O pleno do Parlamento galego consumou este luns a elección da nova Valedora do Pobo, a renovación de tres postos do Consello de Contas e a elección dos novo membros -seis- do consello de administración da CRTVG. O pacto entre PP e PSdeG permitiu a maioría cualificada nunha votación na que AGE, BNG e Grupo Mixto ou non participaron ou votaron nulo e volveron denunciar o "cambalache" da "bipolaridade das forzas do réxime".
O acordo entre PP e PSOE permitiu a elección da nova Valedora, a renovación de tres postos en Contas e a elección de novos membros no consello da CRTVG
Así, Milagros Otero, catedrática de Filosofía do Dereito na USC, será a nova Valedora en substitución de José Julio Fernández. Foi unha das decisións adoptadas grazas a un acordo PP-PSOE que non foi secundado por todos os deputados destes dous grupos. Cinco deles -presumiblemente das bancadas socialistas- desmarcáronse do pacto votando en branco. De feito, na reunión do grupo parlamentario, foron moitos os representantes socialistas que se mostraron en contra do pacto cos populares.
Mentres, o resto dos grupos volveron criticar con dureza o acordo entre os dous grandes partidos. Francisco Jorquera, voceiro do BNG, falou do "cambalache" tras advertir de que o xeito de levar a cabo a renovación dos cargos podería ir en contra da lei. "Isto é unha fraude á democracia", dicía o cartel que mostrou. Ademais, Xosé Manuel Beiras, voceiro de AGE, cargou contra o PSOE, que incluíu na "bipolaridade das forzas do réxime", mentres Méndez Romeu, portavoz socialista, lembroulle os pactos que un ou outra formación mantiñan co seu partido en varios concellos e deputacións. A rifa entre ambos acabou co convite a que o líder de Anova marchara, algo que acabou facendo.
Cinco deputados votaron en branco e non respectaron o pacto entre socialistas e populares
O BNG exixe unha CRTVG "pública e independente"
Por outra banda, baixo o lema “por unha CRTVG pública e independente”, o BNG exhibiu na Cámara galega cartaces en protesta pola decisión pactada para as renovacións dos devanditos órganos. Francisco Jorquera solicitou da Mesa do Parlamento alterar a orde do día do pleno e suprimir os tres primeiros puntos: a renovación do Valedor, a renovación das vacantes do Consello de Contas e a renovación dos membros do consello de administración da CRTVG, porque a formación "discrepa radicalmente, tanto na forma como no fondo" e entende que "no caso da renovación da CRTVG faise nuns termos que contraveñen a propia lei”. A presidenta da Mesa someteu a votación a reclamación do BNG que foi rexeita polo PP e PSOE e apoiada por AGE e Grupo Mixto.
No transcurso do debate, o parlamentario afirmou que compromete a “independencia da CRTVG” e incumpre a legalidade. Jorquera lembrou que a Lei dos Medios públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia contempla a elección do director xeral de maneira simultánea á dos membros do consello de Aadministración, algo que se incumpre de “maneira fragrante”.
Asemade, engadiu, resulta un "disparate", xa que ata que o Parlamento aprobe o acordo marco e a Xunta o contrato programa, os novos membros non poderán tomar posesión. O parlamentario lembrou que o BNG formulou unha reclamación ante a Mesa do Parlamento sobre este asunto, pero unha vez máis, a Mesa “pasa polo forro o cumprimento da Lei” polo que anunciou que o BNG non avalará cos seus votos “as présas dalgúns por colocar os seus”.
O BNG, recalcou esixe rigor e que se cumpra a lei e que a CRTVG sexa pública e non gobernamental”. Non apoiaremos co noso voto este “atentado contra a independencia da TVG” concluíu.