Navieiras de Cíes aínda incumpren condicións impostas por Competencia tras seren denunciadas en 2016

Un barco de pasaxe nas illas Cíes e resolución de Competencia © Imaxe: Mar de Ons | Montaxe: Praza Pública

O departamento da Xunta que vela polo libre mercado constata que se manteñen incumprimentos e que noutros casos aínda non ten certificado que as empresas implantasen as melloras comprometidas

En 2016 varias empresas navieiras foron denunciadas por fixar os mesmos prezos para as viaxes que cada unha delas ofrecía ás illas Cíes, o que vulneraría o libre mercado. Foi durante uns anos, a mediados e finais da pasada década, nos que a Xunta tamén sancionou con diversas multas a venda de billetes irregulares ou por riba do máximo permitido para o acceso a un espazo protexido como é o Parque Nacional das Illas Atálnticas. 

No que respecta á vulneración do libre mercado, o departamento de defensa da competencia da Xunta (daquela o Consello Galego da Competencia e agora a Comisión Galega da Competencia) abriu un expediente sancionador que pechou en 2022 sen sancionar ás empresas a cambio do compromiso destas de mellorar o seu cumprimento da normativa e de implantar diversas melloras nos seus procedementos comerciais. Pero agora Competencia vén de emitir unha resolución na que constata que se manteñen incumprimentos e que noutros casos aínda non ten certificado que as empresas implantasen as melloras comprometidas.

Imaxe das illas Cíes nun pasado verán CC-BY-SA Praza Pública

As catro empresas investigadas por fixar as mesmas tarifas para os seus billetes ás illas Cíes foron Mar de Ons SL, Naviera Illa de Ons SL (Nabia), Naviera Rías Gallegas SL e Cruceros Rías Bajas SL. En 2022 a Comisión Galega da Competencia, presidida polo popular Ignacio López-Chaves, aceptou pechar o expediente sancionador a cambio de que as empresas cumprisen seis compromisos. Estes eran desenvolver políticas de tarifas independentes, divulgalas con campañas individualizadas, mellorar a atención ás persoas con discapacidade con descontos específicos, implantar programas de cumprimento normativo, remitir a Competencia as medidas de xestión implantadas para a fixación de tarifas e implantar canles de denuncias internas e formación ao persoal. 

Agora a resolución que vén de emitir Competencia constata que o compromiso terceiro, o relativo a establecer descontos para persoas con discapacidade, foi incumprido por Mar de Ons e Naviera Rías Gallegas, mentres que as outras dúas empresas si o cumpriron.

Resolución da Comisión Galega da Competencia constatando o incumprimento de dúas navieiras e instando a apertura dun expediente sancionador CC-BY-SA Praza Pública

Competencia considera "infracción moi grave" que Mar de Ons e Rías Gallegas non implantasen descontos para persoas con discapacidade 

Sobre o resto de compromisos, Competencia só considera xa cumpridos algúns por parte dalgunhas empresas, segundo o informe que sobre os mesmos elaborou o pasado novembro o seu departamento de investigación. Así, no caso do compromiso sexto, o relativo a implantar canles de denuncias internas, o documento sinala que as catro empresas o fixeron pero que non hai certificación de que o puxesen en coñecemento de todo o persoal e impartisen formación sobre o mesmo.

No caso dos compromisos primeiro e segundo, os referentes a fixar tarifas independentes, Competencia sinala que o informe de vixilancia realizado polo seu departamento de investigación "non fai referencia" sobre se as catro empresas "cumpriron ou non". 

No caso dos compromisos cuarto e quinto, os referentes a implantar un programa de cumprimento normativo e a comunicar os seus sistemas de fixación de tarifas, a resolución sinala que o informe de vixilancia "considera que as empresas Naviera Illa de Ons SL e Cruceros Rías Bajas SL cumpriron o mesmo, polo que as empresas Naviera de las Rías Gallegas e Naviera Mar de Ons, na súa opinión non o cumpriron, aínda que iso non o indica o referido informe".

Ante esta situación, Competencia pide ao seu departamento de investigación que elabore un novo informe de vixilancia dos compromisos pendentes de certificar. E no caso do compromiso terceiro, o relativo a descontos a persoas con discapacidade, o xa considerado incumprido por parte de Mar de Ons e Rías Gallegas, Competencia insta a apertura dun procedemento sancionador por consideralo "unha infracción moi grave". Ante esa resolución Mar de Ons presentou un recurso administrativo pero Competencia xa o inadmitiu a trámite indicando que só cabe recurso xudicial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.