De Lara apraza 'sine die' a declaración de Besteiro, que se ve nunha "indefensión inadmisible"

Besteiro, ante a prensa CC-BY-NC-SA PSdeG

Nin Besteiro nin Orozco declararán este venres 31 ante a xuíza De Lara, tal e como estaba previsto. Nin o secretario xeral do PSdeG nin o ex alcalde de Lugo terán que acudir aos xulgados tras o adiamento sine die da súa declaración, polo que a causa contra o líder dos socialistas continúa dilatándose no tempo e, como mínimo, a súa comparecencia ante a xuíza De Lara non chegaría ata despois do verán. 

De Lara non recibiu aínda a información reclamada á Axencia Tributaria e a varios bancos

De Lara decidiu suspender as declaracións porque os axentes de Aduanas que investigan a trama non recibiron aínda a información sobre os imputados no caso Garañón, datos que reclamaran á Axencia Tributaria e a varios bancos. Fontes da defensa de Besteiro pregúntanse como se pode imputar o líder dos socialistas por prevaricación, tráfico de influencias e contra a ordenación do territorio sen ter eses datos que se consideran claves, ao tempo que non comprende por que si se tomou declaración ao resto de imputados malia non ter eses papeis. Ademais, recoñecen que este adiamento supón "un prexuízo" para o secretario xeral do PSdeG. 

Besteiro, que viu como algún medio sabía do adiamento da súa declaración antes ca el, emitiu un comunicado no que aclara que, "precisamente", a documentación que bota en falta a xuíza "ía ser achegada" por el na súa declaración, xa que "xustifica a procedencia de ata o último euro das cantidades abonadas tanto pola compra do noso piso, como pola obra de reforma realizada". "Cómpres sinalar que esta misma semana si se practicaron outras declaracións de imputados sen que dita documentación constase no xulgado", asegura. 

Besteiro pregúntase como De Lara o imputou se agora recoñece non ter datos claves que el mesmo ía achegar na declaración que foi aprazada

"Parece inxustificable que o propio xulgado recoñeza non dispor aínda dos datos patrimoniais e bancarios que precisa, nin saber como é o proceso de redacción e aprobación dun convenio urbanístico, despois das gravísimas imputacións realizadas contra a miña persoa", asegura tamén Besteiro.

Ao tempo, a maxistrada vén de citar tamén como imputado para mediados de setembro o avogado Javier Calvo, letrado do promotor da urbanización, Ricardo Iglesias, que asegurou ante a xuíza que non cometera delito ningún malia estar imputado por tráfico de influencias e un delito contra a ordenación do territorio. 

Ricardo Iglesias tería asegurado tamén que foi o seu avogado quen participou nas negociacións para construír as torres do Garañón, polo que agora De Lara agardará á súa declaración a mediados de setembro para despois interrogar a Besteiro e López Orozco, o que provocará que o caso aínda se atrase máis. A maxistrada considera "igualmente imprescindible" practicar con carácter previo a declaración deste novo imputado ao ter declarado Iglesias que foi el quen "participou na negociación do convenio urbanístico". Para o líder dos socialistas, no entanto, "non se chega a comprender a necesidade de practicar dita declaración de forma previa ás xa sinaladas".

A xuíza di queerer aclarar a "identidade dos partícipes municipais en devandita negociación" logo das manifestacións do xefe de Urbanismo do Concello de Lugo, José María González, na declaración efectuada o 28 de xullo, na que "negou tallantemente ter tomado parte na elaboración do convenio urbanístico". 

De Lara considera "imprescindible" que declare antes o avogado do promotor, novo imputado logo de que este último o situase na negociación con Besteiro

Precisamente, a pasada semana, a defensa de Besteiro presentou un escrito no que solicitou a nulidade de todo o proceso por múltiples causas irregulares que achegou. No documento, os letrados critican con dureza a maxistrada por abrir unha causa para a que, segundo eles, carecería de competencia e por facelo se indicio novo nin xustificación ningunha. Ao tempo, lembran que o caso foi reactivado xusto cando Besteiro ía ser nomeado senador e converterse en aforado, o que tería impedido ao xulgado lugués continuar co procedemento.

A defensa tamén se amosa sorprendida que non se resolvese este recurso de nulidade, que nin tan sequera se admitiu a trámite, e que tería anulado todo o proceso. Para Besteiro, tanto a suspensión da súa declaración como a falta de resolución do recurso presentado polos seus avogados -"no que se poñían de manifesto máis dunha decena de nulidades"- provoca que "se alongue unha situación de indefensión inadmisible que xa dura demasiado"

Besteiro cre que o aprazamento da súa declaración e a falta de resolución do seu recurso "alonga unha situación de indefensión inadmisible que xa dura demasiado"

"Como é doado de entender, ante a absoluta certeza da miña inocencia, estaba desexando comparecer para dar explicacións e achegar a devandita documentación que elimina calquera sospeita ou indicio de delito algún cometido por min. O atraso sine die de dita declaración supón un novo prexuízo e prolongar máis unha situación que esperaba xa quedase resolta e aclarada este venres", remata Besteiro. 

Con recurso, o líder do PSdeG cambiara de estratexia e intentara mesmo lograr a desimputación antes dunha declaración na que tamén prevía desmontar as acusacións da xuíza De Lara, que agora volve dar outra reviravolta e alonga aínda máis o caso que afecta o líder dos socialistas galegos. Unha causa aberta contra el pola xuíza por catro presuntos delitos polo caso Garañón, unha polémica obra paralizada por orde xudicial dende 2010 e autorizada en 2005 polo concello lucense, cando o actual secretario xeral do PSdeG era concelleiro de Urbanismo na cidade.

 

"Deixemos a Besteiro defenderse e probar a súa inocencia"

O secretario de Organización do PSOE, César Luentas, asegurou este xoves que o partido cumprirá con Gómez Besteiro o seu código ético, que marca a liña vermella para expulsar un dirixente imputado cando se lle abra xuízo oral. En declaracións á SER, asegurou que ao secretario xeral Pedro Sánchez "non lle tremerá a man" coa corrupción, pero aclarou que van "deixar que Besteiro se defenda e probe a súa inocencia"

"A Pedro Sánchez non lle tremerá a man, pero deixemos a Besteiro defenderse e probar a súa inocencia", di Luena

Ademais, Luena asegurou que o código ético do PSOE é "o máis esixente de todos os partidos" e aclarou que será a xustiza e este código ético os que decidan a permanencia ou non de Besteiro na formación socialista. 

Por outra banda, a alcaldesa de Viveiro non deixará o seu cargo malia a a pertura de xuízo oral, aínda que si se dará de baixa no PSdeG. María Loureiro asegurou que se atopa "tranquila" logo desta apertura de xuízo oral por un suposto delito de prevaricación urbanística e ratificou que non deixará oo seu cargo, aínda que si se axustará ás normas internas do partido, no que xa non militará.  

Besteiro durante o Comité Nacional © Javier Losada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.