Confirmadas as multas ás empresas que impedían reservar no camping de Ons a quen non lles mercase tamén a viaxe

Peirao de Ons Dominio Público Txo

As empresas do Grupo Acuña aproveitaban a súa posición "exclusiva" da concesión do camping da illa para impedir que quen contrataba o transporte de ría con outra compañía puidese reservar o aloxamento, constata o Tribunal Supremo

A finais de 2019 a Comisión Galega da Competencia, dependente da Xunta, multou con algo máis de 88.000 euros a tres empresas (Naviera Illa de Ons, S.L., Iniciativas Turísticas de Ons, S.A. e Viajes Illa de Ons, S.L) polo que considerou unha infracción grave de "abuso de dominio" ao impedir reservar praza no camping da illa de Ons a quen non contratase con elas tamén a viaxe no barco para chegar alí.

As empresas recorreron a sanción ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que en 2021 a ratificou. Seguiron litigando ante o Tribunal Supremo, que agora confirma o ditaminado polo TSXG: deben ser multadas porque restrinxiron a competencia aproveitándose da concesión outorgada pola Xunta a unha delas.

Un barco partindo de Bueu cara á Illa de Ons CC-BY Fotero

A clave do litixio e da multa, detalla a Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo, do TS, é que Iniciativas Turísticas de Ons era a concesionaria do único camping da illa, o que lle outorgaba unha "posición de dominio" na "xestión das prazas" para durmir na illa. Á súa vez, Naviera Illa de Ons era unha das empresas con concesión do transporte de ría para chegar alí. Ambas, xunto con Viajes Illa de Ons, restrinxiron o negocio a si mesmas.

Esta "unidade de acción" entre as empresas, razoan ambos tribunais, débese a que, malia seren sobre o papel empresas distintas, "contaban con participacións cruzadas e unha mesma administradora", identificadas todas elas como Grupo Acuña. As tres a un tempo "ofrecían un produto combinado de transporte e aloxamento" fóra do cal "non se podía reservar por adiantado" no camping. Daquela, había que agardar a "estar na illa" para saber se era posible ficar nela á noite ou non.

Buraco do Inferno, na Illa de Ons CC-BY-SA Miguel

Subliña a sentenza que a sanción non se debe a que ofrecesen un "produto combinado", senón a que, a efectos prácticos, estendesen "unha posición de dominio no mercado", a xestión exclusiva do camping, a "outro mercado conexo". Así, "aproveitándose da súa posición de dominio, condicionábase a reserva previa no campign aos usuarios que contratasen coa empresa de transporte do grupo", deixando fóra a calquera outra.

Mar de Ons xa fora expedientada por Competencia pola xestión das viaxes ás Cíes. En 2022 evitara a multa asumindo diversos compromisos de mellora que neste 2024 aínda non cumprira

Deste xeito, a efectos prácticos a exclusividade do camping estendíase tamén ao mercado do transporte, "no que non existe exclusividade ningunha". En síntese, "non se prohibe a oferta dun produto combinado", senón que se actúa contra "a práctica dunha empresa en situación de dominio, case monopolítica" que pretende ter ese mesmo dominio noutro mercado. A consecuencia, evidencia, viña sendo a "imposibilidade de que os usuarios poidan elixir libremente a empresa coa que queren contratar o transporte se queren aloxarse nas instalacións do camping".

Non é a primeira vez que algunha destas empresas, Naviera Mar de Ons, é obxecto de expedientes de Competencia, aínda que non polas viaxes a Ons, senón ás illas Cíes. Como informou Praza.gal, esta empresa -xunto a outras- puido evitar unha sanción por prácticas anticompetitivas comprometéndose a asumir determinados compromisos e melloras que, no caso de Mar de Ons, aínda non foran cumpridos neste 2024.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.