Bascuas. Quen non estivo presente foi Breogán Riobóo, líder de Podemos en Galicia, formación que non apoiou publicamente a marcha unitaria malia que algúns dos seus simpatizantes si a secundaron. 

Antes, á espera de que todos os manifestantes chegasen á praza, Xurxo Souto dirixiu o acto no que actuaron promesas da música galega e no que os asistentes interpretaron pezas tradicionais como O Carro. Antes da lectura do manifesto, o artista coruñés agradeceu a asisencia malia que "os medios de comunicación ao servizo do poder non axudaron, non cubriron o noso chamado e só destacaron os problemas". "Que rabeen que a pesar deles estamos aquí", dixo, tras dar as "grazas" ás organizacións que apoiaron a convocatoria. "Todas facemos falta", engadiu.

Ademais, a comisión organizadora deste 25 de Xullo parabenizouse pola xornada e agredeceu "o apoio das organizacións políticas, sindicais e sociais que animaron aos seus afiliados a asistir a este acto e ofreceron a súa xenerosa colaboración". "Foi o día histórico e simbólico que buscabamos nós, e como sospeitabamos, moitísima máis xente", remataron. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Vence cre que a marcha é "un paso adiante importante" para a unión das forzas galegas

O BNG participou na manifestación unitaria de celebración do Día da Patria que congregou máis de 25.000 galegos e galegas na Praza da Quintana baixo o lema A Nación Galega. Para o portavoz nacional do Bloque, "Galiza dá unha expresión de unidade, de vontade de construír unha maioría social e política, unha maioría que quere facer que Galiza teña voz forte nos foros internacionais, nos foros do Estado”. 

"Galiza dá unha expresión de unidade, de vontade de construír unha maioría social e política", di Vence

“É un día de gran alegría cunha manifestación unitaria de todos e todas as que queremos que Galiza teña futuro, que a xente nova teña futuro na terra, dos que aspiramos que Galiza teña ferramentas propias para gobernarse por si propia e para que podamos ter a dignidade como pobo á que moitos e moitas nacionalistas aspiramos dende hai décadas”, resaltou.

O BNG, segundo aclara, está convencido de que a cidadanía galega quere un goberno “que non se dedique a dilapidar as conquistas nin a laminar o autogoberno, senón que defenda os intereses deste país, a súa xente, a súa economía produtiva, que defenda un futuro para as novas xeracións, que defenda a sanidade e ensino públicos e que defenda o noso idioma e cultura”, alegou Vence.

"Unidos teremos forza para mudar as cousas e facer valer os intereses da nación galega no Estado e en Europa”

Para o Bloque, unha parte desa cidadanía ateigou a Quintana “nunha expresión de vontade de que unidos teremos forza para mudar as cousas e facer valer os intereses da nación galega no Estado e en Europa”, subliñou Vence, quen expresou a “satisfacción” do BNG poder participar nun acto político de todo o nacionalismo unido, “de todos e todas as que confían en Galiza, que teñen a esperanza e a ilusión de construír unha Galiza recoñecida no mundo, unha Galiza soberana”.

O acto de celebración unitario é tamén “un paso adiante importante para que as forzas políticas galegas se unan na defensa dos intereses nacionais de Galiza, para que moita cidadanía se una arredor destas forzas políticas que queremos un autogoberno potente e pleno, que queremos camiñar cara a soberanía”, subliñou Vence.

Vence cre que a manifestación unitaria é "un paso adiante importante para que as forzas políticas galegas se unan nos intereses nacionais de Galiza"

“Cremos que é un chanzo para unir, para xuntar a moita cidadanía e ás formacións políticas que queren xuntar as súas forzas para que Galiza teña unha voz propia potente en todos os foros e, particularmente, no Congreso”, afondou o portavoz nacional do Bloque.

