Anova e Podemos-Galicia inician un diálogo político na busca de "cooperación"

Beiras e Iglesias, na Coruña © Podemos

Anova e Podemos veñen de anunciar o inicio de contactos entre ambas as dúas formacións en senllos comunicados. A formación nacionalista aclara que iniciou conversas para "explorar coincidencias e puntos de encontro" logo de "encetar" tamén "encontros e diálogo con organizacións políticas" coas que entende que é "posible encontrar fórmulas comúns de participación en procesos de unidade popular e en alianzas para as próximas eleccións xerais". 

Anova di ter "importantes coincidencias" con Podemos Galicia tras un primeiro contacto

A formación nacionalista di nun comunicado que comprobou "importantes coincidencias" logo dun primeiro contacto. Así, asegura que tanto Anova como Podemos entenden "Galiza como Nación e o Pobo Galego como suxeito de soberanía" e que ambas as dúas organizacións coinciden en que "a participación nunhas eleccións ás cortes españolas debe dar lugar a un espazo parlamentario propio que teña a Galiza como o seu espazo de representación".

"A plasmación da plurinacionalidade debe estar materializada de forma clara nas propostas de carácter electoral", di Podemos no seu comunicado, no que é menos claro sobre ese posible grupo propio.

Podemos tería aceptado a conformación dun grupo propio galego no Congreso e o dereito a decidir, pero nada se di da marca desa posible confluencia

Aínda así, Podemos aceptaría a conformación dun grupo propio galego no Congreso e a soberanía deste e da propia Galicia nos procesos de decisión, aínda que nada se aclara da marca coa que esta hipotética confluencia galega acudiría ás eleccións, dado que ningún dos posibles actores nela (BNG, a propia Anova ou as mareas) aceptan a proposta da dirección da formación de Pablo Iglesias de priorizar a súa denominación.

Si que di, non obstante, Podemos Galicia que existe o "recoñecemento expreso" de que as organizacións políticas "deben ser ferramentas ao servizo da xente e do cambio, rexeitando tanto a súa función como fin en si mesmas, como aquelas lecturas que fan das organizacións partidarias as únicas intérpretes e canalizadoras da vontade popular". 

Ademais, Anova asegura que ambas formacións conciben "as nosas organizacións como instrumentos da cidadanía do común" e "partillan a visión da realidade plurinacional do Estado español e o esgotamento do réxime do 78". Tamén en que o novo marco para o Estado "só pode vir mediante un proceso de procesos constituíntes que garanta o respecto das vontades soberanas dos suxeitos políticos das diversas nacións". Xa que logo, aceptaría tamén o dereito a decidir. 

Ademais, din concordar en "facilitar o traballo nos espazos de poder cidadá naqueles concellos en que Anova e Podemos participaron en mareas", con independencia "do resultado dos procesos de diálogo para conformación de candidaturas ás eleccións xerais".

"O proceso de diálogo entre Anova e Podemos continuará aberto co obxectivo de encontrarmos as fórmulas de cooperación para a unidade popular neste intre histórico que estamos a vivir", remata a formación nacionalista no seu comunicado. 

Beiras e Iglesias, na Coruña © Podemos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.