En Marea gaña nas cidades e o PP só resiste entre os maiores de 55 anos

Papeletas dunhas eleccións galegas CC-BY-SA Merixo

A publicación en aberto por parte do CIS dos microdatos do estudo 3117, correspondente á enquisa preelectoral das eleccións xerais do 20 de decembro, permite analizalos polo miudo para ir alén da estimación de voto e do reparto de escanos que asolagaron os medios de comunicación hai agora 10 días. O traballo de campo ten como data central o 6 de novembro, hai agora algo máis dun mes.

O PP sería a primeira forza en Galicia nas catro circunscricións provinciais, con porcentaxes de voto directo superiores ás que obtén no conxunto do Estado. As maiores porcentaxes rexístraas nas provincias do norte e as menores nas do sur.

O PP sería a primeira forza en Galicia nas catro circunscricións provinciais. En Marea sería a primeira forza en intención de voto na Galicia máis urbana

A segunda posición global é para En Marea, que se coloca diante do PSOE por unhas poucas décimas de diferenza. Por provincias a coalición gaña nas occidentais, máis populosas, e o PSOE nas orientais, onde o custo de obter representación é menor. Malia a esta habitual diferenciación leste-oeste En Marea obtería as maiores porcentaxes de voto decidido na Coruña e Ourense.

Ciudadanos sería a cuarta forza en Galicia; Lugo e Pontevedra serían as circunscricións máis favorables para a forza laranxa. Nós-Candidatura Galega ficaría na quinta posición do panorama electoral galego, con niveis de voto decidido que, proxectados a voto real, non lle chegarían para obter representación, dada o tamaño das circunscricións galegas e a elevada concorrencia existente polos restos.

A distinción entre as sete cidades e o resto do País amosa que En Marea sería a primeira forza en intención de voto na Galicia máis urbana, onde mora un millón dos nosos concidadáns, en detrimento do PP, manténdose o resto de posicións como no conxunto do territorio.

En Marea, Ciudadanos e Nós melloran resultados nas sete cidades a respecto do resto dos concellos, en tanto acontece o contrario ao PSOE e sobre todo ao PP. A Galicia urbana concentra tamén maiores fraccións de electores indecisos e opacos, e do voto en branco.

E que acontece fóra das cidades? O PP sería a forza máis votada

A mostra das cidades apenas supera as 400 entrevistas, oscilando entre 26 e 116 entrevistas para cada unha, polo que moitas diferenzas nas porcentaxes que se presentan poden ser debidas a erros de mostraxe e ser estatisticamente compatibles cunha realidade ben diferente. Porén, en todas e cada unha das sete cidades En Marea ratificaría a condición de primeira forza urbana.

E que acontece fóra das cidades? O PP sería a forza máis votada, mais mentres nos concellos de máis de 10 mil habitantes En Marea retén a segunda posición con vantaxe sobre o PSOE, nos de menos dese tamaño é o PSOE quen atinxe o segundo lugar.

 

Nivel de mobilización electoral

A fidelidade de voto ao BNG cae até o 23% dos votantes que din telo votado en 2011, antes da escisión de Amio. En cambio un 30% dos seus antigos votantes optarían directamente por En Marea

A crise económica e política condiciona enormemente as preferencias de voto, como vén acontecendo en todas as convocatorias electorais desde o 15M. As persoas que observan unha situación económica e política boa ou moi boa tenden a prestar o seu apoio en maior medida a PP e Ciudadanos, mentres que as que as avalían como malas ou moi malas engrosan o voto de En Marea, PSOE e BNG. Esquerda e abaixo e en definitiva as crecentes desigualdades socioeconómicas promovidas desde o sistema político-institucional seguen moi presentes no devir político.

Entre as persoas que din ter pensado ir votar con certeza o 20D próximo fortalécese a intención de voto a En Marea a respecto das outras forzas principais, mentres que se debilita a xa feble porcentaxe de Nós, o que indica graos de mobilización distintos e opostos nas dúas opcións con carácter nacional galego e de esquerda máis evidente.

