Demasiados embarcadoiros turísticos na Ribeira Sacra: o Estado 'intervén' o sector para garantir o respecto ao medio ambiente

Embarcadoiros e turistas na Ribeira Sacra CC-BY-SA Xunta de Galicia

Só no encoro dos Peares hai 10 autorizados e solicitudes para outros 11, o que levou á Confederación Miño-Sil a suspender novas autorizacións e encargar unha planificación que garanta a compatibilidade de usos

A finais do pasado ano a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, decidiu suspender durante 12 meses a tramitación de novos embarcadoiros nos principais encoros da Ribeira Sacra. Foi unha medida que tomou ante a súa proliferación e mentres elabora un plan de ordenación da navegación e o atraque nesa zona que sexa compatible coa preservación dos seus valores naturais. 

Pero a redacción dese plan aínda comeza agora, cun prazo de elaboración doutro ano, o que aboca a unha prórroga da intervención estatal dun sector que o departamento de Turismo da Xunta quere potenciar ao tempo que é visto con precaución pola súa súa Dirección Xeral do Patrimonio Natural

Embarcadoiro e turistas na Ribeira Sacra CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo a resolución coa que o 25 de novembro pasado a Confederación Miño-Sil suspendeu a tramitación de novas autorizacións de embarcadoiros nos encoros dos Peares, no Miño, e Santo Estevo, no Sil, esta decisión tería "un prazo máximo de 12 meses". A medida tomouse entre outros motivos porque "no encoro dos Peares existen 10 pantaláns autorizados e actualmente se pretende instalar 11 máis", o que suporía "duplicar a ocupación" nunha zona declarada ben de interese cultural (BIC). A Confederación tamén tiña sobre a mesa outras tres solicitudes para o encoro de Santo Estevo, en zona de especial protección ambiental. 

Así que ao tempo que decidiu a paralización temporal de novas autorizacións a Confederación encargou a redacción dun plan de ordenación da navegación e o atraque na Ribeira Sacra, que abarca os anteditos encoros dos Peares e Santo Estevo así como o de San Pedro, situado entre os dous, en augas do Sil. Un plan que non só avaliará o posible impacto ambiental de cada instalación senón do conxunto de todas elas.

Canóns do Sil na Ribeira Sacra CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pero se a intervención do sector para planificalo correctamente foi decretada o 25 de novembro, o contrato para redactar o estudo e preparar a súa avaliación ambiental global non foi sacado a concurso ata catro meses máis tarde, o 31 de marzo. E aínda foi formalizado o pasado 6 de xullo, momento no que comezan a contar os 12 meses de prazo que superarán amplamente a suspensión temporal. Ademais, unha vez rematado o estudo, haberá que lograr a autorización ambiental da proposta, cuestión que xa non depende da Confederación, que se ve así abocada a prorrogar a intervención do sector mentres non o reordena.

O departamento de Patrimonio Natural da Xunta vén advertindo desde 2015 da necesidade de avaliar globalmente o impacto dos embarcadoiros da Ribeira Sacra, pero ao tempo Turismo de Galicia quere impulsar esa actividade económica

Na súa resolución de paralización de novas autorizacións a Confederación Miño-Sil sinala que xa en 2015 a Consellería de Medio Ambiente da Xunta advertiu, ao tramitar os permisos ambientais dun novo embarcadoiro, que "este tipo de instalacións debe ser sometido a unha fonda análise das repercusións ambientais polo efecto acumulativo con outras infraestruturas", e suxeriu "someter o conxunto de instalacións" a unha avaliación ambiental global.

Cinco anos máis tarde, en 2020, a Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Xunta volvía pronunciarse na mesma liña durante a tramitación doutro embarcadoiro e reclamaba novamente "unha análise dos efectos acumulados dos novos proxectos sumados ás instalacións xa existentes na zona". 

Rueda en 2020 na presentación dun novo embarcadoiro no Sil, no encoro de Santo Estevo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Pero ao tempo outro departamento da Xunta, Turismo de Galicia, vén potenciando o turismo ligado ao uso dos encoros da Ribeira Sacra. O propio Alfonso Rueda, cando era vicepresidente primeiro e del dependía a área turística, apostaba por novos embarcadoiros en Santo Estevo, mesmo con obras que requirirían escavar nun dos cantís do Sil. Unha aposta por este aproveitamento económico da Ribeira Sacra que xustificaba pola maior demanda que a pandemia da COVID trouxo dun "turismo tranquilo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.