Anova reflexiona sobre como "traballar nas mareas"

Xosé Manuel Beiras, na asemblea deliberativa de Anova © S.T.

Baixo o lema Escoitar para deliberar desenvolveuse a asemblea deliberativa de Anova Irmandade Nacionalista. Baixo as premisas do respecto, da escoita activa, da igualdade e da libre expresión os participantes cooperaron para mellorar e transaccionar propostas orientadas á asemblea nacional que a organización celebrará o 11 e 12 de outubro.

O tema máis controvertido foi o da participación dos expulsados na vindeira asemblea nacional

As persoas que desempeñaban o papel de moderación e sintetización eran alleas á organización para garantir a neutralidade. A asemblea estruturouse en catro bloques temáticos: ético e de dinámicas de irmandade, organizativo, ideolóxico e político e social. E a reunión desenvolveuse nun clima calmado. Durante a mañá o tema que xerou máis controversia foi o da participación dos expulsados na vindeira asemblea nacional. Tras varias intervencións chegouse ao acordo de presentar a emenda de que os expedientados dispoñan de tres minutos para expor a súa situación e os procesos expedientais. Posteriormente, levarase a cabo unha votación para decidir se poden participar na que eles non estarán presentes.

Os puntos que xeraron máis consenso foron a necesidade dunha maior flexibilidade no pago de cotas, a incrementación da cultura feminista e a eliminación do discuso-espectáculo.

 

Portavocía ao unísono

O portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras interveu durante o segundo bloque ao fío da proposta dun militante de crear unha poliportavocía, un liderádego compartido para chegar a un empoderamento colectivo. Beiras afirmou que levaba defendendo iso "xa dende o BNG". "Nesta última ocasión eu dixen que aceptaba sempre que o de portavoz fose un rol exento de potestade executiva". O parlamentario lamentou que "a situación interna de Anova provocou que tivese que dar pasos adiante no canto de atrás". Nesta liña engadiu que para que exista unha poliportavocía quen a detente debe falar "cunha soa voz, non ser unha serie de voces disonantes, unha gaiola de grilos".

"A situación interna de Anova provocou que tivese que dar pasos adiante no canto de atrás", dixo Beiras

Outra cuestión complexa foi a da Comisión Ética e de Garantías. Varios militantes pularon pola súa desaparición e cualificárona como órgano "feixista". Tamén xurdiu a idea de conformala por sorteo e que non se derive da Asemblea Nacional para evitar parcialidade. Outra opción proposta foi a de aproveitar as estruturas de mediación doutros movementos sociais para resolver os conflitos. En fronte disto apareceron voces que reclamaron a importancia deste órgano para "lavar os trapos dentro da casa".

Tamén se debateu sobre as listas abertas ou pechadas para conformar a Coordenadora Nacional. A proposta que xerou máis consenso foi a primeira aínda que o coordinador nacional, Martiño Noriega, afirmou que todos os métodos son bos "dependendo do momento".

 

Nacionalismo e mareas

Durante a xornada vespertina a organización do nacionalismo plasmouse nalgunhas intervencións que reclamaron unha "ruptura amigable" entre aqueles que só contemplan a posibilidade dunha fronte nacionalista e os que prefiren unha fronte ampla. Afirmaron que "debe ser unha ruptura sen dramatismos, porque con esa xente temos aínda moito que colaborar". Nesta ocasión o deputado Antón Sánchez foi rotundo: "eu non estou pola separación, engadir sempre o que se poida pero de cortar nada".

"Traballemos nas mareas, non sexa que rematemos nós mareados", reclamou o deputado Antón Sánchez

Sánchez tamén foi taxativo nas suspicacias que algúns militantes expuxeron sobre a participación nas diversas mareas cidadás que xorden polo país. O deputado pediu non "perderse en teorizacións e actuar politicamente". "Traballo, traballo e máis traballo, traballar nas mareas, non sexa que rematemos nós mareados", concluíu. Nesta liña, Noriega explicou que Anova non tiña que avergoñarse de ser un ente "partidario" pero si ser quen de, "con xenerosidade", integrarse nun proceso de mestizaxe cos movementos sociais e o empoderamento cidadá.

Nun marco máis teórico houbo varias intervencións que pediron resaltar nos textos o "aspecto diferenciador" do pobo galego, a importancia do internacionalismo e o reto de Anova de ser quen de actualizar a traxectoria do nacionalismo.

Para evitar o confronto directo, os asistentes tiñan un cartón rosa escuro para expoñer o seu total acordo ou rosa claro para mostrar un acordo matizado. O obxectivo era a proposta en positivo e evitar o confronto. As e os participantes foron respectusos entre eles e no uso do tempo, polo que a asemblea transcorreu segundo o tempo previsto e sen problemas de orde.

Xosé Manuel Beiras, na asemblea deliberativa de Anova © S.T.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.