O concello investigado polas dietas irregulares acumula catro secretarios e catro interventores en ano e medio

Bello Maneiro, no medio, alcalde de Valga © Xunta

Catro secretarios e catro interventores no que vai de mandato municipal en Valga. Até oito funcionarios públicos destes postos claves pasaron polo Concello onde a xustiza investiga as dietas presuntamente irregulares cobradas durante décadas polos edís do goberno local. Desde as eleccións de maio de 2015, onde o PP revalidou a súa maioría absoluta, foron varias as mudanzas e renuncias no persoal, que coinciden coas dúbidas que desde a oposición que exerce o PSdeG se deitaron sobre determinadas actuacións administrativas. Unha delas levou á denuncia sobre as polémicas comisións de coordinación instauradas desde hai décadas no municipio e polas que declararán en calidade de investigados sete dos nove edís do PP na localidade pontevedresa, entre eles o seu alcalde.

O último cambio foi a marcha do interventor que terá que declarar como testemuña no caso das dietas presuntamente irregulares

Foron moitos os cambios en apenas 20 meses. O último a marcha do interventor municipal, que tamén está chamado a declarar, en calidade de testemuña, no caso que investiga as comisións de coordinación. É o funcionario que emitiu a petición do xulgado o informe no que admitía que as devanditas comisións foran creadas "á marxe e non en substitución das comisións informativas regulamentariamente previstas" e na que se detallaba que a cantidade total cobrada en dietas polo edís do goberno nos últimos quince anos nestas xuntanzas ascendera a máis de 215.000 euros. 

Xa coa súa marcha, no pasado mes de xaneiro, o PSdeG preguntábase se era "pura coincidencia" que coincidise case no tempo coa súa citación para declarar como testemuña ante a xustiza e a dos edís en calidade de investigados ou se "agocha algo máis que se descoñece". En todo caso, cualificaba de "alarmante" a situación no Concello, onde os orzamentos continúan sen aprobar por eivas que foron advertidas polos administrativos, e onde "en pouco máis dun ano pasaron catro secretarios municipais e son tres [agora xa catro] os interventores que fiscalizan as contas públicas".

O novo secretario desde decembro fora incorporado polo goberno de Conde Roa a Compostela en condicións irregulares, segundo o TSXG

Tan só un mes antes, en decembro, quen tomaba posesión no Concello de Valga era un novo secretario. Facíao tras a marcha da anterior secretaria en setembro e logo de que se anulase un proceso selectivo para o posto que foi finalmente adiado. Incorporouse así para ocupar o cargo por acumulación, exercendo normalmente no municipio onde ten praza e un día á semana nesta localidade pontevedresa. O elixido foi Juan Salguero, un dos funcionarios incorporados ao Concello de Santiago polo goberno de Conde Roa en condicións irregulares, segundo o TSXG.

En 2011 e con menos de medio ano gobernando no Concello de Santiago, o PP -con Gerardo Conde Roa na alcaldía e Ángel Espadas como responsable do seu gabinete- esforzouse en prorrogar o contrato que o consistorio tiña con Aquagest. Naqueles días Espadas explicáballes aos responsables da empresa en Galicia e Compostela que a operación estaba practicamente feita e as únicas dificultades eran que o secretario e a interventora municipal "nos están torpedeando todo" e por iso traballaron para afastalos dos seus cargos. Esa remuda levouse a cabo e logo o TSXG anulouna, ordenando "o cesamento dos nomeamentos litixiosos", naquel caso de Juan Manuel Salguero e Vicente Calvo, e a reincorporación dos anteriores funcionarios. 

Para o posto de secretario a "primeira opción" para o goberno de Conde Roa era Francisco Cacharro, fillo do ex-presidente da Deputación de Lugo, "que non quixo vir por unha cuestión persoal". "Pero traemos a outro que non é peor, eh?", sinalaba Ángel Espadas nas conversas relatadas no sumario da Pokémon. Salguero foi, logo, quen elaborou o informe clave para a absolución de sete edís do PP, que  nun principio foran condenados a nove anos de inhabilitación por prevaricación ao aprobaren o pagamento da defensa xurídica doutro edil, imputado na Pokémon, sen atender aos requisitos legais.

Sexa como for, a súa figura é a cuarta que exerce como secretario municipal no Concello de Valga. Segundo fontes consultadas por Praza, non hai aínda por parte de ningún deles elaborado informe -nin a favor nin en contra- das polémicas comisións de coordinación que agora investiga a xustiza e cuxo coñecemento levou á denuncia da existencia de dietas semellantes en localidades como Outes, Noia ou Curtis

Desde o PSdeG, nun comunicado, aseguraban que tras as continuas marchas de secretarios e interventores nos últimos meses en Valga "subxace un problema importante: o concepto que algúns políticos teñen sobre o funcionariado público". "Algúns alcaldes -e concelleiros cómplices qu permiten isto- pretenden que os funcionarios públicos sexan subordinados de alcaldía, e impiden a través de presións ou ameazas a independencia dos mesmos", dicía.  "Moitos municipios pequenos tiveron durante moitos anos e seguen tendo secretarios e interventores administrativos do propio Concello, o que resultan moito máis vulnerables ante calquera presión", engadían. 

Casa do Concello de Valga Dominio Público Lameiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.