A Deputación de Ourense quere cobrar aos bombeiros que se manifestaron ante ela 100.000 euros por limpar o edificio

Mobilización de bombeiros comarcais ante a Deputación de Ourense CC-BY-NC-ND CIG

O goberno provincial presidido polo popular Luis Menor di que os seguros rexeitan facerse cargo da reparación e non quere que esta corra "a costa do diñeiro público"

O pasado 23 de outubro unha protesta ante a sede da Deputación de Ourense dos bombeiros comarcais en folga derivou en enfrontamentos coas forzas de seguridade e no lanzamento de pintura e a rotura de fiestras do edificio. Foi a xornada máis violenta de oito meses de mobilizacións coas que os bombeiros finalmente lograron o pasado febreiro que Xunta e as deputacións provinciais comprometesen diversas melloras nas súas condicións laborais. Porén, este martes a Deputación de Ourense anunciou a súa intención de reclamarlles "os máis de 100.000 euros" que asegura que lle custará "reparar a fachada do Pazo Provincial" polos danos sufridos o 23 de outubro. 

Imaxe divulgada pola Deputación de Ourense coa súa fachada manchada de pintura © Deputación de Ourense

Segundo un comunicado emitido pola deputación presidida polo popular Luis Menor, a compañía aseguradora derivou o expediente polos danos no edificio ao Consorcio de Compensación de Seguros, e este rexeitou facerse cargo dos gastos por non considerar os feitos como "tumulto popular ou motín", suposto no que tería que asumir o custo, senón froito dunha manifestación que contaba "coa preceptiva autorización das autoridades". Ante esa decisión, "á Deputación só lle queda dirixirse aos organizadores da concentración para esixirlles responsabilidade", di o goberno provincial. 

Segundo a Deputación, a súa sede "sufriu importantes danos como consecuencia do lanzamento de pinturas, botes de fume e rotura de xanelas", uns danos cuxa reparación foi avaliada polo servizo provincial de arquitectura e que "obrigarán á colocación dunha estrutura en toda a fachada da rúa Progreso". A Deputación lembra que a súa sede está cataloga por Patrimonio como un edificio a protexer, o que "fixo necesario contratar a unha empresa especializada en restauración para determinar o método que se ten que empregar na eliminación da pintura na pedra.

Un bombeiro ferido na protesta ante a Deputación de Ourense do pasado 23 de outubro CC-BY-NC-ND CIG

Ante esta situación e a negativa dos seguros, o goberno provincial di que quere evitar que a reparación corra "a costa do diñeiro público". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.