O Ministerio para a Transición Ecolóxica require unha avaliación ambiental completa da iniciativa porque “a Xunta non puido descartar que o proxecto non vaia causar impactos significativos”, pero o Goberno galego segue a impulsar outras actuacións similares
Dúas empresas están a tramitar senllos proxectos para a instalación de novos peiraos flotantes ou pantaláns no encoro de Santo Estevo, no Sil, onde xa operan varios catamaráns turísticos, en plena Ribeira Sacra, Zona de Especial Conservación (ZEC) protexida a nivel ambiental pola Rede Natura 2000 e que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade. O Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de decidir, en dúas resolucións feitas públicas no Boletín Oficial del Estado (BOE) do 3 de decembro, que esas actuacións se sometan a unha avaliación ambiental completa, e non só a unha simplificada como se solicitaba, polas dúbidas de distintos departamentos de varias administracións, incluída a Xunta, a respecto do posible impacto que poderían ter polo seu efecto acumulativo sobre as xa existentes. No caso dun dos embarcadoiros a construír nun lugar no que hoxe non operan os catamaráns chégase a estimar en 20.000 o número de novos usuarios só no primeiro ano.
Malia ás súas dúbidas sobre eses proxectos transmitidas ao ministerio, a Xunta anunciou só dous días despois de facerse públicas as resolucións ministeriais a súa intención de impulsar outro embarcadoiro novo nas proximidades.
As resolucións do ministerio reclamando unha mellor avaliación ambiental refírense a dúas iniciativas presentadas no marco dun procedemento de competencia de proxectos aberto pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil: por unha banda a empresa Hemisferios SL, que xa opera catamaráns na zona, propón un embarcadoiro na zona na que xa existen xunto ao encoro de Santo Estevo na marxe esquerda do río, e outro novo augas arriba no lugar de Rabacallos aproveitando unha rampla xa construída para desde alí ofrecer rutas de recorrido intermedio; e por outro lado a empresa Explortursil SLU propón un novo embarcadoiro só no primeiro lugar, xunto ao encoro. Nos dous casos habería tamén outras instalacións e servizos anexos para deportes náuticos.
Un dos proxectos prevé “para a fase de explotación un uso do embarcadoiro de Santo Estevo de 28.000 usuarios/ano, e para o pantalán de Rabacallo de 20.000 usuarios o primeiro ano"
No caso do primeiro proxecto, o propio documento ambiental co que o tramitan os seus promotores prevé, segundo recolle o ministerio, “para a fase de explotación un uso do embarcadoiro de Santo Estevo de 28.000 usuarios/ano, e para o pantalán de Rabacallo de 20.000 usuarios o primeiro ano, contemplando que en anos posteriores se incremente o número de usuarios”. Os propios promotores prevén “un impacto moderado noutras zonas nas que actualmente hai unha afluencia menor de visitantes, podéndose producir afeccións sobre a fauna e os ríos debidas ao incremento dos usuarios (bañistas, práctica de deportes acuáticos), das embarcacións a motor e do tráfico rodado”, pero consideran que ese impacto se reduciría cos medidas mitigadoras que propón o propio proxecto.
No caso do segundo proxecto, o ministerio indica que “suporá aumento de visitantes, pero non identifica posibles impactos sobre a Rede Natura 2000, salvo o aumento de lixos e a posible vertedura por derrames accidentais das embarcacións. Así mesmo considera como non significativo o efecto acumulativo con outros proxectos semellantes debido á propia actividade e a que o embarcadoiro proxectado é unha ampliación do xa existente”.
Tanto a Xunta como a Confederación Hidrográfica reclamaron unha análise dos efectos acumulados dos novos proxectos sumados ás instalacións xa existentes na zona, pero o Goberno galego anuncia agora outro embarcadoiro novo nas proximidades
Na súa valoración ambiental inicial dos proxectos a Confederación do Miño-Sil esíxelles que concreten diversos aspectos, pero é a Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Xunta a que leva ao ministerio a considerar necesaria unha avaliación ambiental máis fonda deles. Tanto a Confederación como a Xunta reclaman unha análise dos efectos acumulados dos novos proxectos sumados ás instalacións xa existentes na zona. Pero o ministerio sinala a respecto das alegacións da Xunta que “ao poñer de manifesto a necesidade de que o promotor presente todas estas xustificacións adicionais [...] a Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Xunta de Galicia non puido descartar que o proxecto non vaia causar impactos apreciables ou significativos”.
Nos dous casos o ministerio conclúe que a avaliación ambiental inicial realizada ata agora ao longo de todo un ano “non permitiu descartar que o proxecto non causará impactos significativos” sobre espazos protexidos “nin que non poida causar un prexuízo sobre a súa integridade”, polo que establece que os dous proxectos se sometan a unha avaliación ordinaria e completa do seu posible impacto.
Só dous días despois de que o BOE publicase esas dúas resolucións do ministerio reclamando unha mellor avaliación ambiental dos proxectos porque a Xunta dubida do seu impacto acumulativo, o vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciaba en Sober a súa intención de impulsar un novo embarcadoiro enfronte do actual de Santo Estevo máis próximo ao encoro pero na outra beira do río, na marxe dereita, no lugar dos Chancís. Alí xa existe un embarcadoiro que non está a ser utilizado pola dificultade de acceso tanto por terra como polo río ao seu emprazamento, situado baixo unha importante pendente e nun entrante de auga con pouco espazo para que manobren os barcos.
A Xunta defende o seu proxecto dun novo embarcadoiro que requirirá obras na ladeira da montaña pola demanda dun "turismo tranquilo" que provocou o coronavirus
A proposta da Xunta é desprazar os embarcadoiros fóra do entrante do río e crear un novo acceso ata ese novo emprazamento que requiriría facer obras na ladeira da montaña. A Xunta xustifica a actuación pola maior demanda dun "turismo tranquilo" xerada polo coronavirus pero non menciona en ningún momento as dúbidas sobre o impacto que suporía a acumulación de proxectos similares na zona que si trasladou en documentos técnicos oficiais.