0 Gardados para despois

Grupos ecoloxistas advertiron ante a Xunta en 2014 do exceso de visitantes nas Illas Cíes

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


"A polémica polo turismo desordenado nas Cíes pon de manifesto o que levamos denunciando: que a normativa de cupos de visitantes é incumprida de maneira sistemática por certas navieiras sen que ata o momento se tomase ningunha medida seria". Algunhas das principais organizacións do movemento ecoloxista galego -Adega, APDR, FEG, A Ría non se Vende, Salvemos Monteferro, Verdegaia e Voces polo Litoral- veñen de acoller a controversia xerada pola masificación nas viaxes ás Illas Cíes a través da venda irregular de pasaxes como unha ratificación das súas propias denuncias. Estas organizacións, lembran, puxéronlle cifras hai case tres anos en presenza da Xunta ao quebrantamento do cupo de 2.200 visitantes máis 800 campistas diarios e o Goberno, lamentan, optou por ser "morno" ata agora.

Esa advertencia, explican estas organizacións nun comunicado conxunto, produciuse o 23 de outubro de 2014. Nesa xornada celebrouse a undécima xuntanza do Padroado do Parque Nacional Maríatimo-Terrestre das Illas Atlánticas, o órgano de "participación da sociedade" na xestión deste espazo natural, no que sentan a Administración pública e tamén entidades como universidades, confrarías de pesca, concellos ou os propios grupos ecoloxistas. Naquela xuntanza, que segundo informou ese mesmo día o Goberno, estivo "presidida" pola daquela directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, "un dos dous representantes do Movemento Ecoloxista" advertiu de que as navieiras estaban a pasar por riba do límite de turistas. 

A representación ecoloxista no Padroado do Parque Natural advertiu do quebrantamento do cupo de visitantes o 23 outubro de 2014 ante representantes do Goberno galego

Concretamente, advertiron de que "a media de visitantes ás Illas Cíes durante o mes de agosto de 2013 era de 2.708 persoas" ao día, atendendo ao balance turístico que facilitara a propia Xunta. Esta cifra "constataba o exceso de cupo rexistraro durante algúns días dese período no arquipélago", advertiron na xuntanza encabezada pola alto cargo do Goberno galego. Pero "o director-conservador do Parque Nacional, José Antonio Fernández Bouzas, sacoulle importancia a este dato, negando ningún tipo de exceso de cupo", afirman. Esta advertencia, resaltan, uniuse ás múltiplas "denuncias por exceso de cupo", unhas 120 dende 2011 entre as cales "ningunha superou a contía de 12.000 euros" aínda que, como admitiu Medio Ambiente nos últimos días, "poderían impoñer ata 200.000 euros e mesmo a retirada temporal da concesión".

Plans turísticos sen "ningún estudo" previo nin Plan Reitor

Os grupos ambientalistas lamentan que Medio Ambiente "manifeste a obsesión por ter cada vez máis visitantes" sen avaliar o seu impacto

Neste contexto, as organizacións ecoloxistas reprochan non só que no parque cundise "a relaxación xeneralizada no cumprimento da normativa", senón que ademais a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, fixese públicos plans que "lonxe de parecer realizadas" pola titular do departamento medioambiental da Xunta, "semellan ter sido efectuadas" pola responsable de Turismo, din en referencia á aposta por "superar a barreira dos 400.000 visitantes ao Parque". Cando Mato trazou ese obxectivo, en febreiro de 2016, "non propuxo ningunha iniciativa rigorosa de estudo da capacidade de carga do espazo natural, senón que volveu manifestar a obsesión por ter cada vez máis visitantes anuais", sen ter en conta que "todas as medidas de xestión" dun Parque coma este deben "supeditarse" á súa conservación.