O PSOE cedería un continxente importantísimo de antigos votantes a En Marea: un 18%. É un transvase preelectoral dunha magnitude equiparable á que rexistrou o PSOE das autonómicas de 1997, cando foi superado polo BNG

As transferencias de voto explican o porqué deste fenómeno. A fidelidade de voto ao BNG cae até o 23% dos votantes que din telo votado en 2011, antes da escisión de Amio. En cambio un 30% dos seus antigos votantes optarían directamente por En Marea, isto é, unha porcentaxe superior á dos votantes que conservaría.

Tamén o PSOE cedería un continxente importantísimo de antigos votantes a En Marea: un 18%. É un transvase preelectoral dunha magnitude equiparable á que rexistrou o PSOE das autonómicas de 1997, cando foi superado polo BNG, ou da que se anotou AGE procedente do BNG nas autonómicas de 2012. As crises no PSOE galego e no BNG están garantidas, as catarses xa veremos.

En Marea sumaría ademais o 30% dos que votaron a forzas minoritarias en 2011, como Equo ou Escanos en branco, e tamén é a forza que recolle máis antigos abstencionistas e persoas que non lembran o que votaron hai catro anos.

Ciudadanos suma entre un 8% e un 10% dos antigos votantes do socialismo español pero tamén recibe porcentaxes semellantes dos antigos votantes do PP

Ciudadanos suma entre un 8% e un 10% dos antigos votantes do socialismo español, sinalando a súa entrada no centro político e até no centroesquerda morno ou á dereita do PSOE, pero tamén recibe porcentaxes semellantes dos antigos votantes do PP e, atención, do BNG. A estes fluxos de entrada na formación de Rivera engádese o 20% de quen votaron a outros partidos en 2011, fundamentalmente a UPyD, e o 11% dos que votaron en branco.

  PP PSOE BNG EU-IU Outros Nulo Branco Non Votou Non lembra N.R. Total
PP 59,8 0,3 1,5 - 9,1 - 2,9 10,9 7,4 4,7 21,1
EnMarea 2,1 18,3 30,3 80,8 30,3 25 8,8 13,5 9,9 4,1 13,8
PSOE 4,4 44,6 4,5 - - - - 7,8 7,4 1,4 13,3
C'S 9,8 7,6 9,1 - 18,2 - 11,8 7,3 6,2 2,7 7,7
NÓS - 0,7 22,7 1,9 - - - - 4,9 0,7 1,8
Outros 0,3 0,3 1,5 - 6,1 - - - - - 0,4
Nulo 0,3 0,3 - 1,9 3 75 - 3,6 2,5 0,7 1,5
Branco 1,8 1,7 1,5 - 6,1 - 35,3 6,2 1,2 3,4 3,5
Non votaría 1,5 3,8 - - - - 5,9 24,4 2,5 2,7 5,6
Non sabe 17,8 20,8 22,7 15,4 27,3 - 32,4 24,4 51,9 33,8 24,1
N.R. 2,3 1,4 6,1 - - - 2,9 2,1 6,2 45,9 7,4
Total 100 100 100 100 100 100 100 100 100 100 100

O colectivo de persoas indecisas representa algo máis dun cuarto do censo electoral, mais non un 41% como se publicou en abondosos medios de comunicación. É unha cifra media, habitual nos últimos anos

O colectivo de persoas indecisas representa algo máis dun cuarto do censo electoral, mais non un 41% como se publicou en abondosos medios de comunicación. É unha cifra media, habitual nos últimos anos, que non permite falar dunha situación diferente á doutras convocatorias. O maior volume de indecisos é dun 5,5% do censo e dubida entre PP e PSOE. Ségueo en importancia outro lote do 4,5% que se decidirá entre En Marea e PSOE. Terceiro é o que opta entre PP e Ciudadanos, do 3,9%, e cuarto o que dubida entre Ciudadanos e En Marea, do 3,4%. Este último grupo corresponde á metade máis nova e menos politizada do corpo electoral.

