O congreso do PSdeG apostará por "unha gran coalición social progresista" para gobernar Galicia

Congreso Nacional do PSdeG en 2013 CC-BY-NC-SA PSdeG

Entre o venres e o domingo o PSdeG tentará facer oco na intensísima axenda política ligada ao proceso soberanista catalán para tentar facer ver que comeza, outra volta, a súa "reconstrución". Case vinte meses despois da dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, o décimo terceiro Congreso Nacional dos socialistas ratificará a Gonzalo Caballero como novo secretario xeral tras a súa vitoria nas primarias, pero tamén aprobará unhas teses políticas coas que a nova Executiva terá por diante o reto nada simple de que o partido "recupere o rumbo" e sexa quen de "construír un proxecto progresista gañador para Galicia".

Entre as tensións xurdidas en territorios como Ourense o secretario xeral electo empregou as últimas dúas semanas en tentar tender pontes con diversos sectores do partido para fiar a nova dirección, pero tamén para a redacción duns textos políticos cuxas liñas mestras salientou o partido este xoves. O relatorio marco que debaterá o medio milleiro de persoas que compoñen o plenario do congreso propón que o partido aposte formalmente por aspirar a unha "gran coalición social progresista" que poida "afrontar os graves problemas causados polo Partido Popular" e gobernar o país.

A dirección encabezada por Caballero fixará dúas referencias internas: o "proxecto que levou os socialistas á Xunta en 2005" e a vitoria de Pedro Sánchez

A tese política sobre a que traballará o Congreso Nacional apóiase en dúas referencias internas. A primeira, o proxecto "estratéxico que levou os socialistas galegos á presidencia da Xunta en 2005", en referencia á xeira iniciada en 1998 co ascenso ao liderado de Emilio Pérez Touriño. "Esta receita, baseada na socialdemocracia e o galeguismo, segue hoxe máis vixente ca nunca -di o relatorio- pois as dificultades económicas e os graves problemas sociais derivados da crise demandan aínda unha maior aposta pola liberdade, a igualdade e a solidariedade nas políticas públicas". A segunda referencia interna é a do "último congreso federal", o da ratificación da vitoria de Pedro Sánchez, como mostra de que o PSdeG debe "dirixirse cara a un novo modelo de partido".

Touriño e Laxe intervirán ante o plenario do Congreso Nacional

Esas dúas referencias, a da liña política defendida por Pedro Sánchez -a quen Gonzalo Caballero apoiou abertamente no proceso federal de primarias- estarán simbolizadas no propio plenario do Congreso Nacional coa presenza do ex-presidente Touriño e tamén de quen fora o primeiro titular socialista da Xunta, Fernando González Laxe. O conclave, afirman dende a formación, será "o escenario no que, por primeira vez tras deixaren a presidencia da Xunta, tomen a palabra ante o plenario dun congreso" do partido, un "xesto que expresa a intención de Caballero de afianzar o seu proxecto de renovación contando coas mellores referencias históricas do PSdeG", salientan. Na terceira xornada do congreso intervirá tamén o propio Sánchez.

Feminismo e ecoloxismo

O relatorio a debate propón definir o PSdeG-PSOE como partido "feminista" para evidenciar que "participa activament da loita polos dereitos políticos, económicos e sociais das mulleres"

Sobre esta base o relatorio político da cita congresual do PSdeG asegura que o seu reto e ser a "organización de referencia da esquerda en Galicia" e artellar un "proxecto progresista gañador" que incorpore novos elementos á súa definición ideolóxica. Así, detallan, o texto a debate combinará un amplo capítulo económico e outro de políticas sociais coa "incorporación do ecoloxismo ao perfil ideolóxico socialdemócrata e galeguista do partido".

Ademais, se o texto sae adiante tal e como chega formulado, o PSdeG definirase como partido "feminista" para evidenciar que "participa activamente da loita polos dereitos políticos, económicos e sociais das mulleres". Ao tempo, no plano interno mantén que a miltiancia cobrará un maior "protagonismo", cunha "chamada á participación activa na acción política e na toma de decisións". Todo isto, manteñen, "contribuirá decisivamente a articular ao redor do socialismo galego a maioría social necesaria para gobernar".

Caballero e membros da súa candidatura, tras coñeceren os resultados das primarias CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.