A Eurocámara volverá abordar a contaminación das rías galegas malia o voto en contra do PP

Ana Miranda, votando na Comisión de Peticións da Eurocámara CC-BY-NC-SA BNG

A finais de 2013 a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo votou e aprobou definitivamente o seu informe sobre a contaminación nas rías galegas, que puña o foco nas do Burgo, Vigo e Ferrol. O informe chegaba tras inspección sobre o terreo por parte dunha delegación da Eurocámara que promovera a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, pero tamén despois de varios bloqueos e dilacións emanados fundamentalmente dende o grupo do PP europeo, que finalmente lograra suavizar as recomendacións e evitar os reproches ás autoridades dos gobernos galego e central, ambos daquela nas mans dos populares.

Ana Miranda: "Propúxeno porque non se cumpriu case ningunha das recomendacións e queremos solucións ao saneamento das rías"

Media década despois e xa case no remate dunha lexislatura europea á que o PP concorreu defendendo que incumprir os prazos de depuración das rías non implicase sancións da UE, aquel informe volve revivir. Faino tras varios meses de negociacións da propia Miranda cos grupos representados na Comisión de Peticións, da que fai parte. Esas conversas desembocaron este mércores nunha xuntanza de coordinación para organizar a axenda que este órgano parlamentario abordará nas primeiras semanas de 2019. Nela Miranda defendeu que aquel documento sexa abordado outra volta para comprobar se as recomendacións de saneamento das rías galegas están ou non cumpridas. E todos os grupos a apoiaron agás os populares.

A ría do Burgo en Culleredo Dominio Público Turismo de Galicia

"Propúxeno -explica Miranda- porque non se cumpriu case ningunha das recomendacións europeas e queremos solucións ao saneamento das rías", que segue a ser unha "prioridade". Unha vez aceptada a reapertura do debate, di, o seu seguinte obxectivo será que as as plataformas que defenden ese saneamento poidan volver intervir ante a Comisión de Peticións e alí "expoñer argumentos, informes de situación e avaliación da aplicación orzamentaria que levan anos trasladando por escrito, en concreto, os das rías do Burgo e Vigo".

Segundo Miranda, o momento en que o saneamento das rías regresa á Eurocámara é especialmente relevante porque "estamos negociando os fondos" para o período orzamentario 2020-2027 e "aínda non se aplicaron os fondos europeos pasados". Cómpre lembrar, advirte a eurodeputada, que "unha das recomendacións" era, precisamente, que a UE "garantise o apoio financeiro necesario que permitise a Galiza dar prioridade da forma máis eficaz e urxente" aos proxectos destinados a sanear as rías, un obxectivo "non cumprido -cre- porque non houbo suficientes investimentos do Estado".

"Estamos negociando os fondos de 2020-2027 e aínda non se aplicaron os anteriores"

Nun contexto no que a Xunta vén subliñando que a situación variou especialmente no caso de Vigo pola posta en marcha da nova depuradora, Miranda advirte que "efectivamente, se fixo a EDAR", pero "o saneamento da ría non está completado, porque os aliviadoiros que existen son os mesmos que había hai anos" e "a contaminación e as verteduras seguen existindo". No caso da ría coruñesa do Burgo "a problemática de falla de saneamento integral e dragado" segue presente, con "graves problemas de saneamento que implican a perda de postos de traballo" e "impacto na saúde".

Neste sentido, Ana Miranda coida que o feito de que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea "condenase o Estado español a pagar unha multa de 12 millóns de euros pola tardanza en cumprir a normativa europea sobre tratamento de augas residuais" é a mellor mostra "de que o Bloque non se equivocou na súa denuncia cando en 2013 presentou a reclamación polo incumprimento do saneamento". Agora, advirte, o regreso do tema á Comisión de Peticións "é unha oportunidade de corrixir o que o PP non fixo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.