Se algunhas navieiras "dobraron o número permitido" de billetes foi porque a Xunta "non exerceu un control estrito que impedise a venda fóra do circuíto legal", din

Partindo da base de que "unha das causas da masificación das illas está na liberalización do transporte marítimo", as organizacións ecoloxistas din "alegrarse" de que "por fin o problema saia á luz pública e se comecen a tomar medidas adicionais para impedir" uns incumprimentos que, resaltan, non son culpa "unicamente das navieiras, ás que non parece importarlles matar a galiña dos ovos de ouro", senón tamén das "autoridades", polo seu desleixo. Se algunhas navieiras chegaron a "dobrar o número permitido" de billetes foi por que dende a Xunta, lamentan, non se exerceu "un control estrito que impedise a venda fóra do circuíto legal", algo que "debería ser moi sinxelo co actual desenvolvemento tecnolóxico". Así, advirten, Medio Ambiente non tería que chegar a provocar "episodios como o do pasado domingo", con centos de persoas "obrigadas a volver a terra por exceder o cupo".

Alén destas medidas máis ou menos puntuais e de controis máis rigorosos o movemento ecoloxista lembra que un dos problemas deste Parque segue a ser a ausencia dun Plan Reitor de Uso e Xestión, que estes mesmos grupos "levan máis dunha década solicitando" e que o propio Goberno admitiu como "fundamental" no ano 2009. A lei pola que en 2002 se aprobou a declaración das Illas como Parque Nacional, lembran, fixaba un prazo dun ano para a aprobación deste plan, polo que "só a neglixencia máis absoluta pode explicar" que non estea elaborado e en vigor. "Agardamos -conclúen- que o acontecido estes días sexa o inicio dun cambio de rumbo".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta tenta aplacar cunha xuntanza o anoxo da hostalaría viguesa polo caos en plena ría

O Goberno galego tentou aplacar este xoves outra das frontes abertas polo caos das Cíes: o turístico. Despois de proclamar durante os pasados meses que a Xunta "quere máis" turistas no Parque das Illas Atlánticas malia rexistrar xa incrementos superiores ao 100% anual, o sector turístico en xeral e a hostalaría viguesa en particular amosou o seu anoxo pola imaxe transmitida co caos das viaxes ás Cíes, un malestar que as directoras xerais de Patrimonio Natural e Turismo, Ana María Díaz e Nava Castro, tentaron minorar cunha xuntanza con representantes do sector.

Hotaleiros, representantes da Federación de Hostalería PEPROHOS e mais da Asociación Provincial de Axencias de Turismo de Pontevedra escoitaron as explicacións a respecto do que Díaz define como "unha medida drástica e dura que preferiríamos non ter que tomar, pero que veu derivada da irresponsabilidade das empresas á vista de que ningunha das accións previas, en vía administrativa, fixo efecto". "Tiñamos a obriga de preservar unha das nosas xoias patrimoniais", afirmou sen especificar dende cando o Goberno tiña coñecemento destas prácticas.

As directoras de Patrimonio Natural e Turismo, por unha banda, e Caballero, por outra, reuníronse con hostaleiros da cidade

A xuntanza con Díaz e Castro non foi a única mantida por representantes hostaleiros durante esta xornada. Unha representación do sector foi tamén recibida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, que dixo compartir a súa preocupación pola "caótica e desastrosa xestión da Xunta na crise das cíes" e o "inmenso dano" causado á "imaxe da cidade". O Goberno galego, acusa, "danou moi severamente a cidade e á imaxe medioambiental do Parque Natural", toda vez que é a Administración que "ten que velar polo control de afluencia" e o respecto a un cupo que "se vén superando nos últimos anos, tal e como sabe o Goberno", afirmou.

"Unha vez coñecida a sobrevenda -sinala o rexedor vigués- a Xunta tería que ter intervido as plataformas informáticas das navieiras". Aínda máis, agrega, "tería que ter implementado hai dez anos un sistema de control similar aos dos campos de fútbol ou espectáculos nos que os billetes son infalsificables". O Concello, avanza, vai "retomar a promoción das Illas Cíes" para deixar claro que "Vigo é unha cidade extraordinaria que trata ben aos turistas".