A Xunta pagou 8.000 euros polo informe sobre ocupación de vivendas, que reproduce parágrafos dunha lei do PP de Castilla-La Mancha

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, amosa unha copia do informe sobre ocupacións contratado pola Xunta e elaborado pola profesora e dirixente do PP de Castilla-La Mancha CC-BY-SA Foto: Xunta/Xoán Crespo | Montaxe: Praza Pública

A pasada semana, a Xunta presentou ao Observatorio Galego de Vivenda e aos medios de comunicación senllos informes encargados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os traballos, explicou o Goberno galego, foran elaborados por senllos "penalistas" e "avalan" a petición da Xunta "reformar o Código Penal para disuadir as ocupacións e devolver as vivendas aos seus propietarios".

A autora dun destes informes é Silvia Valmaña, que ademais de profesora profesora de Dereito Penal da Universidad de Castilla-La Mancha foi deputada do PP no Congreso entre 2016 e 2019 e é vicesecretaria de Acción Política do PP castelán-manchego. O Goberno galego pagou 8.000,52 euros por ese informe, IVE incluído.

O informe elaborado pola profesora e dirixente do PP, que liga un incremento das ocupacións de vivendas co suposto "amparo" de Ada Colau á comisión de delitos, foi facturado pola Universidade de Castilla-La Mancha

O pagamento foi facturado pola Universidade de Castilla-La Mancha. A Xunta realizouno pola vía do contrato menor, unha figura legal que, no caso dos contratos de servizos, permite a adxudicación directa á persoa ou empresa que a Administración considere conveniente. A Consellería de Vivenda datou a adxudicación no pasado 16 de marzo.

Nese documento, Valmaña fala dun "alarmante incremento" das ocupacións ilegais de vivendas e atribúeo á "permisividade, cando non connivencia, dalgunhas administracións que alentaron, xustificaron e ampararon o delito de usurpación de inmobles". Ese suposto "amparo" atribúeo, en primeiro termo, á alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, "que chegou á política dende o activismo okupa".

Referencia na Plataforma de Contratación da Xunta ao contrato coa Universidade de Castilla-La Mancha para o informe sobre ocupacións de vivendas CC-BY-NC-SA Praza Pública

Boa parte das alertas e reflexións políticas do informe non son orixinais nin elaboradas especificamente para a Xunta. Ben ao contrario, chegan literalmente dunha proposición de lei sobre esta materia rexistrada o pasado ano polo PP nas Cortes de Castilla-La Mancha. Segundo sinalaran daquela os populares desa comunidade autónoma, o seu texto fora redactado por un equipo de dirixentes do partido liderado pola propia Valmaña.

O documento reproduce literalmente parágrafos enteiros dunha iniciativa presentada polo PP en Castilla-La Mancha varios meses antes que, segundo o propio partido, fora redactada por un equipo dirixido pola mesma dirixente que elaborou o informe pagado pola Xunta

Así, por exemplo, parágrafos enteiros da exposición de motivos da proposición de lei formulada polo PP castelán-manchego en outubro de 2020 figuran transcritos, literalmente, no informe redactado por Valmaña para a Xunta, asinado pola profesora e dirixente do PP en febreiro deste 2021. É o caso, por exemplo, da súa referencia á unha suposta "permisividade, cando non connivencia, dalgunhas administracións" co delito de usurpación, punto no que Valmaña introduce, no documento para a Xunta, a referencia á alcaldesa de Barcelona.

O documento asumido pola Xunta como propio tamén ten reproducidas, literalmente, frases referidas á "protección social da vivenda" e o seu "innegable protagonismo dos poderes públicos". Igualmente, transcribe a advertencia de que "o que non establece a Constitución é que os cidadáns teñan dereito a executar por si mesmos ese dereito xenérico", e reproduce a referencia a que o delito de violación do domicilio (allanamiento, no orixinal en castelán) é "invocado insistentemente polas persoas que realizan a usurpación para rexeitar calquera intento do lexítimo propietario" para "recuperar a posesión do inmoble".

Algúns dos parágrafos da iniciativa do PP de Castilla-La Mancha en outubro de 2020 (esquerda), reproducidos no informe de Valmaña para a Xunta en febreiro de 2021 [Preme na imaxe para ampliala] CC-BY-NC-SA Praza Pública

Tras estas referencias e alertas, Valmaña formula no seu informe unha proposta de modificación de diferentes leis de ámbito estatal para perseguir con máis dureza as ocupacións ilegais. Esa proposta, que agora a Xunta asume como propia, é moi semellante á defendida o ano pasado polo PP nas Cortes de Castilla-La Mancha, onde finalmente saíu aprobado outro texto sobre o mesmo asunto, pero promovido polo Goberno rexional que preside Emiliano García Page (PSOE). Como na exposición de motivos, algúns artigos da proposta son literalmente os mesmos aos formulados polo PP castelán.

Xunto a estes parágrafos e argumentos de importación, Valmaña asegura que Galicia está a sufrir un incremento "exponencial" dos casos de ocupacións ilegais nos seus xulgados. Para facelo, compara os datos de 2019 cos de 2018, pero obvia que durante máis da metade daquel ano 2018 a actividade xudicial en Galicia estivo fortemente condicionada e practicamente paralizada durante meses a causa da folga do persoal da Administración de Xustiza.

Na plataforma de contratos da Xunta tamén figura unha contratación coa USC por 10.000 euros, pero a vaguidade do seu concepto impide saber se é o outro informe sobre ocupacións contratado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

É relativamente habitual que os partidos de ámbito estatal aproveiten e reciclen as iniciativas formuladas nun determinado parlamento autonómico para defendelas noutro territorio. Si é menos frecuente que esta importación non se produza a través das canles internas do partido, senón por medio dunha contratación pagada polo Goberno, neste caso da Xunta, que á súa vez presenta o resultado como produto dun servizo profesional dunha experta cuxa vinculación partidaria non mencionou a Consellería na súa presentación do informe.

Xunto co informe redactado pola profesora da Universidade de Castilla-La Mancha e dirixente do PP, a Xunta presentou tamén outro informe sobre este asunto, no seu caso redactado polo profesor da USC Santiago Brage. Na plataforma de contratación do Goberno galego -espazo destinado á difusión dos contratos públicos- non figura ningún contrato menor con Brage e tampouco ningún coa USC centrado nun informe sobre a ocupación de vivendas. 

Si figura un contrato menor coa USC datado apenas catro días antes que o formalizado coa Universidade de Castilla La Mancha, neste caso por importe de 10.141,16 euros, IVE incluído. No entanto, a Consellería só indica no concepto desta contratación a expresión "contrato menor de servizos", polo que pode ser o relativo ao informe de ocupacións de vivendas ou calquera outro.

Proposición de lei do PP de Castilla-La Mancha sobre ocupación de vivendas (outubro 2020) e informe encargado pola Xunta sobre o mesmo asunto (febreiro 2021)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.