O PP de Lalín usou recursos públicos do Concello para fins electoralistas

Concello de Lalín © Concello de Lalín

O Partido Popular de Lalín, presidido por José Crespo, utilizou durante anos os recursos públicos do municipio con fins partidistas e electoralistas, segundo denuncia o novo goberno local da localidade. "A documentación achada no servidor de arquivos corrobora que o gabinete do ex alcalde traballaba dende o Concello na elaboración e deseño das campañas electorais do PP", asegura o Concello, cuxo persoal descubriu arquivos dos anos 2010 e 2011 nos que se inclúe argumentarios do partido, carteis publicitarios, propaganda electoral, discursos políticos, guións de mitins, cronogramas de campaña, fichas de afiliación aos populares e cartas nas que o ex rexedor pedía o voto para a súa formación.

O novo goberno atopa documentación que "corrobora que o gabinete do ex alcalde traballaba desde o Concello no deseño de campañas do PP"

Segundo asegura o Concello de Lalín -cuxo alcalde agora é Rafael Cuiña, de Compromiso por Galicia-, as propiedades informáticas deses arquivos sinalan que "os autores eran en moitos casos membros do gabinete de Crespo, que recibían un salario público mentres, presuntamente, traballaban dende o Concello para o Partido Popular".

Cuiña considera que estes feitos constitúen “un escándalo maiúsculo polo que os responsables do PPdeG, nomeadamente o señor Crespo, deberían ofrecer explicacións canto antes”. O rexedor lalinense advirte de que “en caso de que esas explicacións non resulten convincentes -e semella difícil que poidan selo dada a cantidade de documentos atopados- esixirei que se asuman responsabilidades no Partido Popular” sobre o comportamento dun alcalde que estivo 24 anos no cargo ata que nas últimas eleccións perdeu a maioría absoluta. 

Cuiña pedirá explicacións a Crespo e, no seu caso, "que se asuman responsabilidades no PP" ante "un escándalo maiúsculo"

O alcalde considera “inaceptable que se dean este tipo de situacións nun sistema democrático” porque "non só se están a utilizar os recursos de todos os cidadáns para xogar con vantaxe sobre outros partidos", senón porque “isto é sobre todo unha verdadeira fraude aos contribuíntes”. “Non se pode consentir”, afirma Cuíña, “que cos cartos dos impostos de todos, que deberían ir destinados a mellorar o benestar dos cidadáns, se estivesen a pagar recursos materiais e humanos para as campañas electorais do PP”. O rexedor tamén se pregunta se con esta situación “non estaremos ante unha forma de financiar de maneira opaca, fraudulenta ou irregular parte das campañas electorais do PP en Lalín”.

En todo caso, “o máis sangrante”, en palabras de Cuiña, “é que moitos deses documentos se utilizaban para xustificar medidas dos populares que ían en contra dos intereses dos veciños de Lalín”. Neste sentido, o alcalde lamenta que entre o material localizado se atopasen argumentarios para xustificar e defender a Xunta ante a instalación dunha planta incineradora no concello veciño do Irixo ou ante o proxecto para levar unha liña de alta tensión á fraga de Casas Vellas, “dous dos grandes ataques ao noso patrimonio natural e ambiental”.

O alcalde pregúntase se "non estaremos ante unha forma de financiar de maeira opaca, fraudulenta ou irregular parte das campañas do PP"

Para Rafael Cuiña, a análise dos ordenadores da alcaldía demostra que “o PP se cría por riba do ben e do mal e consideraba a Casa do Concello como o seu feudo particular”. Mostra de que o equipo de Crespo non esperaba “o batacazo que lle deron as urnas o pasado mes de maio, é que nin sequera tiveron tempo de desfacerse de todo o material comprometedor que había, e que seguramente aínda haberá, nos servidores do Concello”. A análise do contido dos ordenadores do gabinete desvela un bo número de carpetas baleiras, o que fai deducir que si se eliminaron arquivos, documentos e fotografías que, en calquera caso, debían ser públicos e propiedade do Concello de Lalín.

Por último, Cuiña lamenta que o PP de Crespo -que foi presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) entre 2003 e 2007- tivese “un concepto viciado da política, afastada dos mínimos valores éticos que deben rexer calquera actuación pública”. Ao mesmo tempo reitera o firme compromiso do novo goberno de Lalín coa ética e a responsabilidade política. Neste sentido indica que o seu equipo, tal e como xa se ten explicado en numerosas ocasións, “vai facer da transparencia a súa bandeira e polo tanto permaneceremos vixiantes para que os cidadáns coñezan polo miúdo como se gobernou o Concello no último cuarto de século e onde foron a parar os seus cartos”.

© Concello de Lalín
Billete para un sorteo que tería sido elaborado no Concello de Lalín CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.