Despois de que este sábado a Xunta anunciase a través dunha nota de prensa que a partir de Semana Santa haberá que contar cunha autorización persoal súa antes de mercar os billetes de barco a Cíes, este luns seis navieiras veñen de emitir un comunicado conxunto no que critican esa medida imposta polo Goberno galego. Fano gabando a “gran calidade” do servizo que din prestar, malia que tres delas foron sancionadas polo Goberno galego por superar o pasado verán o aforo permitido nese espazo protexido para preservar os seus valores ecolóxicos.
Seis empresas, tres delas multadas, asinan un comunicado conxunto contra a decisión da Xunta de que os visitantes conten cun permiso seu antes de mercar os billetes de barco
Tras a incapacidade amosada nos últimos anos polo Goberno galego para controlar que as empresas non superen o límite de 2.000 visitantes por día que ten o parque, agora a Consellería de Medio Ambiente pasará a responsabilidade a cada visitante, que deberá solicitar ao Goberno galego unha autorización previa e personalizada que deberá presentar ao desembarcar nas illas. Ante esta medida, seis navieiras (Mar de Ons, Cruceros Rías Baixas, Tours Rías Baixas, Nabia, Naviera de las Rías Gallegas e Bahía Sub) emitiron un comunicado conxunto criticándoa. Tres desas empresas foron sancionadas pola Xunta por transportar a visitantes ás illas Cíes de xeito irregular durante tres días concretos do pasado verán, malia que o aforo do parque foi superado durante máis xornadas e tamén en veráns anteriores. Mar de Ons recibiu unha multa de 600.000 euros, e Cruceros Rías Baixas e Tours Rías Baixas doutros 40.000 euros cada unha. Unha cuarta empresa, Illa de Ons, foi multada con outros 250.000 euros.
As navieiras critican que o sistema anunciado pola Xunta “complicaría aínda máis os trámites para os viaxeiros” e propoñen “un modelo diferente” cun “paquete de medidas” que aseguran que enviaron xa ao Goberno galego pero que non detallan
Na súa nota conxunta, as empresas din que na última década “ofrecemos un servizo de transporte marítimo aos usuarios de gran calidade e as nosas suxerencias poden contribuír a que as illas Cíes e todo o Parque Nacional conten cun procedemento de reserva e venda transparente, fiable e áxil para o consumidor”. As navieiras critican que o sistema anunciado pola Xunta “complicaría aínda máis os trámites para os viaxeiros” e propoñen “un modelo diferente” cun “paquete de medidas” que aseguran que enviaron xa ao Goberno galego pero que non detallan.