“O Goberno do PP decidiu que non se podían facer novas transferencias a Galicia”, admite agora a Xunta

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, na entrevista na TVG Dominio Público Praza Pública

Desde que Feijóo asumiu en 2009 a presidencia da Xunta, Galicia non obtivo ningunha nova competencia. A última pola que se fixo un maior esforzo, a da xestión da autoestrada AP-9, deixou de ser unha prioridade para o Goberno galego. Neste contexto, este venres o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu nunha entrevista na TVG que “o Goberno do PP decidiu que non se podían facer” máis transferencias.

“Seguimos pedindo máis autogoberno”, di o vicepresidente malia que a Xunta non obtén novas competencias desde 2008

A Rueda preguntóuselle na entrevista polo posible “efecto contaminante” da crise catalá en Galicia e polas prioridades da Xunta ante unha posible revisión da Constitución. Rueda gabou a “estabilidade” da comunidade fronte a outras e apelou a “facer valer as características de Galicia como nacionalidade histórica”. E a continuación engadiu que “Galicia volvería poñer enriba da mesa todas esas peticións de transferencias de novas competencias que antes o Goberno socialista e logo tamén é certo o Goberno do PP decidiu que non se podían facer”.

“Nós seguimos pedindo máis autogoberno, máis transferencia de competencias”, dixo Rueda, quen exemplificou con “unha que está de actualidade e que podería dicir, a transferencia da AP-9”. Segundo dixo o vicepresidente, “máis autogoberno significa máis capacidade para poder intervir nas cousas que melloran o día a día dos galegos”.

“Máis autogoberno significa máis capacidade para poder intervir nas cousas que melloran o día a día dos galegos”, admite Rueda

Estas declaracións de Rueda contrastan con diversas actuacións e declaracións do Goberno galego do PP durante os últimos anos. Por unha banda, a transferencia da AP-9 deixou de ser unha prioridade, segundo admitiu o propio Feijóo, que se amosa satisfeito coa creación dunha comisión de seguimento da autoestrada na que Fomento permite que participe a Xunta e coa decisión do ministerio de asumir en solitario o pagamento da supresión das peaxes de Rande e Barcala tras rebaixalo unilateralmente por entender que Audasa obtivo un “enriquecemento inxusto”.

Na oposición Rueda criticaba os "14 traspasiños menores" logrados polo bipartito e posteriormente o PP incluíu promesas de transferencias nos seus tres programas electorais autonómicos

Por outra banda, na oposición o propio Rueda criticara que o bipartito só lograra “14 traspasiños menores” e que pola súa culpa Galicia non tiña  "nin Policía Autonómica, nin competencias en materia de tráfico por estrada" porque "non foron incluídas nese paquete de traspasiños". Aquela lexislatura, dicía daquela Rueda, foran "catro anos de sometemento a Madrid en materia de autogoberno".

Fronte a esa visión, o actual Goberno galego non foi quen de obter nin un só traspaso nos máis de oito anos que leva exercendo. O cal non impediu que en cada unha das tres campañas electorais nas que posteriormente saíu vencedor o PP incluíse nos seus sucesivos programas electorais promesas de transferencias que posteriormente non foi quen de obter.
 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.