Dende hai meses as redes sociais e as intervencións de diferentes forzas políticas inzáronse de imaxes da N-540, a principal vía de comunicación por estrada entre Ourense e Lugo, inzada de fochancas que dificultan ata facer practicamente imposible a circulación con seguridade. A situación é especialmente grave en treitos como a contorna de Chantada, onde esquivar estes fondos buracos é practicamente imposible. Mentres continúan as protestas e tras uns cantos amaños puntuais e diversos anuncios previos, o Ministerio de Fomento asegura que, agora si, a vai arranxar.
Apenas dous días despois da controvertida visita na que o ministro, Íñigo de la Serna, viaxou xunto a Alberto Núñez Feijóo nun tren Alvia fretado para a ocasión co obxectivo de anunciar futuras melloras na conexión ferroviaria entre ambas cidades, o Ministerio anuncio a través dun comunicado que esta estrada vén de ser incluída na "ampliación" das "zonas de rehabilitación urxente do firme" na provincia de Lugo. O "deterioro", di a nota, viuse "acelerado" polas "adversas condicións meteorolóxicas" do inverno e por iso dedicará algo máis de 5 milóns de euros a actuacións en tres estradas lucenses e na autoestrada A-6.
"O orzamento ampliouse para cubrir novas zonas que é necesario reparar, especialmente na N-540 na variante de Chantada, así como outros tramos desta estrada e da N-547", afirma Fomento. No mesmo paquete, agrega, inclúense as reparacións na A-6 na contorna de Outeiro de Rei, onde tamén se suceden as protestas dende hai meses.
En Marea, PSdeG e BNG reclaman dende hai meses o amaño desta estrada, que en áreas como a contorna de Chantada pon en risco a seguridade viaria, advirten
Esta reacción do Ministerio prodúcese despois de que, nas últimas semanas, as forzas políticas diferentes do PP urxisen as obras, varias delas ao pé da propia estrada. Na N-540, afirmou nos últimos días o voceiro de En Marea, Luís Villares, "está comprometida a seguridade das persoas que viaxan" e "non caben escusas de que non hai orzamento", toda vez que Fomento deixou "sen executar" amplas partidas. Nun sentido semellante, os deputados da formación por Ourense e Lugo Davide Rodríguez e Paula Vázquez Verao, difundiron nas redes sociais un vídeo para testemuñas o "abandono" desta estrada, que "reflicte a discriminación das provincias do interior".
Dende o PSdeG o seu secretario provincial, Álvaro Santos, liga este anuncio coa devandita visita do ministro de Feijóo. "Despois de sete anos coas portas da Subdelegación do Goberno pechadas, abríronas para rir dos lucenses" cos anuncios ferroviarios, pero tamén para seguir sen "ofrecer solucións" na N-540, xa que "din que están a bachear despois de prometer ata 20 millóns de euros para a súa mellora que nunca se executaron". O BNG, pola súa banda, vén lamentando que nos Orzamentos do Estado para 2018 figuren "cifras irrisorias" para esta estrada, onde "o firme é intransitábel e pon en risco a seguridade da circulación", advertiu a deputada Olalla Rodil.