0 Gardados para despois

A Xunta sanciona as navieiras das Cíes por só tres días de viaxes irregulares

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A Consellería de Medio Ambiente, que dirixe Beatriz Mato, vén de facer públicas as súas propostas de sanción por un total de 930.000 euros a catro navieiras por superar este pasado verán o aforo permitido nas illas Cíes. Porén, a Xunta limita as súas sancións a só tres días, 3, 5 e 19 de agosto, malia que a situación deuse en máis xornadas durante todo o verán e vén sendo denunciada hai anos. O reparto das multas é o seguinte: Mar de Ons, 600.000 euros; Illa de Ons, 250.000 euros; Tour Rías Baixas, 40.000 euros; e Cruceiro Rías Baixas, 40.000 euros.

 

O Goberno galego impón multas que suman 930.000 euros e desvía á Fiscalía a decisión dunha posible denuncia penal

A Xunta explica que incoou un total de dez expedientes “tras as denuncias formuladas polo servizo de gardaría do Parque Nacional”, que limita a eses tres días anteditos. Segundo Medio Ambiente, os seus criterios para determinar o importe das multas foron o do “potencial dano aos valores medio ambientais, a porcentaxe de pasaxeiros non autorizados, así como o volume total dos mesmos, a reincidencia e o beneficio ilícito”. Así, Mar de Ons, a navieira máis veterana no transporte marítimo na ría de Vigo, foi a que cometeu as infraccións máis graves con “un exceso de máis dun 300% sobre o número de pasaxeiros autorizados os días 5 e 19 de agosto”.

Segundo o Goberno galego, a responsabilidade do sucedido en Cíes é só das empresas mentres que o sistema de central de reservas de billetes habilitado pola Xunta para controlar o aforo das illas (2.000 prazas diarias en transporte regular, 200 en visitas organizadas e 800 no cámping) “funcionou con total normalidade, tal e como demostra o certificado de actividade emitido pola Amtega”, o departamento informático da propia xunta.

A Xunta anunciou a súa denuncia ante a Fiscalía antes mesmo de que esta abrise as dilixencias

Medio Ambienta salienta que “dada a gravidade dos feitos, a Xunta interpuxo unha denuncia ante a Fiscalía por se estas actuacións foran, ademais de obxecto de sanción, constitutivas de infracción penal por falsificación de documentos e estafa á cidadanía”. Unha denuncia ante a Fiscalía que supón a renuncia implícita a denunciar directamente o propio Goberno galego ás empresas ante o xulgado. E unha denuncia, por outra parte, que foi anunciada polo Goberno galego antes mesmo de que a propia Fiscalía abrise dilixencias, limitando así a súa capacidade de actuación sen que as empresas fosen coñecedoras da investigación.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.