Resumindo: con menor probabilidade que os xa decididos un 14,6% adicional do censo podería chegar a votar ao PSOE, un 11,3% a Ciudadanos, un 10,8% ao PP,  un 9,4% a En Marea e un 1,8% ao BNG. Maioría de esquerdas nos indecisos e febleza relativa do PP e en Marea en caso dunha mobilización superior á debuxada polo voto decidido.

 

Breve descrición do electorado de cada forza

No tradicional eixo esquerda-dereita constátase a hexemonía do PP na dereita e de En Marea na esquerda. Os datos mostran o afianzamento arredor do centro de Ciudadanos, anque estendéndose ao centrodereita e centroesquerda nun fenómeno que lembra vagamente á cobertura ideolóxica da UCD hai 40 anos. O PSOE gravita sobre o 4 da escala acosado polo empuxe a un lado e a outro de En Marea e C’s. Xa cedeu o 3 á coalición multicolor pero aínda se mantén por diante de Ciudadanos no 5, posición que xa perdeu no conxunto do Estado.

No eixo nacional os datos agregados do CIS confirman que desde o ano 2009 o sentimento de identificación ou pertenza territorial en Galicia se atopa estancado arredor do 70/20/10, cunha inmensa maioría de cidadáns que se senten tan galegos como españois e unha leve inclinación galeguista no resto.

Por forzas políticas só Nós e en menor medida En Marea conservarían un electorado con orientación galeguista, en tanto o resto de candidaturas amosan unha composición equilibrada con hexemonía da identidade dobre ou mixta.

Algo diferente é a plasmación práctica da identificación nacional coa forma política de se organizar o Estado. Aínda que as opcións de resposta do CIS non abranguen todas as posibilidades as respostas amosan un equilibrio entre partidarios e detractores da autonomía política de Galicia. Os votantes de Nós e En Marea torcerían por unha maior autonomía e os de PP e C’s por recortala, permanecendo o PSOE nunha posición neutral. Con todo, a posición maioritaria é a defensa do Estado das Autonomías tal e como o coñecemos.

 

Perfil sociodemográfico

Segundo o CIS o electorado máis feminizado nestas eleccións correspondería ao PSOE

Para rematar este artigo de urxencia, deito algunhas notas sobre o perfil sociodemográficos dos votantes decididos. Segundo o CIS o electorado máis feminizado nestas eleccións correspondería ao PSOE, característica que partilla cos indecisos e opacos. O resto de forzas posúen unha maioría de votantes homes, mais salienta que nas forzas nacionais galegas este dominio sexa menor do que historicamente se ten rexistrado.

Tanto o PSOE como sobre todo o PP hexemonizan o voto das persoas máis vellas, mentres que En Marea é primeira forza entre as máis novas

A variable que, porén, segue determinando o sentido de voto é a idade. Existe unha fronteira xeracional e social nos 55 anos de idade, a das persoas nadas antes e despois de 1959, o inicio do desarrollismo, e dos electores que puideron votar a Constitución Española de 1978. Con esa raia en mente, tanto o PSOE como sobre todo o PP hexemonizan o voto das persoas máis vellas, mentres que En Marea é primeira forza entre as máis novas. Os perfís de voto por idade do bipartidismo e de En Marea e Ciudadanos é diametralmente oposto.

Ese condicionante de idade maniféstase nunha concentración do voto ao PP e ao PSOE nas persoas inactivas, e de En Marea e Ciudadanos nas activas e ocupadas, sendo o colectivo dos parados, que aposta maioritariamente pola candidatura multicolor, o que marca a maior diferenza entre as novas forzas.

Por estudos as conclusións son case análogas. As persoas sen  estudos ou con estudos primarios identifícanse en masa co PP. O PSOE diferénciase un pouco porque suma persoas con estudos secundarios. A diferenza de ambos as novas forzas suman as maiores porcentaxes de persoas con estudos de formación profesional e superiores.

E un último dato que debería facer reflexionar á prensa en papel máis tradicional deste país: a penetración do uso de internet por electorados, elevadísima para En Marea e Ciudadanos e minoritaria no PP.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.