“É moi importante que todos e todas as que creemos en Galiza como nación esteamos xuntos compartindo un gran acto político unidos, porque somos os que confiamos nas forzas e nas potencialidades da nosa nación”, isistiu Vence, que cre que a marcha "é unha vontade de unidade para contribuír a mudar as cousas e para dar a valer a Galiza no mundo”. 

Beiras pide que as forzas políticas acompañen a cidadanía no proceso de confluencia

O voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, advertiu este sábado tras a celebración da manifestación unitaria polo 25X que "o salto adiante prodúcese desde abaixo", facendo así un chamado ás organizacións políticas para que acompañen a cidadanía, pero deixando que sexa esta quen impulse un proceso de confluencia de cara ás eleccións xerais. 

"O salto adiante prodúcese desde abaixo", advertiu Beiras

O líder de Anova apelou a outros momentos históricos de confluencia, como a unión do PSG e UPG e á Xeración Nós para destacar que "hai que ter ben abertas as fiestras" para "todo o que está a ocorrer". Beiras, durante o seu discurso ante a militancia da súa formación, asegurou que "o Día da Patria pasou hoxe a ser o Día da Nación Galega", en alusión á exitosa marcha unitaria que encheu as rúas de Compostela. 

O líder de Anova cre que Galicia debe concorrer ao Congreso “como suxeito político soberano de seu” e “en clave de nación galega”

Ademais, Beiras asegurou que Galicia debe concorrer ao Congreso “como suxeito político soberano de seu” e “en clave de nación galega” e apostou por“poñermos a lealdade do pobo por riba das lealdades políticas”.

Ao acto de Anova asistiron como convidados membros doutras formacións, como da CUP ou Esquerda Unida, entre elas as deputadas de AGE Yolanda Díaz, Rubén Pérez e Eva Solla, ademais do outro líder da formación nacionalista, Martiño Noriega, actual alcalde de Santiago. 

CxG aposta por unha “Marea galega” cidadá "co apoio de Podemos, BNG, Anova e EU"

Compromiso por Galicia (CxG) aposta polo lanzamento dunha plataforma cidadá galega de cara ás vindeiras eleccións xerais, "uha Marea Galega, liderada pola cidadanía coa metodoloxía da nova cultura política", e onde as organizacións "sexan instrumentos que empurren e dean cobertura". Logo da participación de moitos dos seus militantes na manifestación unitaria, a formación galeguista celebrou o seu xantar no parque de Belvís, onde o seu secretario xeral, Xoán Bascuas, apostou por unha candidatura tamén unitaria que se marque o obxectivo de obter grupo parlamentario propio no Congreso, "nidiamente galego, para propiciar un cambio político, institucional, económico e social e para garantir que Galicia teña voz propia no novo escenario político que se abre no Estado". 

CxG aposta por unha "Marea galega" cidadá co apoio de varios partidos e para "obter grupo propio no Congreso"

Bascuas foi claro e asegurou que “nesa Marea Galega, que non debe ser só de nacionalistas, non sobraría ninguén, e faría falta tamén toda a forza da xente de Podemos, BNG, Anova, EU e Compromiso”, pero sobre todo "do conxunto da cidadanía que queira participar neste momento histórico onde podemos contar por primeira e nun momento onde o modelo territorial do Estado pode mudar, cun Grupo Parlamentario Nacional Galego que sexa a nosa voz”. Neste sentido, anunciou tamén o inicio dunha rolda de contactos cos actores políticos, “máis sendo conscientes de que o verdadeiro protagonismo é da xente”.

Bascuas anuncia xa o inicio dunha rolda de contactos con actores políticos para impulsar esa candidatura unitaria

Bascuas fixo estas declaracións tras o xantar en Belvís, onde amosou a súa ledicia ao ver “milleiros de galegos e galegas” nunha mobilización na que se quixo expresar que "temos un País con futuro e onde a propia cidadanía asumiu o rol de protagonista, e onde se dixo claramente que somos unha nación europea, que quere autogoberno, que quere benestar, que quere construír máis poder galego e ter máis capacidade de decisión”.