Anova aposta por unha candidatura "nacional galega" que vaia máis alá do nacionalismo

Beiras intervindo na Conferencia Política Nacional de Anova, este sábado © Anova

A Conferencia Política Nacional de Anova, celebrada este sábado en Compostela, aprobou unha resolución sobre as vindeiras eleccións xerais e os posibles procesos de confluencia que se poidan dar. "As mareas, xunto coa cidadanía activa e os partidos da esquerda rupturista constitúen os tres piares nos que debería cimentarse unha alternativa política e electoral de cara ás eleccións ás Cortes", destaca.

En canto ás fórmulas electorais concretas, Anova considera que "existen algunhas fórmulas electorais que non responden aos obxectivos estratéxicos de creba democrática, protagonismo da cidadanía, proceso constituínte e libre decisión do pobo galego como suxeito soberano". Por unha banda, desbota as propostas "que entenden unha candidatura galega como un apéndice –electoral– dunha outra marca de ámbito estatal". E, pola outra, salienta que aínda que Anova pulará "por unha alternativa nacional galega, pois o suxeito debe ser a cidadanía galega", descarta tamén "unha candidatura exclusivamente formada polo nacionalismo organizado".

A formación considera que son "as mareas, xunto coa cidadanía activa e os partidos da esquerda rupturista constitúen os tres piares nos que, ao entender de Anova, debería cimentarse unha alternativa política e electoral de cara ás eleccións ás Cortes"

No documento, Anova reclama "diálogo político" entre os distintos axentes sociais e políticos, priorizando "procurar a onde imos e que queremos lograr" antes ca "un diálogo sobre fórmulas de confluencia baseadas na demoscopia e na submisión ao mercado electoral". "Falar antes de fórmulas electorais que de obxectivos políticos é poñer o carro diante dos bois", engaden. "Toda fórmula electoral será exitosa no noso país se existe unidade en base a obxectivos claros a favor da maioría social e respectando Galiza como suxeito soberano en todos os contextos, tamén no das eleccións ás Cortes do Estado", subliña.

A formación considera que son "as mareas, xunto coa cidadanía activa e os partidos da esquerda rupturista constitúen os tres piares nos que, ao entender de Anova, debería cimentarse unha alternativa política e electoral de cara ás eleccións ás Cortes" e reclámalles a súa participación nun proceso de configuración dunha alternativa a novel nacional: "Estes procesos de confluencia local, ao noso xuízo, serían incompletos sen unha confluencia a nivel nacional, por canto o suxeito colectivo é a nación. As mareas teñen hoxe responsabilidades institucionais moi grandes no nivel local, mais tamén a responsabilidade de non ficar tan só en procesos locais ou localistas".

En canto aos debates ao redor da "unidade do nacionalismo", Anova salienta que "a nación a constitúen todos os cidadáns e cidadás, e non só os militantes nacionalistas". "Isto é, non son as organizacións partidarias nacionalistas quen encarnan o suxeito político", subliña. En consecuencia, engade, "non está entre os obxectivos de Anova a unidade do nacionalismo, entre outras cousas porque o nacionalismo non é unha ideoloxía, senón que existen diversas ideoloxías nacionalistas que, pudendo confluír ás veces en obxectivos comúns, poden e de feito son diverxentes na forma de entender a supervivencia e benestar da nación".

"Falar antes de fórmulas electorais que de obxectivos políticos é poñer o carro diante dos bois"

Anova mantén a súa aposta pola "Fronte Ampla e a Unidade Popular", como fórmulas "para a axudar a construír ese espazo político de ruptura co actual réxime e camiñar, sempre co protagonismo cidadán como bandeira, cara a horizonte dun novo proceso constituínte que, para nós, deberíase cristalizar en: dereito a decidir, república, democracia radical e novo modelo económico e social".

Beiras intervindo na Conferencia Política Nacional de Anova, este sábado © Anova
Un momento da Conferencia Política de Anova © Anova

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.