A Xunta ocupou ilegalmente durante oito anos un terreo e agora terá que pagar aos donos 60.000 euros

Monte Barbeito, en Arteixo, con varias antenas de telecomunicacións e no que a Xunta ocupou ilegalmente un terreo particular cunha delas © Concello de Arteixo

Os propietarios reclamaron en 2012 ao Goberno galego polo emprazamento no seu terreo anos antes dunha caseta e torre de telecomunicacións, pero a Xunta non o expropiou ata 2020 e agora terá que pagarlles o equivalente ao alugueiro acumulado

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a Xunta a pagar aos propietarios dun terreo no monte Barbeito, en Arteixo, uns 60.000 euros, o equivalente ao alugueiro -máis a inflación- que deixaron de percibir durante os máis de oito anos que estivo "ocupado ilegalmente" por unha caseta e antena de telecomunicacións levantadas pola empresa pública Retegal

No proceso xudicial o Goberno galego argumentou que era "dubidoso e meramente continxente" o suposto dano que reclamaban os propietarios, pero o tribunal ratificou que o terreo estivo "efectivamente ocupado" pola empresa da Xunta mentres outras empresas de telecomunicacións pagaban alugueiro por outras instalacións similares nas proximidades.

Antenas de telecomunicacións no monte Barbeito, en Arteixo © Google

Segundo os feitos relatados na sentenza agora feita pública, do pasado 4 de maio, a Xunta ocupou en 1987 "en precario" 72 metros cadrados de monte propiedade dos demandantes coa construción dunha caseta e torre de telecomunicacións da empresa pública Retegal. En 2012 os propietarios reclamaron os seus dereitos cun burofax a Retegal e a Xunta decidiu expropiar o terreo, pero non culminou ese proceso e non pasou a ser a lexítima propietaria ata máis de oito anos despois. Nese momento os propietarios reclamaron ao Goberno galego 

A Xunta argumentou que era "dubidoso" que a ocupación danase os propietarios, pero o TSXG di non entender esa postura xa que "o terreo estivo efectivamente ocupado ilegalmente" mentres na mesma zona outras empresas pagaban por instalacións similares

Durante o proceso xudicial a Xunta rexeitou que a súa ocupación supuxese danos indemnizables aos propietarios polo que deixaron de ingresar co argumento de que estes "non poden ser dubidosos e meramente continxentes". Pero o TSXG "non entende que os danos do caso sexan dubidosos" xa que "o terreo dos demandantes estivo efectivamente ocupado pola caseta e torre de telecomunicacións ilegalmente ata a súa expropiación, que se levou a cabo precisamente para a regularización" das instalacións.

O tribunal lembra, e a Xunta non discutiu, "que na mesma zona existen outras casetas e torres xestionadas por distintas empresas", polo que mira para elas á hora de establecer canto podían cobrar os propietarios pola parcela ocupada pola administración galega.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

Así, un terreo de 140 metros cadrados fora alugado por mil euros ao mes, e outro de 25 metros por 450 euros ao mes. "A expectativa de percibir ganancias polo alugueiro do terreo dos demandantes é unha expectativa certa", conclúe o tribunal, polo que establece que para os 76 metros cadrados en litixio o alugueiro correspondente sería de 542 euros mensuais. 

Fronte á demanda dos propietarios que remontaba o dano á primeira ocupación do terreo en 1987, polo que reclamaban 194.000 euros, o tribunal considera que o cómputo debe iniciarse en 2012, momento da súa primeira reclamación. Así que é desde ese momento desde o que a Xunta debe asumir o alugueiro, que debe ser tamén actualizado coa inflación rexistrada neses máis de oito anos, o que sitúa a indemnización total en arredor de 60.000 euros. O TSXG tamén condena a Xunta ao pagamento das costas xudiciais ata un máximo de 1.500 euros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.