A Xunta pecha catro colexios en Fene, Vila de Cruces, Vilagarcía e Marín

Imaxe dun centro escolar CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Consellería de Educación fai oficial a supresión de dous centros de primaria e a integracion noutros de dúas escolas infantís co argumento de que é necesario “para adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar”

A Xunta fixo oficial este venres no Diario Oficial de Galicia a habitual reordenación de unidades escolares e postos docentes en todo país de cara ao próximo curso escolar. E como vén sendo habitual desde hai anos, cun novo recorte de centros educativos, desta volta en Fene, Vila de Cruces, Vilagarcía e Marín.

Se na última década e media o habitual foi o peche de escolas unitarias, con máis de duascentas desaparecidas, desta volta as que quedan mantéñense e desaparecen, como o ano pasado, dous centros de educación infantil e primaria (CEIP) e intégranse noutros centros outras dúas escolas de educación infantil (EEI).

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o presidente, Alfonso Rueda, nunha imaxe recente CC-BY-SA Xunta de Galicia

Canto ás supresións, estas afectarán ao CEIP de Sillobre, en Fene, e ao CEIP de Merza, en Vila de Cruces. Pola súa banda, as integracións afectarán aos concellos de Marín e Vilagarcía de Arousa. No primeiro, a EEI Nosa Señora do Carme integrarase no centro de educación primaria (CEP) de Sequelo-Marín, que mudará a súa denominación a CEIP. E en Vilagarcía a EEI Vagalume integrarase no CEIP Arealonga. 

Segundo a Xunta, as supresións débense "á falta de matrículas", con ningunha rexistrada en Merza e só tres en Sillobre, e di que "en todos os casos, estas decisións son froito do consenso das comunidades educativas e das administracións locais respectivas".

Como en anos anteriores, a Xunta xustifica estas e outras mudanzas nas prazas de profesorado en centros de toda Galicia “para adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar e ás exixencias duns cadros de persoal que incidan na atención á diversidade coa introdución de profesorado especialista e a mellora da súa oferta educativa”.

A Xunta di que os centros de infantil e primaria "terán 130 aulas máis o próximo curso que antes da pandemia malia perder case 9.200 alumnos", pero a CIG asegura que haberá "59 unidades menos"

Ao tempo, o Goberno galego asegura que os centros de infantil e primaria "terán 130 aulas máis o próximo curso que antes da pandemia malia perder case 9.200 alumnos". E di que "tendo en conta as necesidades de escolarización e para atender a demanda en determinadas zonas de maior dinamismo demográfico, nestes momentos a Consellería ten programadas ampliacións de centros (como é o caso da ampliación do instituto IES Pedras Rubias en Salceda de Caselas ou o Antón Losada Diéguez da Estrada) e de novas construcións (como o novo instituto de Navia en Vigo ou o novo colexio do Milladoiro, en Ames)".

Pola súa banda, segundo un "estudo rápido" realizado pola CIG, as mudanzas da Xunta supoñen o peche de 33 unidades en educación infantil e 25 en educación primaria, un total de 59 unidades menos que para o sindicato "fan que nos atopemos con case 100 docentes menos no sistema educativo galego nos niveis de Infantil e Primaria".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.